e-distrito


Banco Popular afunde e con el os restos do Pastor. Alternativas: quebra, rescate ou a compra por parte dun gran banco.

Banco Popular afunde e con el os restos do Pastor. Alternativas: quebra, rescate ou a compra por parte dun gran banco.

  O grupo Popular ten en Galicia 700.000 clientes e un 18´6 % de cuota de mercado.  En Marea propón a nacionalización.

  O seu deputado, Manuel Lago, denuncia a inacción da Xunta e advirte que se agravará a situación de oligopolio da banca en Galicia producida durante os últimos anos.

  06 xuño 2.017

  Entre a quebra, o rescate ou a compra por parte dun gran banco. Así se atopa na actualidade a última gran referencia que queda do finado sistema financeiro galego. Ao peche da sesión deste luns, as accións do Banco Popular Pastor cederon máis dun 18% (a maior caída do ano) e continuaban coa senda negativa dos últimos días no medio da incerteza sobre o seu futuro. Hai unha década, a matriz valía en Bolsa arredor de 20.000 millóns de euros e a tal hora está nos 1.400, logo de que absorbese a entidade galega hai seis anos tras pagar 1.362 millóns. 

  As accións do Popular perderon perto do 50% do seu valor nas últimas catro sesións na Bolsa de Madrid e a súa capitalización bursátil situábase nos 2.700 millóns o pasado martes. Ás caídas do 6%, o 18% e o 17,4% consecutivamente úneselle a deste luns para continuar coa caída libre da última semana. No último ano, o descenso aproxímase ao 80%. 

  Este martes, o seu presidente, Emilio Saracho -que accedeu ao cargo en substitución do galego Ángel Ron- e mais o seu conselleiro delegado, Ignacion Sánchez-Asiaín, manterán unha xuntanza co Banco Central Europeo (BCE) para analizar a situación e un futuro nada esperanzador que continúa mermando a confianza dos investidores. A entidade mantén silencio sobre o seu proceso de reestruturación pero as dúbidas e os ruxe-ruxes son cada vez maiores. 

  As opcións parecían claras non hai tanto: unha ampliación de capital ou a compra por parte dunha das grandes entidades estatais (BBVA, Bankia ou Santander). Pero o comprador non se decide e a posibilidade dun rescate por parte de Bruxelas está a complicar as cousas. Ademais, o FROB europeo (o denominado Mecanismo Único de Resolución, MUR) ten xa baixo vixilancia a entidade e as posibilidades de que os cartos públicos acudan de novo a salvar unha entidade española son cada vez máis reais, segundo avanzou a axencia Reuters. 

  Hai tan só dúas semanas, o ministro de Economía, Luis de Guindos, negaba que fose haber "unha inxección de capital pública" ao Popular, pero iso non desbota que haxa axudas a través de garantías estatais para cubrir posibles demandas de accionistas. A entidade, que hai seis anos absorbeu o Banco Pastor, tampouco se libra do risco de quebra. 

  Ao peche de 2016, o Grupo Popular tiña en Galicia unha cota de mercado do 18,6% e contaba con 691.500 clientes, dos que 123.300 eran pemes, autónomos e comercios. Logo da reestruturación que supuxo un ERE para uns 400 empregados en Galicia no último trimestre do ano pasado, a entidade decidiu reforzar a marca Pastor integrando á fin de vez os bancos, conservando tan só media ducia de oficinas do Popular e pasando case trinta á marca galega. Con máis de 230 oficinas e uns 1.200 traballadores, a situación do banco é especialmente preocupante en Galicia. 

  O último ERE chegou, ademais, tan só catro anos despois de que a integración do antigo banco galego no Grupo Popular supuxese unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola desaparición dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións

  En Marea propón a "nacionalización"

  Desde En Marea, o seu deputado Manuel Lago denunciou este luns a "falla de reacción" por parte da Xunta ante a "desaparición do Banco Pastor que está a piques de acontecer". "A venda da segunda entidade bancaria do país, con 250 anos de historia, só servirá para agravar a situación de oligopolio de concentración bancaria que levamos sufrindo en Galicia sobre todo nos últimos anos”, dixo ademais de advertir dos 1.200 traballadores das oficinas galegas da entidade que ven perigar o seu emprego. Para o tamén economista, a compra do Popular por parte dos grandes bancos do Estado suporía duplicidade de oficinas e "despedimentos de centos" de persoas no país. 

  Alén disto, Manuel Lago cre que sería "inadmisible" o "proceso de oligopolio" que provocaría, xa que "o 90% do mercado bancario estaría ne mans de cinco entidades, ao tempo que se afondaría na exclusión de determinadas zonas coa perda oficinas nas localidades e vilas pequenas". Para En Marea, a solución sería a "nacionalización" do Banco Pastor para "poñelo para servizo público". “Esta entidade ten que ser directamente nacionalizada e quedar en mans do Estado, asumindo os accionistas as perdas do que ten acontecido”, dixo. 

  Derivación de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.