e-distrito


Santander compra ao Popular por un euro e sálvao da quebra.

Santander compra ao Popular por un euro e sálvao da quebra.

  O banco de Ana Patricia Botín levará a cabo unha ampliación de 7.000 millóns de euros. Garantízanse os depósitos pero os accionistas perden a súa participación.

  O Ministro De Guindos garantiza que se trata dunha boa saída que permite que non se usen fondos públicos.

  España convértese no primeiro país europeo en aplicar a nova regulación según a cal os contribuíntes non deben ser os primeiros en soportar os rescates.

  En Galicia existe duplicidade de sucursais en máis dun centenar de concellos polo que é prácticamente segura unha nova reestructuración con peche de oficinas.

  Relacionado: banco-popular-afunde-e-con-el-os-restos-do-pastor-alternativas-quebra-rescate-ou-a-compra-por-parte-dun-gran-banco

  07 xuño 2.017

  O Estado, a través do seu brazo financeiro, o Fondo de Resolución Bancaria (Frob) anunciou á primeira hora da mañá a decisión de vender a Banco Popular a Santander polo prezo dun euro. A decisión pechouse ao longo da noite despois de que as entidades regulatorias asumisen que a entidade era inviable e que estaba a piques de afrontar problemas de falta de pagamentos. Desde as 8 da mañá, Santander garante a liquidez e faise responsable de que calquera depositante que acuda ao longo do día de hoxe a retirar o seu diñeiro de Popular poida facelo con total tranquilidade.

  A inminente quebra levou a que á Junta Única de Resolución, a autoridade competente para determinar a liquidación ou rescate das entidades bancarias europeas segundo a nova regulación, decidise activar o novo protocolo para salvar entidades. España convértese así no primeiro país europeo en usar este mecanismo e o Popular, no primeiro banco en ser intervido de acordo coas novas regras de xogo.

  Segundo a nova ordenación, os contribuíntes non deben ser os primeiros en soportar o rescate das entidades financeiras. Para lograr este efecto, decidiuse amortizar todas as accións do banco e tamén activar a conversión de parte da débeda. Con esta mecánica, os accionistas e parte dos acredores son os que puxeron o diñeiro para salvar a entidade que se supoñía un risco para a estabilidade financeira española e, polo tanto, europea.

  Para tomar esta decisión a situación chegara a ser desesperada. A Junta Única de Resolución explicábase nun duro comunicado asegurando que Popular estaba "a crebar ou a piques de crebar" con suficientes elementos para considerar que a entidade, en "un futuro próximo, sería incapaz de pagar as súas débedas".

  A operación é efectiva desde hoxe e para levala a cabo Santander realizará unha ampliación de 7.000 millóns de euros. Con ela cubrirá as necesidades requiridas de capital e provisións, segundo informou a entidade nun comunicado. Para dixerir o problema do ladrillo tóxico e as operacións relacionadas con el, Santander fará 7.900 millóns de euros de provisións adicionais para activos improductivos, incluídos 7.200 millóns de euros para activos inmobiliarios. Co que espera ampliar o nivel de cobertura de risco vinculado á actividade inmobiliaria do 45% ao 69%. Á vez que espera reducir os activos inmobiliarios nos próximos anos.

  A CNMV suspendeu a Popular de cotización. Pola súa banda, o Banco Central Europeo e o Banco de España tamén emitiron os seus comunicados nos que tamén recoñecen que a quebra era inminente, a pesar dos intentos da entidade por desmentir este punto nas últimas semanas.

  A Junta asegura que "non había ningunha previsión razoable" de que ningunha alternativa liderada polo banco ou ningunha medida tomada polos supervisores puidese evitar a caída da entidade nun período razoable de tempo. Ademais, asegura que o proceso de venda iniciado por Banco Popular non estaba a dar ningún resultado positivo, debido á dificultade do banco para lograr mobilizar a liquidez necesaria no tempo acordado.

  O banco leva sufrindo un duro castigo nos mercados nos últimos días. A semana pasada, as accións da entidade caeron case un 40% e esta semana, os títulos volveron a sufrir perdas en bolsa. Desta maneira, a capitalización de Popular caera ata roldar os 1.300 millóns de euros. Aínda que desde a entidade seguían tratando de desinvertir naqueles activos non relacionados directamente coa súa actividade para salvar os mobles.

  A xestión da información e a relación co mercado foron claves en que a entidade se deslizase polo precipicio e en que finalmente o seu destino fose unha profecía autocumplida. Tras a chegada do novo equipo executivo con Emilio Saracho á fronte (que procedía de JPMorgan) sucedéronse as filtracións sobre a venda da entidade e a inminente quebra. Os desmentidos do banco foron inútiles e o caos xerado ao redor das filtracións foi afundindo a confianza na entidade e provocando a súa caída. A puntilla chegou co atraso no proceso de venda. Nun primeiro momento, falábase de que a entidade daría de tempo ata o 10 de xuño para recibir ofertas. Un prazo que se ampliou ata finais de mes, o que deixou claro para o mercado o nulo interese por parte dos compradores. En principio, Santander, Bankia e BBVA estaban na recta final para expresar o seu interese.

  Os problemas de Popular veñen de longo, cunha difícil dixestión dos activos inmobiliarios ou a integración do banco Pastor no medio da crise como puntos crave. Nos últimos anos, a entidade viviu ademais tres ampliacións de capital e estivo inmersa en rumores de compra por outras entidades.

  Derivado de El Diario.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.