e-distrito


As 40 praias e ríos galegos onde non te deberías bañar este verán.

As 40 praias e ríos galegos onde non te deberías bañar este verán.

  A Axencia Europea do Medio Ambiente advirte de que a auga destas zonas ten unha calidade insuficiente debido á presenza de bacterias fecais.

  08 xuño 2.017

  Todos os anos, por estas datas, a Axencia Europea do Medio Ambientepublica o informe sobre a calidade das augas de baño no continente. Se no 2016 Galicia rexistraba 33 puntos negros, onde a calidade da auga era insuficiente para garantir o baño, en 2017 son 23 os lugares que permanecen nesta lista. Non en tanto, estas zonas supoñen só o 4,6 por cento do total. Dos 505 puntos incluídos na lista, o 73,9 por cento obtivo unha cualificación de “excelente“, o 15,4 unha clasificación “boa” e o 6,1 por cento unha clasificación “suficiente”.

  Esta redución, con todo, non é necesariamente positiva. Seguindo os criterios da UE e o Ministerio de Sanidade, no censo deste ano elimináronse 18 zonas de baño que nos cinco anos anteriores tiveran unha calidade insuficiente (“pobre”, poor, segundo a tradución literal do informe), tal e como indica o informe técnico elaborado pola Consellería de Sanidade. Así, segundo a normativa, a prohibición do baño neses puntos pasa a ser permanente. Estes lugares poderán volver a ser incluídos no censo no caso de levar a cabo algunha actuación encamiñada a mellorar a calidade da auga.

  Por tanto, este ano son 40 as praias e zonas de baño interiores (sobre todo en ríos), nas que o baño non é aconsellable. Existen 41 puntos en total, pero 2 deles atópanse na mesma praia: a de Gandarío, en Bergondo.

  A medición da calidade destas augas realízase en base a dous indicadores microbiolóxicos: as bacterias Escherichia coli  e o enterococo intestinal. Unha alta presenza destes organismos adoita relacionarse con vertidos de augas residuais e/ou fecais procedentes da agricultura, a gandería ou un deficiente sistema de saneamento. Numerosos estudos evidencian que bañarse en zonas que superen ditos parámetros pode causar diversas enfermidades dixestivas e, nalgún caso, respiratorias, polo que se desaconsella o baño.

  Unha parte de Barrañán (Arteixo), con Bandeira Azul, ten unha prohibición de baño “permanente”

  A lista que publica a UE amosa varios paradoxos. É o caso da praia de Barrañán, en Arteixo, que ten Bandeira Azul aínda que existe unha prohibición permanente ao baño nunha das súas zonas. Algo semellante acontece en Razo (Carballo), un extenso areal que conta con varias zonas de baño. Mentres que nun dos puntos de control a calidade da auga é boa, noutro lugar, próximo á desembocadura dun regato, os datos amosan niveis de calidade “insuficiente”. Na praia da Foz, en Vigo, nun estremo do areal de Samil, tamén se desaconsella o baño, aínda que no resto de Samil, dependendo do punto, a calidade é suficiente, boa e mesmo excelente.

  Zonas con calidade insuficiente

– Praias: A Concha (Cariño), Gandarío 1 e 2 (Bergondo), Delicias (Sada), Arnados-Razo (Carballo), Lires e Estorde (Cee), Virxe do Camiño (Muros), Testal-Taramancos (Noia),Raxó (Poio), Agrelo (Bueu), Sobreira (Moaña), Arealonga (Redondela), A Foz (Vigo).

– Zonas de baño no interior: río Tambre, en Niñáns (Brión), río Furelos (Melide), río Eume (As Pontes), río Rois, en Seira (Rois), río Neira (Baralla), río Chamoso (O Corgo), río Parga (Guitiriz), O Coiñedo (A Veiga), río Támega (Verín).

Zonas excluídas do censo

– Praias*: Penoural (Burela), Caranza e A Cabaña (Ferrol), Barallobre (Fene), Centroña e Ver (Pontedeume), Regueiro (Bergondo), Santa Cruz Porto (Oleiros), Ría de Barrañán (Arteixo), Camelle e Area da Vila (Camariñas), Sardiñeiro (Fisterra), A Concha (Cee), Peralto (Boiro).

– Zonas de baño no interior: río Saa (Pobra de Brollón), San Clodio (Ribas de Sil), A Bola (zona recreativa do Río Orille) e río Arzoá (Vilardevós).

  *En 2018 sumarase a praia de Testal, en Noia, que esta tempada cumpriu cinco anos consecutivos con calidade insuficiente.

   Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.