e-distrito


Feijóo avanza unha achega de 100 millóns para activar o Plan "Emprega en feminino"

Feijóo avanza unha achega de 100 millóns para activar o Plan "Emprega en feminino"

  Fomentará a igualdade na empresa, o emprendemento da muller e a súa incorporación ao mercado laboral. O obxectivo é reducir en 46.000 o número de parados neste colectivo ata 2.020. 

  09 xuño 2.017

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte a posta en marcha do programa Emprega en feminino, que activará 100 millóns de euros para fomentar a igualdade na empresa, o emprendemento da muller, o seu desenvolvemento profesional e a súa incorporación ao mercado laboral. Estas novas actuacións buscan reducir en 46.000 o número de mulleres en paro, na liña da Axenda 20 para o emprego, que contempla a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo de aquí ao final da década.

  Máis polo miúdo, Feijóo precisou que, co obxectivo de impulsar o acceso ao mundo laboral, ao que vai destinada a metade dos fondos do plan, potenciarase a certificación de profesionalidade para mulleres que se reincorporen ao mercado de traballo e incentivarase, cun 25% máis de axuda nos programas, as empresas que contraten nais paradas de longa duración para a súa reincorporación ao mercado de traballo .

  Por outra banda, destinaranse 20 millóns de euros ao desenvolvemento profesional deste colectivo, a través de diferentes accións, entre as que destacan os obradoiros para desenvolver competencias, a formación para o emprego vinculado á Industria 4.0 e aos sectores estratéxicos e o novo programa Excelsia, orientado á formación de mulleres para postos intermedios.

  Para fomentar a igualdade na empresa, o programa destinará máis de 5 millóns de euros encamiñados a combater a fenda salarial, desenvolver campañas de sensibilización e favorecer a contratación pública socialmente responsable das mulleres galegas.

  Do mesmo xeito, o presidente do Goberno galego explicou que outras das grandes prioridades do programa é o emprendemento e o autoemprego deste colectivo. Nese sentido, destinaranse 25 millóns de euros para fomentar a titularidade feminina en entidades de economía social e en actividades onde as mulleres aínda están subrepresentadas e reforzar o apoio ás iniciativas femininas de promoción do emprego autónomo e da economía social.

  Alberto Núñez Feijóo lembrou que Emprega en feminino complementa as demais iniciativas co mesmo fin que se puxeron en marcha desde as diferentes áreas da Xunta, como Medio Rural, Mar ou Igualdade. “Falamos, en definitiva, dun programa ambicioso, que busca completar a imprescindible incorporación da muller ao mercado laboral”, aseverou.

  Derivado de Xunta de Galicia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.