e-distrito


Eloxios e críticas pola doazón multimillonaria de Amancio Ortega á sanidade pública.

Eloxios e críticas pola doazón multimillonaria de Amancio Ortega á sanidade pública.

  Os pacientes agradecen o xesto e as asociacións médicas divídense entre as que tamén o eloxian e as que o critican por non atender ás necesidades reais e aproveitarse da enxeñería fiscal.

  Uns desexan que existiran máis grandes fortunas coa sensibilidade social de Ortega; outros acúsano de utilizar paraisos fiscais e de afondar na privatización dunha sanidade pública que debería de financiarse con cartos públicos para garantir o servizo.

  A confrontación tamén chega entre os que sosteñen que facían falla máis equipamentos para o diagnóstico e tratamento do cancro e os que apuntan a que hai equipamentos suficientes pero o que non hai é persoal suficiente tras os recortes do goberno como o constata o feito de que os fins de semana non se practican probas que non sexan de urxencia.

  13 xuño 2.017

  A Fundación Amancio Ortega vai doar 320 millóns de euros para equipos oncolóxicos. Os destinatarios serán os sistemas sanitarios públicos das comunidades autónomas. Cada autonomía recibirá diferentes montantes: Andalucía 40 millóns, Cataluña 47, Murcia 11 millóns de euros...E Galicia 17, nun convenio xa anunciado no país hai case dous anos. Sempre deberá gastarse a achega en "equipamento para o diagnóstico e tratamento do cancro".

  A quen pode lle pode parecer mal que haxa máis recursos na sanidade? Desde logo, aos pacientes de cancro encantoulles a idea. A Asociación de Cancro de Mama ou a Española contra o Cancro mostraron o seu contento ante a perspectiva de que se dote a diversos hospitais con máis aparellos deseñados para tratar a súa enfermidade. "Oxalá houbese moitos", aseguraron.

  Tamén a Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterapia (SEOR) fixo un recoñecemento público á doazón de Ortega o pasado 8 de xuño no seu congreso nacional: agradeceu "o apoio desinteresado" do empresario galego. A SEOR publicou un informe en 2016 que dicía que o 30% dos enfermos de cancro non recibía un tratamento axeitado por falta de material. E que con 280 millóns de euros paliaríase o problema.

  Con todo, hai uns días, a Asociación en Defensa da Sanidade Pública en Aragón discrepou. Opina que o sistema sanitario público non pode depender de doazóns particulares para cumprir a súa función. Outras asociacións parecidas no País Vasco ou nas Canarias apoiaron esa visión. Tamén en Galicia, a Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) instou a Amancio Ortega "a pagar os impostos que lle corresponden e abandonar os paraísos fiscais para que con eses cartos o Goberno de Galicia restitúa os recortes sanitarios realizados por Núñez Feijoo e a Conselleria de Sanidade" e denuncia as "manobras" para evitar pagar máis impostos. Xosé María Dios Diz, voceiro de SOS Sanidade Pública en Compostela, tamén se amosou crítico coa achega do fundador de Inditex. 

  O catedrático de Saúde Pública Ildefonso Hernández Aguado deita algo de luz: "Independentemente de que moitos afirmen que é mellor que nada, hai espazo para a crítica". Hernández Augado cuéstionase "quen pon as prioridades e o destino dos fondos". Neste caso, os millóns da Fundación Ortega teñen un único obxectivo: tecnoloxía oncolóxica.

  Un agasallo finalista

  É o carácter finalista desta doazón -"o capital ten que utilizarse nisto"- o que xera dúbidas nalgúns. "Non hai unha análise pormenorizada de cal é a necesidade", reflexiona Marciano Sánchez Bayle, ex-pediatra no Hospital Niño Jesús de Madrid e cabeza visible moitos anos da Federación en Defensa da Sanidade Pública.

  Sánchez Bayle lembra que doazóns "sempre houbo e adoitan ser finalistas". El preferiría que se puidese destinar o diñeiro onde se considerase, tras un estudo, que vai ser máis beneficioso: "Podería ser que fose máis útil ter máis pediatras, ou máis médicos de familia para que as consultas non estivesen tan presionadas, ou reforzar a atención primaria". O deputado rexional de Madrid e antigo conselleiro de Sanidade do País Vasco, José Manuel Freire, que asegura estar a favor destas doazóns, di que "o campo que elixiu Ortega da radioterapia ten necesidades"

  O catedrático Hernández Augado opina, como posición xeral, que "os servizos públicos deben ser sustentables". Sánchez Bayle insiste en que a sanidade necesita "un financiamento sostido e que proveña de fondos públicos". Freire si considera positivo e "importante que os servizos públicos estean abertos á xenerosidade. Aínda que esa xenerosidade non exime aos gobernos de dotar suficientemente aos servizos públicos".

  Desde a AGDSP, considérase que a doazón de Ortega "avanza na estratexia neoliberal de utilización intensiva de recursos tecnolóxicos, nun contexto de super-especialización e hospitalo-centrismo". E insiste en que, segundo a OMS a loita contra o cancro "debe basearse na promoción, a prevención de saúde e a Atención Primaria e non no diagnóstico da enfermidade cando esta afecta ó paciente". "As listas de agarda do cancro non son por falta de aparellos tecnolóxicos (que non se  utilizan polas tardes ou fins de semana), senón por falta de persoal e a mala xestión dos servizos", engade. 

  Impacto

  Desde logo, a doazón de Ortega tivo amplo impacto informativo. A rega de millóns vai ir desde Andalucía a Murcia pasando polas Canarias, Aragón, La Rioja ou Castilla-La Mancha e Castilla y León. Cada autonomía recibirá un diñeiro diferente. O anuncio dos 320 millóns fíxose en marzo pasado. Pero hai un ano tamén se publicitou un primeiro protocolo entre a Junta de Andalucía e a fundación. Anteriormente houbo actos públicos sobre o convenio coa Xunta de Galicia por 17 millóns. Trátase do mesmo acordo pero en fases diferentes, presentado varias veces.

  Os convenios entre Ortega e os gobernos autonómicos tamén teñen os seus efectos políticos. O xa ex-conselleiro de Sanidade andaluz Aquilino Alonso definía así o acordo no parlamento rexional o pasado 6 de abril: "Situará a Andalucía á cabeza da innovación no tratamento oncolóxico e que permite ampliar a capacidade terapéutica da sanidade pública andaluza de face ao futuro". Sobre quen decide o que se fai asegurou que "é o froito do establecemento, dentro do Plan Oncolóxico de Andalucía, da planificación dos equipos a renovar".

  En Galicia, por exemplo, a maquinaria de oncoloxía radioterápica do HULA de Lugo está financiada con parte da doazón de 17 millóns realizada ao Sergas pola entidade do propietario de Inditex en novembro de 2015. O convenio que asinaron Sanidade e a fundación incluíu 16 mamógrafos e 12 aceleradores de radioterapia de última xeración que se instalaron en varios centros hospitalarios de toda Galicia.

  A Fundación Amancio Ortega aliméntase case ao 100% das achegas do seu fundador, segundo as súas contas públicas. En 2015 foron 24,5 millóns de euros. A lei permite desgravar case un terzo das doazóns a fundacións. José Manuel Freire opina que é crucial que existan canles "claras e transparentes" para estes agasallos. Canles que "a día de hoxe en día non existen en España".

  Derivado de Praza.
  Foto: (c) Fundación Amancio Ortega.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.