e-distrito


Mobilizacións nos tres colexios que a Xunta decidiu pechar por sorpresa.

Mobilizacións nos tres colexios que a Xunta decidiu pechar por sorpresa.

  O goberno galego procedeu aos peches e traslado sen información nin negociación previa. A comunicación chegou a véspera do fin de curso.

  Docentes, familias, sindicatos educativose oposición parlamentaria rexeitan a medida e reclaman explicacións pola "improvisación" da Consellería de Educación. Os colexios están en As Pontes, O Porriño, e Outes.

  Sindicatos afirman que a decisión beneficia a centros privados próximos que seguen a recibir subvencións.

  27 xuño 2.017

  Na véspera de rematar o curso, a Xunta sorprendeu ao profesorado e ás familias de varios centros educativos anunciándolles sen previo aviso o seu peche. Así, a Consellería de Educación anunciou á dirección do CEIP Emilio Navasqüés en Cruceiro de Ro (Outes), á do CPI Monte Caxado (As Pontes) e á do CPI da Ribeira (O Porriño) que xa non abrirán as portas cando en setembro o alumnado regrese ás aulas. Ao tempo, a Administración anunciou tamén que elimina a oferta educativa da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e que suprime dez postos docentes no IES de Celanova. Todo un día antes de comezar as vacacións escolares. 

  O anuncio do peche colleu por sorpresa a docentes e pais. As anpas reuníronse de urxencia na tarde deste xoves no instituto das Pontes, que ten 195 alumnos de Infantil e Primaria e 67 da ESO. Os primeiros pasarán ao CEIP A Madalena, mentres que os segundos incorporaranse ao IES Moncho Valcarce, algo que segundo CIG-Ensino provocará a "saturación" destes centros, situados moi perto do que agora se pecha. 

  No caso de Outes, o peche do centro de Cruceiro de Ro supón a eliminación da oferta educativa nesa localidade e o traslado de todo o alumnado ao CEIP da Serra de Outes, afectando un total de 72 alumnos matriculados para o curso que vén. Desde a Xunta deféndense a decisións en base a criterios xeográficos, demográficos e pedagóxicos e co obxectivo de xestionar responsablemente os recursos. Ademais, advirten de que se respectarán os ratios máximos por cada aula. 

  Con todo, a reacción de pais e profesorado foi de sorpresa e indignación tanto nas Pontes como en Outes ou O Porriño, onde ambos colectivos convocaron concentracións. No caso de Ribadavia, a Consellaría de Educación comunicou o traslado da ESO ao IES do Ribeiro, no que implica, segundo os sindicatos, unha "masificación para o que quedaría como único centro de secundaria no Concello". Alén disto, tal e como destaca CIG-Ensino, está prevista unha redución de dez postos de traballo no IES de Celanova, o que "mermará a calidade educativa no centro, impedirá desdobres, diversificación, atención ao alumnado, impedirá que a comarca conte cun centro que poida ser referencia nas diferentes ofertas educativas obrigatorias e postobrigatorias". Ademais, destacan que na vila hai un centro concertado que imparte as ensinanzas da ESO "e que seguirá recibindo subvencións para manter no centro privado a oferta formativa a costa de desmantelar o ensino público".

  A CIG denuncia o peche de centros educativos completos e o traslado de ensinanzas "sen información nin negociación previa", mentres que a Federación do Ensino de CCOO de Galicia denuncia a medida "aproveitando o final do curso e "de forma unilateral", ademais de "reprochar" que só se informase "a través dos medios de comunicación".

  "Se a Administración era consciente da eliminación destes centros e ensinanzas, estariamos ante unha estafa ás familias que xa formalizaran as matrículas dos rapaces e rapazas nestes centros, amais da vulneración dos dereitos laborais do profesorado que impartía ensinanzas neles", di CCOO, que asegura que se, pola contra, a decisión se tomou xusto agora, no final do curso, "trataríase dun novo caso da falta de planificación, da improvisación e da ausencia de diálogo que nos últimos anos caracterizan a Consellaría de Educación".

  En Marea dixo xa "opoñerse de maneira decida ao peche inxustificado de colexios en Galicia". O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Luca Chao, participaron nas concentracións realizadas nas Pontes e Serra de Outes contra o peche de centro nestas dúas localidades coruñesas. O grupo, o do PSdeG e o do BNG xa pediron a comparencia urxente do conselleiro de Educación para que explique por que un día antes da finalización do curso escolar anuncia o peche de catro centros en toda Galicia "sen xustificación por falta de alumnado". 

  Ademais, o portavoz de Educación no grupo parlamentairo do PSdeG, Luís Álvarez, criticou unha decisión "unilateral e sen consulta previa”. “A Xunta non negociou con ningunha das partes afectadas, -ANPAs, docentes e  organizacións sindicais-,  nin informou da decisión até a véspera do fin de curso”,engadiu Olalla Rodil, portavoz da materia do BNG, sobre unha decisión que considera “un exemplo máis da política educativa do PP marcada polos recortes de centros e de persoal na educación pública, mentres reserva 1.550 millóns de euros á privado-concertada”.

  Para Compromiso por Galicia, a decisión "con nocturnidade e alevosía" da Xunta supón "unha forma de actuar escura, intentando non dar marxe de actuación e rompendo a capacidade de dialogo e encontro". "Vén demostrar a verdadeira cara de Feijoo; é este o xeito de actuar dun bo xestor?.  Parece máis ben a actuación dun fondo voitre", di a formación galeguista. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.