e-distrito


Feijóo anuncia o Bono Autónomo, con 3000 euros para que cada profesional consolide o seu negocio.

Feijóo anuncia o Bono Autónomo, con 3000 euros para que cada profesional consolide o seu negocio.

  Esta medida inscríbese na Estratexia do autónomo 2020, dotada con 40 millóns de euros anuais ata o final da década, que tamén inclúe a creación da Oficina do Autónomo.

  04 xuño 2.017

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que este xoves o Consello da Xunta aprobará a creación do Bono Autónomo, unha iniciativa que facilitará 3000 euros aos autónomos para consolidar o seu negocio. Calcúlase que esta medida poida beneficiar este ano a 1000 traballadores por conta propia, sempre que leven un mínimo de 42 meses de actividade. Con este bono poderanse financiar actividades como servizos de comunicación ou relanzamento comercial, un plan de mellora empresarial ou asistencia para xestión financeira ou optimización de procesos, entre outros.

  No encontro "Os nosos autónomos, a nosa forza", Feijóo repasou tamén algunhas das medidas da Estratexia do autónomo 2020, na que se inscribe o Bono Autónomo e que está dotada con 40 millóns de euros anuais ata o final da década. Entre elas está a Oficina do autónomo, unha xanela única na que cada autónomo poderá dispoñer de información de interese, como as axudas que pode recibir. “O autónomo non debe traballar para pagar a Administración, senón que a Administración debe traballar para facilitarlles a vida aos autónomos”, reivindicou.

  Tamén a ampliación en 16 semanas adicionais da bonificación do 100% da cota á Seguridade Social do traballador contratado cando unha persoa autónoma teña un fillo. “Deste xeito, a baixa por maternidade ou paternidade será o dobre que no resto de España”, afirmou o presidente.

  Prioridade política

  Feijóo lembrou que oito de cada dez euros dos fondos previstos para os autónomos ao longo de todo o ano xa estarán activados ao final deste mes. Isto únese á nova Lei de reformas urxentes do traballo autónomo que aprobou esta semana o Congreso dos Deputados, “unha moi boa noticia”, segundo a cualificou Feijóo quen declarou que cando estea aprobada de xeito definitivo, Galicia estará preparada para cumprir o compromiso de reforzar e ampliar a tarifa plana para novos autónomos que ofrece o Goberno central.

  Derivado de Xunta de Galicia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.