e-distrito


A planta láctea anunciada por Feijóo en precampaña redúcese a unha quinta parte do prometido.

A planta láctea anunciada por Feijóo en precampaña redúcese a unha quinta parte do prometido.

  O presidente da Xunta anunciaba a construcción da planta en Curtis con capacidade para transformar máis de 400.000 toneladas de leite ao ano; finalmente a capacidade será de 70.000 toneladas anuais.

  A situación lembra á promesa tamén de Feijóo e tamén na campaña electoral de setembro de 2.015 de que Pemex construiría un segundo flotel en Barreras e que finalmente a empresa mexicana desbotou en novembro do ano pasado.

  Arquivo (01 setembro 2.016): e-distrito.com/noticias/88/a-xunta-anuncia-a-chegada-planta-de-tratamento-lacteo

  05 xullo 2.017

  O 31 de agosto do ano pasado, poucos días antes das eleccións autonómicas do 25 de setembro que volvería gañar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuníase cuns empresarios e anunciaba a construción dunha nova industria láctea en Curtis “con capacidade para transformar máis de 400.000 toneladas de leite” ao ano, o 17% do total que produce Galicia. “Suporá un investimento de preto de 70 millóns de euros”, dicía o Goberno galego daquela. Agora a empresa, Goodleit, constituída medio ano antes, vén de someter o seu proxecto a información pública e as súas cifras caen notablemente a respecto do prometido. Terá capacidade para 70.000 toneladas ao ano, menos dunha quinta parte do prometido, e só a construción da planta suporá un investimento de 18,5 millóns, unha cuarta parte.

  O documento co que a empresa vén de iniciar a avaliación ambiental do seu proxecto, que se instalará nunha parcela xa urbanizada do polígono industrial de Teixeiro, en Curtis, revela que as cifras ofrecidas pola Xunta a poucos días das eleccións do pasado 25 de setembro quedan moi grandes. A propia empresa fala de posibles ampliacións futuras, pero salienta que de producirse deberían de someterse novamente a unha avaliación ambiental como a que agora comeza para o seu proxecto inicial. Este consistirá nunha planta con capacidade para procesar unhas 70.000 toneladas de leite cru ao ano, cifra que queda moi lonxe das 400.000 anunciadas pola Xunta, que salientaba que suporía o procesamento do 17% dos 2,5 millóns de toneladas que produce Galicia cada ano. A cifra que emprega agora a empresa suporía o 2,8%.

  A descrición que fai a propia empresa do seu proceso de recepción do leite da unha mostra das dimensións reducidas do proxecto. A planta contará cun único punto de recepción de cisternas e espazo para un máximo de catro “en futuras ampliacións”. Poderá descargar unha cisterna cada hora “durante as 8 ou 10 horas de recepción de leite”, di, para engadir noutro punto que o tráfico de camións será de “11-12 ao día, que poderían ser ata 70 en futuras ampliacións”. Con esa capacidade inicial, a planta terá unha capacidade de procesamento “de entre 160 e 200 toneladas de leite cru” cada día. Noutro punto da súa memoria a propia empresa cifra en “70.000” as toneladas anuais a procesar. Canto á saída do produto xa elaborado, a empresa di que os camións de carga de “produto final” serán “1-2 ao día, que poderían chegar a 6-7 en futuras ampliacións”

  A Consellería de Medio Rural xustifica que esta é "unha planta inicial que terá ampliacións" e mesmo eleva a promesa de leite a tratar nun futuro, pero non achega prazo. Cando a Xunta publicitou en precampaña o proxecto, que a oposición e parte do sector lácteo cualificou de propagandístico, o Goberno galego dixo que a planta “suporá un investimento de preto de 70 millóns de euros”. Aínda que o proxecto que agora vén de facer público a empresa se centra só na construción material da planta, sen indicar outros custos como o equipamento, os laborais ou administrativos, o investimento cae agora a 18,5 millóns de euros.

  A consellería xustifica que esta é “unha planta inicial que terá ampliacións, xa que o proxecto completo vai en varias fases”, pero non aclara por que a avaliación ambiental agora en marcha non se fai do total. Medio Rural insiste en que “o obxectivo que queren alcanzar é de 430.000 toneladas, fito que se poderá levar a cabo cando a fábrica estea funcionando ao 100%”, elevando así aínda máis a cifra ofrecida hai un ano e que a empresa agora non ofrece, e sen achegar prazos.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.