e-distrito


A Banca portuguesa vende a ruinosa factoría de Mira coa que Pescanova e PP atacaron ao Bipartito.

A Banca portuguesa vende a ruinosa factoría de Mira coa que Pescanova e PP atacaron ao Bipartito.

  Pescanova, PPdG e La Voz de Galicia iniciaran unha campaña de ataques ao Bipartito para que se situase en Touriñán pese a súa ilegalidade. Portugal acolleu á planta e ésta foi á ruína.

  Cabo Touriñán formaba parte da Rede Natura e a declaración de impacto ambiental adoecía de irregularidades.

  O goberno portugués encabezado por José Sócrates (encarcelado por fraude, blanqueo de capitais e corrupción) subvencionou a operación.

  Fernández de Sousa (quen levou á quebra a Pescanova foi embargado e sancionado pola venda de accións incompatible coas leis do Mercado de Valores) pedira o voto públicamente para Feijóo en 2.009.

  Feijóo acusou ao Bipartito de perxudicar a Galicia por non permitir a localización da piscifactoría no enclave de Touriñán iniciando unha campaña conxunta con La Voz de Galicia para tentar dar a impresión de que Pescanova daría traballo a centos de persoas, potenciaría o rural galego, colocaría a Galicia punteira no sector e xeraría riqueza a toda a comunidade.

  06 xullo 2.017

  Domingo, 22 de febreiro de 2009. Falta unha semana para as eleccións galegas e as últimas enquisas da campaña debuxan un escenario axustado para a transcendental cita electoral do 1 de marzo. Nas páxinas de opinión do diario La Voz de Galicia o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, asina un artigo co formato de carta aberta. Titúlao No se puede esperar más e proclama que en Galicia "es necesario un cambio urgente" para eliminar "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas". O texto forma parte da ofensiva do empresario contra o Goberno de PSdeG e BNG, que a mediados de 2006 revogara a autorización que lle outorgara o gabinete de Manuel Fraga en funcións para instalar unha piscifactoría de rodaballos no espazo protexido de cabo Touriñán.

  Naquelas vésperas electorais Pescanova estaba a anunciar a inminente inauguración dunha factoría semellante en Mira, unha localidade costeira a apenas 100 quilómetros do Porto. O acto oficial non se celebrou finalmente ata xuño, pero antes dos comicios a multinacional organizara unha visita da prensa galega para profundar na idea forza que transmitía dende había meses e que o PPdeG e o seu candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contribuían a amplificar: Pescanova tivera que "deslocalizarse" por culpa do bipartito e estaba a xerar en Portugal centos de postos de traballo que perdera Galicia. Apenas catro anos despois a macroplanta de Mira tornaba nun dos principais lastres da ruína da empresa, un proceso que no caso desta piscifactoría vén de culminar na súa venda por parte de tres dos catro bancos portugueses que financiaran a súa posta en marcha, tamén subvencionada polo Goberno de Portugal da época, o do despois encarcerado José Sócrates.

  O Grupo Nueva Pescanova confirmaba esta semana nun comunicado a perda de Acuinova-Mira, a empresa do grupo a través da que operaba na que naceu como maior factoría de rodaballo do mundo e á que nos últimos meses tentou "salvar". Acuinova estaba dende comezos de ano nun Processo Especial de Revitalização de Empresas (PER), unha figura da lexislación portuguesa semellante á lei concursal abordado dende un xulgado de Coimbra en cuxa documentación figuran as avultadas cantidades que a empresa adebeda aos seus acredores, máis de 165 millóns de euros dos que uns 94 corresponden ás tres entidades que veñen de executar a venda. Son, nomeadamente, 31,63 millóns de Novo Banco -antigo Banco Espírito Santo-, 31,43 millóns da Caixa Gerale unha das súas filiais e outros 3,2 millóns co Millenium BCP. A estas cantidades engádense ademais 31,09 millóns do Banco Portugués de Investimento (BPI), que non foi parte desta operación.

  Batalla política por unha autorización ilegal.

  A nova propietaria da piscifactoría de Mira é unha empresa de nova creación, Ondas e Versos, nada en Lisboa o pasado febreiro cun capital social de 500 euros. É o paradoxal destino dunha factoría que emprega a 127 persoas -De Sousa auguraba "máis de 200 empregos directos e 600 indirectos"- e da que saíron decenas de empregados que, como acreditan os documentos do PER, aínda agardan para cobrar por conceptos como indemnización de despedimento ou pagas extra atrasadas. Todos eles víronse afectados dende o inicio da actividade polos erros de construción que Pescanova se gababa de culminar en "tempo récord", defectos estruturais que chegaron a provocar a morte de boa parte dos peixes que a compañía a estaba a criar.

  Este fracaso empresarial, unha peza máis do crebacabezas de mala xestión, contas falsas, débedas maquilladas e mesmo paraísos fiscais que acompañou a quebra de 2013 e no que aínda pescuda a Audiencia Nacional, representa un panorama absolutamente oposto ao que o empresario, pero tamén o PP galego, auguraban para os sector acuícola do país se o Goberno de socialistas e nacionalistas non frease a instalación da factoría en plena Rede Natura. Non en van, cando en xaneiro de 2007 De Sousa xa anunciaba que trocara Touriñán por Mira, Alberto Núñez Feijóo aproveitaba unha visita á sede da compañía en Chapela para lanzar unha mensaxe a Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. O presidente e o vicepresidente, clamaba o líder conservador, terían que "reflexionar" e deixar de provocar "dificultades" para que Fernández de Sousa "exercese os seus dereitos constitucionais". "A ecoloxía empeza polas persoas" e a Xunta, reiteraba, debería "rectificar", "aceptar, facilitar e permitir" a piscifactoría en Touriñán e acto seguido, "pedir desculpas aos habitantes da Costa da Morte" por provocar a "fuga de Pescanova".

  As apelacións de Feijóo non cesaron nos seus anos de oposición. Tampouco na devandita campaña de 2009 nin no seu retorno ao poder nese ano, toda vez que xa como presidente reiterou o seu interese en facilitar a instalación de Pescanova en Touriñán, que nunca chegou a producirse nin sequera coa política de portas abertas ás piscifactorías en Rede Natura que consagrou o plan acuícola de 2012. Neste tempo Feijóo reiterou tamén que as autorizacións que el mesmo avalara como conselleiro de Política Territorial en funcións foran plenamente "legais".

Ese pleno "cumprimento das leis" foi defendido por Feijóo ata que, en febreiro de 2015, o Tribunal Supremo deixou claro que a legalidade non fora talA planta autorizada en 2005 "en modo ningún era conforme á legalidade" e seguira un proceso de aprobación "irregular", sinalou a sentenza. O que si fora "legal", pola contra, fora a nulidade aprobada polo bipartito. Ese ditame xudicial, sobre o que Feijóo eludiu responder en marzo dese ano, implicou para as arcas públicas galegas o pagamento dun millón de euros a Pescanova, que con novos xestores á fronte tenta agora emprender un novo rumbo. Fernández de Sousa, pola súa banda, está á espera de xuízo polas súas presuntas fraudes.

  Derivado de Praza.
  Foto: Pescanova.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.