e-distrito


O preacordo de sindicatos e patronal paraliza a folga indefinida de autobuses

O preacordo de sindicatos e patronal paraliza a folga indefinida de autobuses

  Recupera a mesa galega de negociación combinada coas provinciais e implica unha revisión salarial inmediata do 2%.

  13 xullo 2.017

  O presidente da Xunta sinalou este martes pola mañá en sede parlamentaria os que, ao seu xuízo, son os principais culpables do conflito do transporte de viaxeiros que a esa hora aínda mantiña en firme a convocatoria de folga indefinida: a CIG e a patronal, acusou o presidente da Xunta, estaban a facer "unha pinza" contra o Goberno galego e o seu novo plan de autobuses. Apenas doce horas despois sindicatos e patronal, sentados á mesma mesa ao abeiro do Consello Galego de Relacións Laborais, acadaban un preacordo laboral que suspende polo momento o paro indefinido e recupera o marco galego de negociación, isto é, un foro xeral -como pedía o persoal- que se combinará con catro provinciais -como reclamaban as empresas- para abordar a revisión dos convenios colectivos.

  Estes novos comités provinciais terán o obxectivo de abordaren a negociación cun "compromiso" xa adquirido. "A revisión das táboas salariais será dun 2%" xa de xeito "inmediato" e, a partir deste acordo inicial, negociaranse o resto de aspectos. A mesa galega recoñécese a si mesma como lexitimada para "presidir" a negociación, "recoñecéndose as partes" a "plena lexitimidade e capacidade" para que o espazo de discusión sexa, en última instancia, o galego.

  Sobre esta base a comezos da vindeira semana -o luns ou o martes- reuniranse esas comisións provinciais e o mércores, día 19, volverá xuntarse a mesa galega. Será nese punto no que se analice se a folga segue suspendida ou, pola contra, é retomada pola falta de avances nas negociacións. O preacordo acadado na noite deste 12 de xullo estivo supeditado, en calquera caso, á decisión das asembleas do persoal, que o ratificaron este xoves en asembleas celebradas nas estacións de todo o país.

  Este novo escenario desactiva, cando menos de momento, o punto de bloqueo ao que chegaran as conversas entre sindicatos e patronal. Como informou este diario, a patronal veu usando a indefinición económica que, di, trae consigo o novo plan de transporte para frear a actualización económica dos convenios. O feito de que ambas partes volvan negociar provocará, en certo xeito, que a Xunta teña que mudar tamén a súa estratexia, toda vez que o Goberno galego agardaba que as empresas perdesen forza nos seus argumentos cando algunhas delas comezasen a ser adxudicatarais das novas liñas, proceso que está a piques de iniciarse.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.