e-distrito


Investigadoras da Coruña desvelan os efectos nocivos do Triclosán

Investigadoras da Coruña desvelan os efectos nocivos do Triclosán

  Publican un estudo sobre o impacto nas algas deste composto, empregado en pastas de dentes, xabóns e desodorizantes.

  18 xullo 2.017

  As investigadoras do Laboratorio de Microbioloxía da Universidade da Coruña Carmen Rioboo e Ángeles Cid acaban de presentar, xunto a científicos da Autónoma de Madrid, un estudo sobre o impacto do triclosan nas algas verdes da especie Chlamydomonas reinhardtii. Segundo os resultados da investigación, publicados en Aquatic Toxicologyeste composto, un desinfectante presente en produtos de hixiene bucal, desodorizantes e xabóns, induce importantes cambios que desembocan na morte celular destes organismos acuáticos.

  O triclosán é un antimicrobiano cada vez máis utilizado, e as plantas de tratamento de augas residuais aínda non están adaptadas para filtralo, polo que é vertido directamente aos ecosistemas acuáticosdespois da depuración. A súa toxicidade xa fora descrita, pero descoñecíanse os mecanismos que a causaban. Agora, a investigación na que participan os científicos galegos dá un paso fundamental para entender este dano.

  A través de técnicas de análise biolóxica, física e xenética, foi posible amosar que o triclosan induce, entre outros cambios, tensión oxidativa, perda de integridade e despolarización da membrana citoplasmática, redución da actividade metabólicaacidificación no interior da célula e, finalmente, a apoptose, é dicir, a morte celular. Os resultados tamén amosaron que este composto afecta seriamente á fotosíntese destes organismos.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.