e-distrito


Un estudo reclama máis axudas da Xunta aos medios en galego e equilibrio na repartición.

Un estudo reclama máis axudas da Xunta aos medios en galego e equilibrio na repartición.

  Alértase da "preocupante política de axudas da Xunta", que "segue inxectando cifras millonarias á prensa en español", e aconséllase incrementar as axudas aos medios en galego de propiedade privada e social.

  A proporción en Galicia de medios en lingua propia por falantes é a menor entre os idiomas minoritarios europeos. 

  Mentres a nivel de linguas minoritarias europeas existe un medio en lingua propia por cada 12.117 falantes, no caso galego é dun medio por 24.622 galegofalantes.

  Prodúcese unha gran dependencia das subvencións por parte dos medios públicos e de La Voz de Galicia e Faro de Vigo; mentres, medios en galego reciben cantidades mínimas ou en moitos casos subvención cero.

  19 xullo 2.017

  Incrementar notablemente as axudas públicas para os medios de comunicación en galego e, prioritariamente, para os de propiedade privada e social. Esta é unha das recomendacións que fan investigadores da Universidade do País Vasco nun estudo que publica a revista Estudios sobre el Mensaje Periodístico. Os autores, Nicolás Xamardo González e Iñaki Zabaleta Urkiola, son dous contrastados profesores e investigadores, cunha longa traxectoria investigadora en medios de comunicación e xornalismo en dez linguas minoritarias europeas: galego, éuscaro, catalán, bretón, corso, frisio, irlandés, galés, gaélico-escocés e sami.

  O traballo de Xamardo e Zabaleta, titulado "Sistema de medios en gallego: realidad y transformaciones", inscríbese dentro do proxecto de Investigación do Grupo HEKA Medios y Periodismo en Lenguas Minoritarias Europeas / Media and Journalism in European Minority Languages, da Universidade do País Vasco. Neste estudo analizaron o sistema de medios en lingua galega a principios de 2016 desde as variables de tipo de medio, propiedade, difusión, contido e desenvolvemento web, achegando datos sobre a súa realidade, evolución ao longo dos anos e transformación. Así mesmo, calcularon o volume económico e investigaron a penetración social ou peso relativo dos medios, xunto coas diferenzas provinciais, ademais da posible correlación entre medios, idioma e ideoloxía nacionalista galega.

  Os investigadores conclúen que para ter un sistema de medios equilibrado e que sirva mellor as necesidades informativas da sociedade galega e en galego sería moi importante, en primeiro lugar, que o volume económico, isto é, o financiamento, se distribuíse de modo máis equilibrado entre a prensa, a radio, a televisión e os cibermedios.

  En segundo lugar, que as axudas públicas se incrementen notablemente para todos os sectores, e en especial para os medios de propiedade privada e social.

  En terceiro lugar, que o desequilibrio interprovincial se reduza por medio da creación de medios nas provincias cunha penetración reducida de medios en galego.

  E por último, que se poña tamén especial atención ao desenvolvemento de novos medios impresos de ámbito local ou comarcal, mesmo agora que Internet está a impoñerse, xa que en comunidades con linguas minoritarias como Gales, os Papurau Bro ou prensa local de frecuencia mensual, manteñen unha importante presenza na comunidade, ou tamén en diversas partes do Reino Unido destacan que están a xurdir con éxito novos xornais locais, exemplifican os investigadores.

  O sistema de medios en galego é único en Europa.

  O sistema de medios en lingua galega diferénciase notablemente da estrutura de medios existente no ámbito europeo e, especificamente, dos sistemas de medios en lingua vasca e catalá, salientan os autores deste estudo. As diferenzas máis notables danse, segundo Xamardo e Zabaleta, no tipo de medio, difusión e penetración sociolingüística, pero non tanto no tipo de propiedade. Mentres no sistema galego a radio (a maioría, emisoras municipais públicas) representa case a metade e a prensa escrita só un cuarto do total, no marco europeo a orde é case inversa: a prensa en papel supón a metade de todos os medios e a radio só un terzo. Así mesmo, as diferenzas tamén son notables en televisión. 

  A baixa porcentaxe da prensa escrita en galego acentúase ante a falla dun xornal diario en papel para un público lector potencial de 1,4 millóns de galegofalantes, subliñan os investigadores, que lembran que a desaparición en 2011 do único diario impreso en galego, Galicia Hoxe, supuxo unha "perda importante" nun sistema global de medios escritos dominado por La Voz de Galicia ou Faro de Vigo, xornais en español e nos que o uso residual do galego tan só se xustifica polas axudas que reciben da Xunta.

  En canto á variable da difusión, a porcentaxe de medios locais en galego é preto de quince puntos porcentuais inferior á que se dá no marco europeo, o que indicaría unha "evidente escaseza de medios de alcance comarcal".

  No que atinxe á penetración social e lingüística, Xamardo e Zabaleta salientan que mentres a nivel de linguas minoritarias europeas existe un medio en lingua propia por cada 12.117 falantes, no caso galego esta cifra é máis do dobre (un medio por 24.622 galegofalantes). Por provincias, "a situación de escaseza de medios é grave en Pontevedra (33.035 falantes/medio) e dramaticamente baixa en Lugo (92.791 falantes/medio)", mentres que na Coruña é de 18.889 galegofalantes por cada medio publicado e en Ourense, 20.115 falantes por cada medio.

  En canto á propiedade dos medios, os valores do sistema galego son similares aos existentes no total das dez linguas minoritarias europeas que están estudando Xamardo e Zabaleta. A única diferenza reseñable atópase na propiedade social, na que o sistema galego ten un 10% menos, o que se pode interpretar como unha "certa debilidade dos movementos e organizacións sociais sen ánimo de lucro dedicados ao desenvolvemento de medios e defensa do idioma" en Galicia.

  Agora ben, onde o sistema de medios en galego se atopa forte, subliñan, é na súa presenza na Internet, xa que máis de tres cuartas partes dos medios tradicionais teñen sitios web con servizo actualizado de novas e, ademais, o número de cibermedios tivo un gran incremento nos últimos anos.

  A "preocupante" discriminación da Xunta

  Unha mirada crítica ao volume económico dos medios fai aflorar outro "factor de debilidade" para o sistema de medios en galego. En concreto, os investigadores apuntan ao feito de que, dos 100,8 millóns de euros de ingresos anuais de todos os medios en lingua galega, a maior parte do diñeiro (86,5 millóns de euros) pertencen á única canle de televisión existente (TVG), e entre a prensa escrita e os cibermedios só suman uns ingresos anuais de dous millóns de euros (2% de ingresos do total). Isto indica, para os profesores da Universidade do País Vasco, un "desequilibrio desmesurado".

  Ademais, se se inclúen os ingresos das radios municipais públicas constátase que os ingresos dos medios de propiedade pública (Televisión e Radio Galega) alcanzan 98,6 millóns de euros; isto quere dicir que "a dependencia no diñeiro público e nos medios públicos é case total, o que pode ser moi oneroso para o conxunto do sistema de medios en galego e prexudicial para un desenvolvemento variado e equilibrado", advirten Xamardo e Zabaleta.

  Nesta crítica, din, deberíase subliñar a "preocupante política de axudas da Xunta, que, aínda que suprimiu estas para os medios en lingua propia, segue inxectando cifras millonarias á prensa en español que se edita en Galicia".

  "Ante esta situación, considerada discriminatoria, os medios en lingua galega organizáronse e levaron a cabo diversas protestas, campañas e mesmo unha iniciativa lexislativa ao Parlamento galego para regular a publicidade institucional, que foi rexeitada polo Partido Popular de Galicia", lembran os investigadores da Universidade do País Vasco.

  Esta discriminación da Xunta aos medios en galego chega a ser delirante no caso das axudas ao uso da lingua galega. A resolución das subvencións aos medios para promocionar o galego nos medios sumou tan só 201.000 euros para os que usan exclusivamente a lingua propia do país, fronte aos 1,6 millóns dos que o informan en castelán. Para cobrar esas subvencións, aos medios escritos en español chégalles con cederlle á lingua galega un practicamente insignificante 8% do total das informacións publicadas, suficiente para a Secretaría de Medios da Xunta para que estes reciban oito veces máis das axudas que perciben os medios que si defenden e normalizan o galego a diario.

  Esta situación surrealista chega a tal punto, que os medios dixitais en galego con importantes audiencias (por exemplo GC e Praza Pública) non ven un peso en axudas á promoción da lingua, mentres a Xunta enche as arcas de xornais que menosprezan e discriminan o galego como La Voz de Galicia (718.000 euros) Faro de Vigo (305.000 euros) ou mesmo de xornais con audiencias menores que GC, como Atlántico Diario (22.000 euros a través de Rías Baixas Comunicación) e El Ideal Gallego e Diario de Ferrol (33.000 euros a través de Editorial la Capital).

  Derivado de Galicia Confidencial.
  Foto: Representantes da Asociación de medios en galego.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.