e-distrito


A Coruña/ O Concello concedeu xa máis de 100 Rendas Sociais Municipais.

A Coruña/ O Concello concedeu xa máis de 100 Rendas Sociais Municipais.

  A contía, de 456 euros de importe medio, está reservada para persoas en risco de exclusión social que non poden acceder a outros subsidios (Risga e similares).

  20 xullo 2.017

  Na Coruña existen xa máis dun cento de unidades convivencias perceptoras da Renda Social Municipal, unha prestación posta en marcha polo Concello, que ten como obxectivo axudar a cubrir as necesidades básicas de persoas en risco de exclusión social que non poden optar a subsidios como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou similares. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, explicou este mércores en rolda de prensa que as cifras rexistradas a data 1 de xullo de 2017 indicaban, en concreto, que na cidade xa existían 98 unidades de convivencia beneficiarias, se ben nas últimas xornadas concedéronse catro rendas máis a mulleres, facendo un total de 102, número que segue medrando. "Estamos especialmente satisfeitas da posta en marcha dun programa que é pioneiro en todo o Estado. Un programa do que nestes momentos se benefician máis de cen persoas na cidade e que posibilita que teñan un apoio efectivo para poder saír da situación de vulnerabilidade na que se atopan, así como que poidan participar nos itinerarios de acompañamento programados para favorecer a súa plena inclusión", comentou a responsable municipal. "Non entendemos de recibo as críticas e lecturas interesadas a unha prestación que foi exemplo para moitos outros concellos de todo o Estado e na que seguimos traballando, de forma constante, para mellorar", manifestou. "Estamos satisfeitas coa súa posta en marcha, pero o noso obxectivo é máis ambicioso e pasa por seguir avanzando para que nesta cidade non exista ningunha persoa en situación de vulnerabilidade", engadiu.

  Cameán manifestou que, dende a súa posta en marcha, a prestación municipal foi "evolucionando", así como mellorando os seus tempos e a súa tramitación. "O 30 de setembro do ano pasado abriuse o período para a recepción de solicitudes, tras moitos meses de traballo en colaboración coas entidades sociais da cidade e as traballadoras sociais do Concello. De forma paralela, e na medida na que puidemos debido ás restricións á contratación que sofren os municipios, fomos aumentando a dotación de medios humanos", recalcou. "Dende ese momento inicial, no que tamén había moito descoñecemento por parte dos e das propias solicitantes, até o actual, no que os períodos de tramitación se foron estabilizando, cada mes, de media, se pagan 25 novas rendas sociais municipais, a maiores das xa tramitadas", apuntou. En concreto, no mes de abril comezaron a darse 25 rendas novas, 26 en maio, 18 en xuño, e 28 no mes de xullo.

  Contía media

  A titular de Xustiza Social recordou que a Renda Social Municipal adáptase ao caso de cada persoa, establecéndose uns límites baseados no 100% do IPREM (indicador a nivel estatal empregado para o pago de axudas e subsiduos) para as unidades de convivencia dun só membros e do 200% do IPREM segundo o número de membros da unidade convivencial. Neste momento, a contía media que están a percibir as persoas beneficiarias é de 456,86 euros.

  Cameán, que agradeceu o esforzo e empeño das traballadoras municipais para con esta prestación, salientou que "se ben dende o Concello estamos satisfeitas co desenvolvemento da renda, non somos conformistas, e seguimos traballando, como até agora para poder introducir todas as medidas que sexan necesarias para mellorar o seu alcance". "Esta é unha prestación pioneira. Non había ningunha experiencia previa nin similar. Agora mesmo, e logo de implementar diversas melloras na tramitación derivadas da propia experiencia, como por exemplo simplificar o modelo de solicitude, os tempos de tramitación se foron regulando, oscilando entre os 20 e os 24 días", comentou. Este período comprende dende que a persoa solicitante acode por primeira vez á intervención social até que se lle notifica que será perceptora. Previamente, as traballadoras sociais elaboran un informe individualizado sobre as características e situación da persoa solicitante que ten un tempo medio de 15 días laborables.

  Do total de persoas perceptoras da Renda Social Municipal até xuño deste ano, case o 39% eran mulleres, fronte a un 61% de homes. A media de idade dos e das perceptoras é de 41 anos para as mulleres e 40 para os homes. A maioría das persoas que a reciben pertencen a unidades convivenciais dunha soa persoa, aínda que das unidades familiares de dous membros, en xuño, un 64,20% se correspondían con unidades monomarentais cun fillo a cargo.

  Derivado de Coruna.gal

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.