e-distrito


A Coruña/ O edil Xiao Varela sinala que o edificio do antigo cárcere estará aberto ao público a final de ano.

A Coruña/ O edil Xiao Varela sinala que o edificio do antigo cárcere estará aberto ao público a final de ano.

  Tamén lembrou que as obras do Ofimático avanzan a bo ritmo, que A Mariña será humanizada con elementos vexetais e que a revitalización do Mercado de San Agustín é un dos proxectos prioritarios de este mandato.

  04 setembro 2.017

  O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou esta mañá, nunha entrevista concedida a Radio Coruña, que as obras de acondicionamento no edificio do antigo cárcere provincial comezarán nas próximas semanas "e será un equipamento cheo de vida e actividades contra o final deste ano". Tal e como sinalou o edil, o Goberno local, tras recibir o permiso de Patrimonio da Xunta e da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP), dependente do Ministerio de Interior, e titular do edificio, xa cursou as invitacións ás empresas para que concreten as súas ofertas tanto de prazo como económicas en relación ás actuacións de remodelación e acondicionamento que se realizarán sobre algúns dos espazos do equipamento, obras que se dirixen, entre outras, ás melloras das superficies cubertas, "co obxectivo de que deixe de entrar auga no equipamento", á vez que se intervén "de cara a frear o deterioro do propio edificio". "A tramitación da adxudicación das obras no edificio está moi avanzada. Nas próximas datas, nun prazo aproximado de 10 días, determinarase a empresa adxudicataria das obras, uns traballos que serán relativamente curtos e que permitirán que o cárcere estea aberto á cidadanía, unha medida pola na que este Goberno leva traballando desde que chegou a María Pita, antes de que finalice o ano", destacou o concelleiro.

  Deste xeito, o histórico equipamento poderá entrar en funcionamento en menos de 12 meses desde que o executivo coruñés asinara co SIEP a cesión do dereito de uso da parcela na que se localiza a infraestrutura, durante dous anos prorrogables, coa finalidade de destinar o inmoble a usos sociocomunitarios e á realización de actividades culturais. "En paralelo a este proceso, o goberno local fixo unha convocatoria pública e aberta para a cesión de usos de espazos, para que entidades sen ánimo de lucro puidesen achegar as súas propostas de xestión e dinamización nas zonas rehabilitadas do edificio, co obxectivo de xerar vida no cárcere a través de diversas actividades de carácter artístico, educativo, sociocultural e lúdico", sinalou o edil, quen especificou que estas poderán desenvolverse, unha vez finalicen os traballos, "con seguridade e garantía".  

  Ofimático

  O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda tamén recordou que o goberno local está a traballar "para solucionar as demandas dos cooperativistas e demais afectados do Ofimático", á vez que avanza, "cada vez con máis axilidade", nas obras previas á pavimentación dos accesos. "A cuestión do Ofimático é un drama social e urbanístico crónico desta cidade, un asunto que se arrastra desde hai 27 anos e que, loxicamente, deixou moitos afectados polo camiño. O que este goberno conseguiu foi acadar un certo equilibrio entre as demandas de todas as partes, a través da firma do protocolo de colaboración en agosto do ano pasado, que foi o que permitiu que fixésemos un novo proxecto de urbanización, necesario para poder dar as licenzas de primeira ocupación dos edificios", explicou o edil, quen lembrou "que está a visitar  semanalmente as obras para facer un seguimento e control contínuo das mesmas".

  "Os traballos están a avanzar a bo ritmo e confío en que rematen nas próximas semanas. Arestora estase a actuar na cuestión de accesos, bordos e canalizacións, intervencións preparatorias e imprescindibles para poder dar estas licenzas de primeira ocupación nos tres edificios que están xa practicamente rematados", expuxo Varela, quen especificou que as intervencións "permitirán que a obra vaia o máis rápido posible". Entre outras cuestións en relación ao avance da situación do parque Ofimático, o executivo coruñés tamén está a traballar "de forma estreita" con Gas Natural Fenosa para resolver os trámites necesarios que permitan dar subministro eléctrico ao polígono. "Estamos a traballar estreitamente coa compañía, desde hai meses, co obxectivo de resolver, á maior brevidade posible, esta cuestión", aseverou o edil.

  Bordo litoral

  O responsable municipal tamén afondou durante a entrevista na cuestión da situación do bordo litoral, "un dos desafíos máis importantes para a cidade e para a área metropolitana", no que o executivo coruñés "segue a traballar", mentres espera a que o presidente de Puertos del Estado "mostre a súa disposición á negociar as condicións de revisión dos convenios dos peiraos". "Nestes dous anos de xestión aprendemos que sempre que dependemos dalgunha outra administración, o Concello debe buscar os mecanismos posibles e necesarios para poder seguir avanzando polo ben da cidadanía", asegurou o concelleiro, quen recordou que  o Goberno local está a traballar na contratación cun equipo de apoio para o deseño e a implementación dun foro cidadán "que axude a emerxer que é o que quere a veciñanza que suceda no seu porto". "Este goberno ten unha proposta, como é que o porto manteña usos produtivos sostibles que poidan axudar á economía do mar, e a produtiva da cidade de forma sostible, pero a través deste foro esperamos poder definir estes usos, sabendo cales son as potencialidades do porto, cales son as limitacións do porto exterior, que o interior podería suplir e deseñar entre todas e todos, cal vai ser o futuro dos peiraos", explicou o Varela, quen avanzou que esta asistencia "está na fase definitiva de adxudicación". "No momento que estea pechada, darase traslado á cidadanía sobre en que lugares, e a través de que ferramentas, vai poder dicir o que desexa para o seu porto", aseverou o edil, quen afirmou que o proceso, "que será de varios meses", desenvolverase no primeiro trimestre do ano que vén.

  Preguntado tamén pola situación da Mariña, o concelleiro lembrou que o executivo coruñés mantén a súa perspectiva de humanización da Mariña, despois da instalación de elementos protectores. "Estamos a traballar neste proxecto a través dun plan director redactado por dous arquitectos de prestixio, para a mellora da calidade de vida urbana da Mariña a través de certas intervencións. O que temos previsto agora é actuar sobre o mobiliario urbano, facer unha grande pérgola que vertebre todo o espazo e que permita xerar sombra a través de elementos vexetais, e estamos a valorar a posibilidade de ampliar as zonas de xogo, que tamén é algo moi demandado pola veciñanza", expuxo.

  San Agustín

  Noutra orde de asuntos, o titular da área de Rexeneración Urbana valorou o plan municipal para a revitalización do mercado municipal de San Agustín e a súa contorna, un proxecto que inclúe a reurbanización da zona frontal do equipamento para darlle continuidade coa praza de Humor, e cuxa primeira fase de implementación "será inminente" coa reurbanización da rúa Juan XXIII a través da renovación das beirarrúas, así como coa reubicación da parada do autobús de rúa Alta, que pasará á rúa Sol, "co cal o transporte urbano situarase a 300 metros da praza de abastos", unha medida que, tal e como sinalou o edil, "gustou moito entre as praceiras". "A revitalización do mercado San Agustín e da súa contorna é un dos proxectos prioritarios de mandato para este goberno municipal", aseverou o concelleiro.

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.