e-distrito


A Coruña/ O Concello esixe a La Voz de Galicia unha rectificación tras vincular a cargos do goberno local con "Proxecto Cárcere".

A Coruña/ O Concello esixe a La Voz de Galicia unha rectificación tras vincular a cargos do goberno local con "Proxecto Cárcere".

  En contra do publicado, nin concelleiros nin concelleiras, nin persoal de apoio do executivo municipal, figuran entre os membros da entidade sen ánimo de lucro que dinamizará o antigo cárcere provincial.

  07 setembro 2.017

  O Concello da Coruña vén de remitir, na tarde deste mércores, un escrito á dirección do diario La Voz de Galicia, na que solicita unha rectificación da información publicada o pasado martes, 5 de setembro, baixo o título "El gobierno local cede la cárcel a un colectivo con decenas de cargos y militantes de Marea", ante a falta de veracidade ou a falsidade de moitas das súas afirmacións.

  Amparándose na Lei Orgánica 2/1984, o Concello invoca o seu dereito a rectificación xa que non existe no actual executivo municipal, nin no seu equipo de apoio, persoas que sexan "membros" da entidade sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere, que dinamizará as actividades que se realicen nos espazos habilitados no antigo cárcere provincial cando este se abra á cidadanía.

  Axuntamos o escrito da Asesoría Xurídica municipal no que o goberno local solicita a citada rectificación:

  https://www.coruna.gal/descarga/1453628611748/06-09-17-Solicitude-de-rectificacion-.pdf 

  O Concello expón que entre as múltiples mentiras da publicación figuran que existen concelleiros ou persoal de apoio que son membros de "Proxecto cárcere" ou que o Concello ceda o cárcere á esta entidade. 

  Pola contra, o concello especifica que a día de hoxe ningún membro do goberno local forma parte de Proxecto Cárcere - "A asociación Proxecto Cárcere non conta nin entre os seus “membros” nin na súa directiva con ningunha das persoas aludidas por La Voz de Galicia: nin as concelleiras Rocío Fraga e María García, nin o edil Xiao Varela son “membros” nin asociados da entidade, como tampouco o son o xefe de gabinete de Alcaldía, Iago Martínez, nin a asesora da Concellería de Participación de Innovación Democrática, Natalia Balseiro" - . Respecto ao concepto da cesión: "O Goberno local non vai ceder o cárcere. Tal e como figura no BOP do día 24 de maio de 2017, no que se publican as “Bases reguladoras da convocatoria para a cesión de uso de espazos no antigo cárcere provincial da Coruña para o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural, mediante concorrencia competitiva”, o obxecto da convocatoria realizada por Resolución da Concelleira de Participación e Innovación Democrática é “a cesión de uso de espazos” do cárcere, limitados e acotados nun anexo da propia convocatoria".

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.