e-distrito


A Xunta non recurrirá ante o Supremo e acepta pagar 3 millóns de euros por anular o concurso do bipartito.

A Xunta non recurrirá ante o Supremo e acepta pagar 3 millóns de euros por anular o concurso do bipartito.

  Villares convida a Feijóo a pagar do seu peto a indemnización por tratarse dunha decisión persoal do presidente. Éste responde reprochando a En Marea e BNG a súa participación na Diada e critica a división dos primeiros.

  O concurso posterior do PP abocou ao sector ao fracaso e Galicia perdeu o 80% de emprego deixando de ser unha potencia eólica como o viña sendo dende tempos de Fraga.

  14 setembro 2.017

  As preguntas de control ao goberno da Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia volveron converterse nunha nova sesión de críticas contra a oposición por parte do presidente Feijóo, que puxo en dúbida que os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, acaten a lei pola súa participación nos actos da Diada. Se as críticas contra a segunda as formulou cando esta lle preguntou pola situación do Pazo de Meirás, contra o primeiro foi a preguntas deste polas políticas de emprego autonómicas e a falta de execución orzamentaria nesa materia.

  No debate con Villares, o portavoz de En Marea criticou que o Goberno vaia pagar 3 millóns de euros en indemnizacións a empresas por suspender o concurso eólico do bipartito. Villares atribuíu aquela decisión, pola que agora os tribunais están condenando á Xunta, á campaña electoral que en 2009 levou a Feijóo ao goberno e instou o presidente a “pagar do seu peto” esas indemnizacións “ou que o faga o PP porque foi a súa campaña electoral”. “Pola súa chapuza eólica estamos pagando agora tres millóns de euros”, díxolle.

  Na súa resposta, Feijóo, que evitou referirse ás indemnizacións pola anulación do concurso eólico, volveu facer fincapé nas divisións internas de En Marea e no pasado laboral de Villares, como maxistrado en excedencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). “Acata as sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional ou non? Como vostede non acata as sentenzas dos tribunais, que lle parece se os galegos non acatamos nunca as sentenzas que vostede poida chegar a ditar?”, preguntouse, para rematar sentenciando: “Espero que non volva ditar unha sentenza en Galicia”.

  Concurso

  Xa ninguén oculta que a anulación do concurso eólico do goberno bipartito foi unha desfeita. O propio sector aludiu en incontables ocasións á paralización, perda económica e laboral, inseguridade xurídica e enguedello xudicial que provocaba a derrogación daquela poxa. Foron moitas as empresas beneficiarias que reclamaron indemnizacións e o TSXG ditaminou hai case dous anos que tiñan dereito a facelo logo de anularse aquela repartición de megavatios. Cobrarían polos gastos de tramitación e deseño daqueles parques que nunca se confirmaron, aínda que non o lucro cesante. E foron gañando xuízos ata sumar millóns de euros en compensacións por parte da Xunta. 

  Agora, o Goberno galego -que anunciara recursos ao Supremo ante o ronsel de sentenzas en contra- acata os ditames, asume que a batalla xudicial sería longa e ben seguro perdida e opta por non enlamar as relacións coas compañías que optan aos novos parques que se instalarán tras a poxa de renovables do Executivo central. Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria -tal e como adiantou Faro de Vigo- evita recorrer ao alto tribunal e vén de autorizar unha transferencia de crédito da partida de imprevistos e funcións sen clasificar a gastos xurídico-contenciosos por case 3 millóns de euros. Faino para "atender o cumprimento de diversas sentenzas xudiciais en materias correspondentes a parques eólicos". 

  A modificación orzamentaria aceptada por Facenda, incluída nas do mes de xullo pero publicadas de novo neste mes tras unha corrección de erros, supón unha transferencia de crédito de, concretamente, 2.949.935,36 euros. Tal e como se aclara no expediente, supón o "acatamento" en data do pasado 7 de xullo de cinco sentenzas, tres delas do pasado 2016 e dúas deste mesmo 2017, a última contraria á Xunta do 29 de marzo.

  A factura, polo de agora, suma os máis de 688.000 euros en indemnización para EDP Renováveis ditaminada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), así como os 930.000 euros que a Administración deberá pagar a Ventauria Enerxía Rural, os 376.000 euros a Viraventos, os 141.000 a Andavia Renovables e os 27.000 para Iniciativas Estratéxicas Galegas. A imposición por parte do alto tribunal do abono dos xuros legais desde a data da reclamación en vía administrativa por parte das compañás incrementou aínda máis o pagamento inicial. 

O TSXG advertira do "dano evidente" que supuxera a anulación da poxa e a responsabilidade da Xunta fronte ás empresas

  Ademais, quedan pendentes aínda os máis de 222.000 euros de indemnización ditaminados polo TSXG para Cupa Renovables, na que foi a primeira das sentenzas favorables a unha das empresas eólicas afectadas. Foi naquela primeira sentenza de 2015, que ditaminaba a indemnización a esta compañía, cando o Superior galego recoñecía o dereito a indemnización dos parques eólicos e advertía do "dano evidente" que a anulación do concurso do bipartito, así como a responsabilidade da Xunta fronte ás empresas polos gastos que lles supuxeran o proceso. Logo, no ditame que estimou parcialmente o recurso de EDP, o TSXG insistía no "evidente dano á entidade demandante que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación acordando a desistencia" dos procedementos eólicos en tramitación. No ditame a favor de Ventauria, declara a responsabilidade patrimonial da Xunta polos "danos e prexuízos" á compañía, que veu "frustrada de forma sobrevinda a posibilidade de desenvolver as instalacións".

  Galicia perseu máis do 80% do emprego no sector en dez anos.

  O concurso eólico desenvolvido polo goberno bipartito foi un dos principais cabalos sobre o que subiu o PP na campaña autonómica de 2009. En medio dun enorme ruído mediático, os conservadores empregaron aquela poxa como principal diana para atacar o Goberno galego e buscar o enfrontamento entre os dous partidos que o conformaban. Malia as advertencias sobre a inseguridade xurídica que suporía a anulación, a posibilidade de demandas e indemnizacións millonarias e a perda de millóns de euros en investimentos e do liderado no sector, Feijóo seguiu adiante. En dez anos, perdeuse máis do 80% do emprego no eólico e Galicia perdeu o liderado nos muíños de vento. 

  Así, e logo de anos perdidos no eólico, a polémica anulación do concurso do bipartito foi declarada ilegal polo TSXG nunha sentenza ratificada logo polo Supremo. Pouco antes, o mesmo alto tribunal galego acordara legal o procedemento de regulación do sector levada a cabo polo Executivo que presidía Pérez Touriño, mentres que o novo concurso posto en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo fora tombado tamén polo Superior galego en febreiro de 2016.

  No balbordo xudicial que supuxo a polémica anulación, o Supremo avalou en abril de 2016 a anulación do concurso eólico do bipartito, en aparente contradición co ditaminado tan só un ano antes polo mesmo tribunal. Daquela, só se pronunciara sobre a decisión de agosto de 2009 de anular as adxudicacións dos megavatios, mentres que nesta última ocasión decidira sobre a anulación final do concurso, adoptada tres meses despois.

  Sexa como for, e nove anos despois daquelas polémicas decisións do Executivo de Feijóo aos poucos días de chegar a San Caetano, o sector continúa estancado, a Xunta enlamado en batallas xudiciais e pagamentos de indemnizacións e outros territorios collendo a dianteira nun ámbito no que Galicia era potencia.

  Derivado de Praza.
  Foto: EGA

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.