e-distrito


A Coruña/ O Supremo confirma a sentenza de demolición parcial do edificio Conde de Fenosa

A Coruña/ O Supremo confirma a sentenza de demolición parcial do edificio Conde de Fenosa

  O goberno local lamenta "que a lousa que supón a xestión urbanística irregular do pasado comprometa a solvencia do patrimonio municipal dos coruñeses". Silencio de Paco Vázquez.

  Calcúlase que o desembolso por parte do concello superará os dous millóns de euros. Sesenta millóns terán que pagar os propietarios como indemnización.

  Xiao Varela: “o Conde de Fenosa é un exemplo claro de que, en temas urbanísticos, non adecuarse á legalidade trae consecuencias para toda a cidadanía”

  O Concelleiro tamén declarou que "a frustración do equipo de goberno ante a evidencia de que a lousa do pasado, dunha xestión urbanística incorrecta e irregular, compromete a solvencia do Concello e crea un importante prexuízo para a cidade". O edificio é un dos casos da herdanza urbanística que deixou Paco Vázquez e que a día de hoxe os tribunais seguen condenando.

  15 setembro 2.017

  O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indicou hoxe que o Concello da Coruña ten "dúas premisas" claras á hora de afrontar a providencia emitida polo Tribunal Supremo que inadmite o recurso de casación presentado pola administración local e a comunidade de propietarios do edificio Conde de Fenosa contra o auto ditado pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG do 9 de setembro de 2016. Estes recursos trataban de declarar a imposibilidade legal de execución da sentenza que ordenaba que o edificio recuperase o seu estado previo á rehabilitación que se lle aplicou no ano 1997. A este respecto, o edil explicou que "o goberno local actuará en base a uns criterios fundamentais: un, o escrupuloso cumprimento da legalidade urbanística, cousa que, como vemos, até o de agora non se levou a cabo e, dous, a defensa do erario público e dos intereses das persoas máis directamente afectadas, coas que xa estamos en contacto e coas que manteremos unha xuntanza informativa nos vindeiros días".

  O responsable municipal recordou que "cando chegamos a María Pita, en 2015, abordamos este proceso de inmediato, non obstante, xa era tarde". "Esta sentenza só referenda que as cousas con respecto ao edificio de Fernando Macías non se fixeron de forma correcta. No eido urbanístico, non se pode actuar ás présas. Así ocorreu en gobernos pasados e agora a cidade sofre as consecuencias", dixo Varela, que recordou que todo o proceso xudicial do inmoble de Conde de Fenosa comezou na etapa de goberno de Francisco Vázquez como alcalde da cidade. "Os servizos xurídicos municipais están a traballar na busca da mellor maneira de enfrontar esta decisión xudicial", salientou o edil, que adiantou que "este, en todo caso, será un proceso longo". "Dende logo, e dentro da nosa dinámica habitual de transparencia, o que non podo ocultar e que este proceso, que deriva de actuacións do pasado, pode ter agora unha transcendencia moi importante e afectar seriamente aos intereses do Concello e da cidadanía".

  Folla de ruta

  "A asesoría xurídica do Concello está estudando a posibilidade de solicitar que o noso recurso sexa analizado máis amplamente, aínda que non sabemos se será posible", comentou o titular de Rexeneración Urbana, que aclarou que, non obstante, "a sentenza do TSXG de 2016 o que di é que o edificio ten que volver ao seu estado anterior á rehabilitación de 1997". "Dende Edificación estamos a analizar como podemos abordar isto do xeito menos gravoso para as arcas municipais, que tipo de intervención podemos acometer e se é viable tecnicamente", comentou. "Nun caso tan particular coma este, na execución concreta da sentenza, non podemos actuar senón é da man da Xustiza,  ao respecto de dar forma ao cumprimento exacto á sentencia", salientou.

  "Por suposto, tamén temos que dilucidar quen son os e as responsables desta situación. O que temos claro é que o Concello non pode, nin debe, facerse cargo de actuacións que non lle correspondan", incidiu.

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.