e-distrito


A produción de mel cae un 40 por cento pola seca e as velutinas

A produción de mel cae un 40 por cento pola seca e as velutinas

  Os apicultores reclaman un plan integral contra a velutina que permita combater a praga con éxito.

  19 setembro 2.017

  Factores climáticos e a propagación da praga da vespa velutina explican a caída dun 40% da produción de mel nos bosques galegos este ano, aínda que en zonas da provincia de Ourense a caída elévase ata o 80%, segundo datos facilitados pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). O único sector que rexistra bos números e o da mel procedente de eucalipto (centrada na franxa costeira) que acadou niveis moi altos de produción nesta campaña. Porén, a produción deste tipo de mel so representa un 20% do total.

  Xesús Asorey, portavoz de AGA, apunta que gran caída da produción en Ourense explícase sobre todo porque sufriu xeadas en primavera e seca durante o verán. Nesta provincia a incidencia da velutina é menor que nas outras aínda que este ano a praga xa chegou tamén a esta provincia. No resto de Galicia xa viña afectando á produción ao diminuír o número de colmeas de abella e, ademais, esta ano hai que sumar os efectos da seca que está a afectar a boa parte do territorio galego.

  No que se refire a resposta que debería darse á extensión da velutina en Galicia, Asorey sinala que é necesario un plan integral contra a praga que aposte pola colocación de trampas para as vespas coa axuda de diversos colectivos que poderían ir desde os escolares, pasando por xardineiros municipais, apicultores e horticultores. Neste sentido, engadiu que este ano os apicultores colocaron un total de 500 trampas eléctricas que demostraron a súa utilidade contra a velutina porque lograron o obxectivo de protexer ás colmeas desta praga. A propia AGA promove este dispositivo na súa páxina web.

  Asorey sinala que as trampas non son a solución a longo prazo pero poden permitir limitar a incidencia das velutinas. Ademais sería necesario investigar as posibilidade da loita biolóxica contra esta praga. Precisamente este é un dos aspectos que está previsto nun convenio asinado entre a Deputación de A Coruña e a Universidade de Santiago para loitar contra a velutina. Asorey agarda que ao longo deste mes de setembro haxa unha nova convocatoria por parte da Xunta da Comisión de Seguimento desta praga e alí os apicultores presentarán as súas propostas. Segundo os seus cálculos unha inversión dun millón de euros podería ser suficiente para poñer en marcha as medidas que propoñen.

  Polo de agora o certo é que os prognósticos cumpríronse e a praga xa se estendeu por toda Galicia, con excepción das zonas altas e as máis frías. Os apicultores apuntan que sería necesario levar a cabo un trampeo masivo na próxima primavera para eliminar a maior cantidade posible de raíñas fundadoras de velutina e así limitar o impacto da praga no próximo verán.

  A loita contra a praga será longa e tódolos medios empregados poden ser efectivos, como se pode ver pola proliferación de trampas caseiras por todo o país que están a dar resultados. Porén hai que ter coidado en cómo se empregan para non afectar ás propias abellas, por iso os apicultores promocionan un sistema propio que as respecta. Este verán a praga fíxose moi presente nas áreas urbanas e por iso a AGA considera necesario implicar aínda máis aos xardineiros municipais na loita contra a velutina, especialmente naqueles xardíns con presencia de camelia japónica onde esta especie gusta de instalarse.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.