e-distrito


Vídeo/ Urkullu insta a un Estado confederal que inclúa Galicia, Euskadi e Catalunya como nacións

Vídeo/ Urkullu insta a un Estado confederal que inclúa Galicia, Euskadi e Catalunya como nacións

  Sinalou que "todo se está indo das mans" e defendeu, por enésima vez, o diálogo e a necesidade de solucións políticas ás nacións sen Estado mirando aos exemplos de Escocia e Quebec.

  Os independentistas vascos prefiren apoiar a vía catalana e acúsano de "confiar en quen manda á Guardia Civil" ao tempo que lle reprochan: "En Madrid apláudenlle ben, para o PP é vostede un exemplo"

  22 setembro 2.017

  A crise catalá abre en canal o debate territorial no Estado. Os rexistros da Garda Civil na Generalitat e as detencións do núcleo duro da organización do referendo sacoden aínda con máis forza o conflito en Catalunya, cunha ampla porcentaxe de poboación favorable á independenica e unha masiva maioría a prol de modificar o seu status e do dereito a decidir. Ao tempo, a presión do PNV polo 1-O obrigou o Goberno central a adiar a presentación dos Orzamentos para 2018. As obxecións dos nacionalistas vascos ante a situación catalá levounos a evitar movemento ningún ata que pase ese 1 de outubro. Mentres, o lehendakari Íñigo Urkullu, nunha comparecencia no Parlamento vasco, instou ao recoñecemento xurídico-político, social e cultural das "realidades nacionais, vasca, catalá e galega, ademais da española" e apuntou ao "horizonte confederal" e a recoñecer o dereito a decidir dos devanditos territorios como saída. 

  Urkullu segue o seu guión para lograr un novo status para Euskadi: a "vía vasca" que permita unha consulta legal e pactada no País Vasco co "horizonte dun Estado confederal" que recoñeza a "nación vasca" dentro da plurinacionalidade de España. Urkullu mira de esguello a Catalunya para lanzar un discurso crítico coa actuación do Goberno que preside Mariano Rajoy e reclamarlle que abandone a vía da "intimidación" e a "vía penal" para resolver a grave crise que se vive en Catalunya. Pero segue pensando que a vía unilateral desenvolvida polo president Carles Puigdemont e os partidos independentistas non é aplicable á sociedade vasca e o seu novo status.

  Así o deixou por sentado na súa intervención deste xoves no debate de política xeral, na que tamén aproveitou para esixir, 37 anos despois, o cumprimento íntegro do Estatuto de Gernika e as 37 competencias pendentes de ser transferidas. Este mesmo venres, nese exercicio da "bilateralidade" que defende para Euskadi na súa relación con España, o Goberno vasco vai trasladar un documento á vicepresidenta do Executivo español, Soraya Sáenz de Santamaria, co debe do Estado en relación ao autogoberno vasco: esas 37 competencias pendentes. Urkullu quere seguir negociando con Rajoy, malia o que está a pasar en Catalunya.

  A grave crise que vive Catalunya sobrevoou todo o debate na Cámara vasca. Pero Urkullu non rachou o seu guión na hora e vinte que durou a súa intervención inicial. É verdade que iniciou o seu discurso cunha apelación ao diálogo para solucionar a crise en Catalunya e cunha  reclamación concreta ao presidente Mariano Rajoy : que abandone a "vía da imposición" e a vía penal" porque non é a solución. E que advertiu da necesidade de "evitar calquera forma de fractura social" institucional ou territorial en relación co referendo ilegal do 1-O. Pero o resto do discurso foi para dar conta das accións do seu goberno de coalición cos socialistas vascos, marcar novos obxectivos e fixar o taboleiro para a discusión sobre o futuro autogoberno vasco e o novo status para Euskadi. Do mesmo xeito que o seu socio de Goberno, o PSE-EE. O seu líder, Idoia Mendia, asegurou ao comezo da súa intervención: "Que saiban que un Goberno onde esteamos os socialistas non lles vai a levar ao abismo. Non o imos a facer. Alá onde esteamos os socialistas non se van a tomar decisións ilegais", comprometeuse Mendia.

  É verdade que tanto Elkarrekin Podemos, que defende o dereito a decidir e que este sábado vai presentar a súa proposta para o futuro autogoberno vasco, como os independentistas de EH Bildu, que apoian a vía catalá tamén para Euskadi, afeáronlle a Urkullu os seus acordos con Rajoy. Co presidente que manda á Garda Civil a impedir o referendo do 1-O e con quen xera "terror" en Catalunya, en palabras da portavoz independentista, Maddalen Iriarte. "En Madrid apláudenlle ben, para o PP é vostede un exemplo", díxolle Iriarte, co asentimiento desde a balconada de convidados do propio Arnaldo Otegi.

  Estado confederal desde a libre adhesión.

  Na quenda de resposta, o lehendakari recoñeceu que Catalunya está nun "calexón sen saída" e en ton grave sinalou que "todo se está indo das mans". Por iso defendeu, por enésima vez, o diálogo e a necesidade de dar solucións políticas ás nacións sen Estado e as aspiracións dos seus pobos, mirando aos exemplos de Escocia e Quebec. O lehendakari resolveu o debate sobre o autogoberno repetindo a frase que empregou na súa intervenciòn inicial:  "a saída do labirinto político territorial atópase no horizonte do Estado confederal". E engadiu: "desde a libre adhesión". Para Urkullu, o futuro debe camiñar cara a unha confederación que recoñeza o dereito a consultar a cidadanía "de xeito legal e pactado". "O Estado ten a obriga de buscar unha solución política ás aspiracións nacionais lexítimas de Euskadi e Cataluña, non hai outro camiño", dixo, eludindo desta vez Galicia no seu discurso. 


  Derivado de Praza 

.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.