e-distrito


A seca provoca unha alarmante pre-crise en agro e gandería.

A seca provoca unha alarmante pre-crise en agro e gandería.

  Seis zonas da conca Galicia-Costa teñen un risco "real" de declarar a alerta por seca a partir de outubro. A situación pode causar unha grave crise na agricultura e gandería galega según o Director Xeral de Augas de Galicia.

  25 setembro 2.017

  Entre catro e seis zonas da conca Galicia-Costa teñen un risco "real" de pasar de prealerta a alerta por seca a partir de outubro, debido ao déficit acumulado de choivas que afecta á comunidade desde a primavera de 2016. Unha situación que pode causar unha grave crise na agricultura e na gandería galega.

  Así o revela, nunha entrevista con Europa Press, o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, quen explica que, de tomarse esta decisión, para a que existe unha "posibilidade real", adoptarase na mesa da seca.

  Este órgano, que aglutina a técnicos de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia, reunirase probablemente o luns 2 de outubro --o 30 de setembro acaba o ano hidrolóxico, pero ese día aínda non estarán pechados os datos--.

  E o director xeral subliña que "existe a posibilidade certa" de converter a prealerta, decretada a comezos de ano, en alerta en "algúns sistemas" dos 18 que ten a conca Galicia-Costa. Estes sistemas son como "miniconcas" e sitúanse en distintas áreas de toda a comunidade, desde o norte ata o sur, aínda que este último é o máis afectado.

  Un terzo dos ríos con menos da metade da auga.

  Non en balde, unha terceira parte dos principais ríos desta demarcación --a outra é a de Miño-Sil-- levan un caudal inferior ao 50% ao que sería habitual nesta época do ano. É dicir, "menos da metade da auga que en teoría debían levar", destaca Rodríguez. Trátase de ríos como o Mandeo, cun 31% do seu caudal medio para a época; o Anllóns, en torno ao 50%; algún tramo do Xallas e do Ulla, o Furelos, o Lérez, o Oitavén, o Lagares e o Groba. En calquera caso, Augas descarta ter que decretar o estado de alerta en toda a demarcación: o risco dáse naqueles sistemas que xa veñen tendo unha situación "máis delicada" durante os últimos meses, pois a súa situación está "máis afastada" da súa condición "normal".

  Do que se fala é dunha seca hidrolóxica, segundo lembra o responsable do organismo, para mandar unha mensaxe de tranquilidade ao destacar que isto "non hai que identificalo con que poida haber escaseza nos recursos".

  Aínda que a Xunta está "preocupada" tras nove meses de déficit de precipitacións, valora que agosto "resistiu mellor do que se esperaba", e que por diante hai un outono que, se é normal en canto a choivas, fará que a situación tenda, precisamente, cara á normalidade.

  As consecuencias da alerta.

  As consecuencias de que se declare a alerta nalgunhas zonas non tería "efecto inmediato" sobre a cidadanía, segundo indica Roberto Rodríguez. Medidas como facer obrigatorias as restricións en determinados usos ou en baldeos de rúas --actualmente son recomendacións-- non se contemplan "nun primeiro momento", senón que habería que ir analizando as circunstancias particulares de cada lugar.

  Si repercutiría a alerta por seca, de maneira máis inminente, nunha intensificación dos seguimentos, que pasarían a ser semanais nos encoros, nos aforamentos e na calidade das augas. Outra actuación prevista é a de variar as normas de explotación dos encoros, así como o réxime de caudais ecolóxicos, para garantir achegas suficientes.

  Sexa como for, o director de Augas de Galicia remarca que o abastecemento está garantido. Só tres concellos trasladaron incidencias ao organismo desde maio --cando se fixeron chegar as recomendacións--: os de Aranga (A Coruña), Valadouro (Lugo) e Portas (Pontevedra), que pediron permiso para captar auga noutro punto.

  "Auga hai. O que temos é que adoptar medidas para protexela, para preservar os recursos, mediante o seu uso adecuado", apunta Rodríguez. A parte sur de Ourense é a máis afectada, pero as incidencias nesta área afectan, maioritariamente, a núcleos rurais e traídas veciñais ás que se garantiu a subministración con cisternas, segundo sinala Rodríguez. E é que, de feito, os primeiros efectos nótanse en pozos e acuíferos.

  Imaxes como as ruínas do antigo pobo á vista no encoro de Portomarín, ou as de Belesar, son "rechamantes", segundo admite o director xeral, pero aclara que estes non son de abastecemento.

  Desde 2012, Galicia conta cun protocolo de seca que prevé todos os escenarios posibles --normalidade, prealerta, alerta e emerxencia--, e Augas centra toda a súa atención agora no outono, aínda que recoñece que volver á normalidade "vai levar tempo" e "non é cousa dun día para outro".

  Por último, resalta que o plan hidrolóxico ten un apartado dedicado a lograr a resiliencia ante o cambio climático, que como avisou a directora xeral de Calidade Ambiental esta semana, "veu para quedar", e afecta a ecosistemas e á propia actividade humana, en ámbitos como o gandeiro e o agrícola.

  Situación inviable no campo galego.

  Esta seca afecta de forma xeneralizada ao campo galego, pero en especial ao Macizo Central de Ourense, onde "se están usando xa as reservas de forraxe que se tiñan para o inverno", xa que se recolleu un 70% menos do normal, segundo explica a Europa Press María Páez, produtora e responsable de Unións Agrarias en Viana do Bolo.

  "Recóllese un terzo da forraxe sobre o normal, está a gastarse no verán, e no inverno que facemos?", clama esta gandeira, que cre que a chegada do inverno fará "inviable" manter moitas explotacións na montaña oriental ourensá.

  Por este motivo, Páez reclama "axudas directas xa" para poder "seguir dándolles para comer" a vacas e ovellas. "Non me vale de nada un crédito a interese cero de 3.000 euros se cando teña que pagalo non vou ter os 3.000 euros", quéixase. "Non imos poder sobrevivir no inverno co que temos se non nos axudan agora", avisa María Páez. "E se non nos quere dar diñeiro que nos dean comida cuns camións de forraxe", sinala.

  Xunto a isto, a líder do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, bota en falta que, a pesar de que se prevé que estes episodios de seca sexan cada vez máis frecuentes, "non hai ningún grupo de traballo serio" de como abordar a situación en Galicia no que se fomente a investigación, con cuestións sobre como almacenar auga no inverno ou ter seguros útiles.

  A produción apícola cae entre o 60 e o 70% en Ourense.

  Outro dos sectores afectados é o da apicultura, con caídas da produción "de entre o 60% e o 70%" na provincia de Ourense, onde se atopan os produtores comerciais, segundo informa a Europa Press o portavoz da Asociación Galega de Apicultura, Xesús Asorey. Estima que na provincia ourensá hai unhas 60.000 colmeas que producían unha media de 30 quilos, pero este ano "andan por 10 quilos". Esta situación provocou "altas perdas", nun ano que "é malo en toda Europa pola seca e o cambio climático". No resto de Galicia, prevese "unha colleita mediana", aínda que "boa" en áreas de eucalipto.

  Asorey indica que a nivel comercial a seca provoca que as abellas "non xuntasen nin sequera o necesario para pasar o ano", pois as flores "non segregan néctar porque non hai humidade". Por iso, os apicultores danlle un complemento de alimento --a base de auga e azucre-- que "se parece ao néctar que sacan das flores", o cal "vale para o sustento delas, non para facer mel".

  O quilo de produtores ourensáns estaban a venderse a 4 euros o quilo e agora sobe a 4,60 o quilo, pero esta alza non compensa a caída da produción e "só pénsase en cubrir gastos". "Galicia era un paraíso para as abellas, non había práctica nin de alimentar nin de transhumancia (cambio de colmeas de zonas cálidas a máis húmidas)", pero están a facerse " xa necesarias e obrigatorias".

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.