e-distrito


Os expertos insisten nos beneficios dos espazos azuis para o benestar

Os expertos insisten nos beneficios dos espazos azuis para o benestar

  A exposición a ríos ou costas asóciase cun impacto positivo na saúde mental. Unha revisión de 35 estudos destaca tamén que os niveis de actividade física aumentan cando as persoas viven preto de espazos azuis. 

  26 setembro 2.017

  Ten beneficios para a saúde a exposición a espazos azuis como fontes, lagos, ríos ou mares? Un equipo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), centro impulsado pola Fundación Bancaria La Caixa, realizou a primeira revisión internacional ata a data sobre espazos azuis e saúde. As conclusións mostran que a exposición é beneficiosa, en especial para a saúde mental e o benestar, así como para a promoción do exercicio físico.

  A revisión, publicada no International Journal of Hygiene and Environmental Health e que inclúe 35 estudos en total, destaca que a evidencia científica ata o momento indica que os niveis de actividade física aumentan cando as persoas viven preto de espazos azuis. Doutra banda, o informe tamén reafirma os beneficios dos espazos azuis para a saúde mental, en especial para a redución da tensión, e o benestar autopercibido.

  As conclusións suxiren potenciais beneficios dos espazos azuis ao aire libre para a saúde, principalmente en saúde mental e promoción da actividade física.

  A confirmación foi menos consistente en canto á asociación entre espazos azuis e a saúde en xeral, a redución da obesidade e a saúde cardiovascular. As principais limitacións son que, nestes casos, existen menos artigos e hai máis heteroxeneidade nos resultados. A maioría dos estudos "todos menos catro" realizáronse en países de renda alta e a maioría centráronse na exposición a espazos azuis preto do lugar de residencia.

  Mireia Gascon, investigadora de ISGlobal e primeira autora do estudo, explica que "trátase dun tema emerxente, xa que a maioría dos traballos realizáronse no últimos cinco anos. As conclusións suxiren potenciais beneficios dos espazos azuis ao aire libre para a saúde, principalmente con respecto á saúde mental e o benestar e a promoción da actividade física".

  Recuperación de espazos para a planificación urbana

  Pola súa banda, Mark Nieuwenhuijsen, coordinador do estudo e director da Iniciativa de Planificación Urbana, Medio Ambiente e Saúde de ISGlobal, valora que "aínda que os resultados son alentadores, hai relativamente poucos estudos e un alto grao de heteroxeneidade na metodoloxía das investigacións, polo que se necesita realizar máis traballos". A pesar destas limitacións, o investigador destaca que "a evidencia científica actual apoia a promoción e recuperación de espazos azuis ao aire libre dentro da planificación urbana como unha estratexia interesante para a promoción da saúde e o benestar".

  ISGlobal participa no proxecto europeo BlueHealth, que se iniciou o 2016 para estudar a relación entre espazos azuis e saúde. En concreto, o centro impulsa tres estudos: a avaliación dos niveis de actividade física antes e despois das melloras de accesibilidade ao río Besós (Montcada i Reixac); o estudo WOW con traballadores de oficina en Barcelona; e a restauración da fonte de Can Moritz de Rubí.

  Foto: Milad Alizadeh. Amsterdam
  Derivado de Agencia SINC.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.