e-distrito


Caso Campeón/ A fiscalía pacta cos acusados que non vaian ao cárcere.

Caso Campeón/ A fiscalía pacta cos acusados que non vaian ao cárcere.

  O caso atingue a varios cargos do PP, o principal Pablo Cobián (PP de Oleiros), que a Xunta se negou a acusar. O líder da trama, Jorge Dorribo, constituira unha rede para facerse con subvencións do IGAPE.

  A pesares do pacto do fiscal cos acusados, o IGAPE non recuperará todos os cartos que perdeu. 

  O empresario líder da trama, Jorge Dorribo, que ve rebaixada a súa pena de 24 a 5 anos en parte xa cumpridos, é o que recibe a maior condena. 

  Este caso tamán signifcou no seu momento as imputacións do socialista José Blanco, posteriormente retirada, e, nunha peza separada á trama principal, a de Fernando Blanco (BNG).

  27 setembro 2.017

  “Todas as persoas que estaban acusadas obtiveron a resposta adecuada aos seus respectivos comportamentos”. Esa é a valoración que fai o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, a respecto dos acordos previos para evitar penas de prisión que a Fiscalía acadou coa gran maioría dos 13 acusados que este martes sentaron no banco na primeira sesión do xuízo do caso Campeón, investigación iniciada hai máis de seis anos. O empresario Jorge Dorribo, líder da trama para facerse con subvencións do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para o que a Fiscalía pedía inicialmente 24 anos de cárcere, é o que terá unha maior pena, de cinco anos e medio de cárcere, parte dos cales xa cumpriu en prisión preventiva.

  O xuízo iniciado este martes continuará en outubro pero nel só se decidirá a condena ou non do único dos 13 implicados que non acadou un pacto previo

  O xuízo do caso Campeón comezou este martes cunha primeira sesión dedicada a cuestións previas na que a responsable de financiamento do Igape, Cristina Quintela, viu como se retiraba a acusación contra ela, o que lle permitiu abandonar a sala. Xunto con ela, outros once acusados chegaron a acordos previos coa Fiscalía para rebaixar as súas penas, pero un deles negouse. O empresario Javier Rodríguez, socio de Proitec, empresa da que Dorribo supostamente se valeu para cometer parte dos seus delitos, non aceptou o acordo, o que obriga a que en outubro continúe o xuízo, aínda que nel só se determinará a súa culpabilidade ou non e a súa posible condena. O obxectivo da súa defensa é conseguir a nulidade de parte da investigación para resultar finalmente absolto. Entre os once acusados que asumiron a súa culpabilidade para acadar acordos previos están o ex-director do Igape, Joaquín Varela, o ex-subdirector de información do ente público, Carlos Silva, e o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián.

  Segundo declaracións aos medios do fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, á saída da sesión deste martes, cos acordos acadados a Fiscalía buscou a “simplificación” do xuízo para poder “individualizar” os comportamentos de cada un dos acusados. Segundo dixo, tentouse “condicionar calquera informe favorable á suspensión ou á substitución das penas de prisión ao esforzo de todos os acusados por reparar o dano causado” a través do pagamento de multas e indemnizacións ao Igape, que non recuperará todos os cartos perdidos. “Entendo que o favorable para a Fiscalía é a intención de que todas as persoas que estaban acusadas obtiveron a resposta entendo eu adecuada aos seus respectivos comportamentos”, valorou o fiscal.

  Primeiro caso do Goberno Feijóo e con efectos en PSOE e BNG.

  O caso Campeón foi o primeiro de corrupción que afectou ao Goberno de Feijóo aos dous anos da súa chegada á Xunta. A trama creada polo empresario Jorge Dorribo para facerse con cartos públicos de xeito ilegal, nalgún caso coa mediación do ex-deputado do PP Pablo Cobián, afectou principalmente ao Igape. Porén, o Goberno galego renunciou a acusar tanto ao político popular como aos tres cargos públicos aos que si acusou a Fiscalía, segundo Feijóo porque a súa actuación limitouse a unha falta de “dilixencia” pese a que no caso do exlider do PP de Oleiros, gravacións telefónicas constataban como solicitaba cartos a cambio de influencias.

  O caso Campeón, investigado polo xulgado de Instrución número 3 de Lugo, coa xuíza Estela San José á fronte, tamén foi a orixe da imputación que durante un tempo pesou sobre o ex-ministro socialista de Fomento José Blanco ou a que a maxistrada propuxo para o portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, rexeitada polo Tribunal Supremo. Unha peza separada do caso segue mantendo imputado o ex-conselleiro de Industria do BNG Fernando Blanco.

  Derivado de Praza.
  Foto: Pablo Cobián (dereita) e Jorge Dorribo (centro).

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.