e-distrito


A Coruña/ A empresa beneficiada irregularmente polo Porto Exterior está finiquitida cunha débeda millonaria.

A Coruña/ A empresa beneficiada irregularmente polo Porto Exterior está finiquitida cunha débeda millonaria.

  Alatec é a beneficiaria das 11 adxudicacións directas cunha facturación superior aos 2 millóns de euros nos que o Tribunal de Cuentas atopou importantes irregularidades. 

  28 setembro 2.017

  Nun informe deste ano, o Tribunal de Cuentas (TdC) relata que, entre 1997 e 2005, a APAC adxudicou "13 contratos ao mesmo contratista en solitario, ás súas filiais ou en UTE" e que, desas contratas, "só dúas" foron en procedemento de concurso aberto. Outras sete foron en adxudicación directa sen solicitude de máis ofertas. Ademais, o TdC engade que en dous contratos "non figura o sistema de adxudicación e en catro expedientes non se formalizou o contrato obrigatorio".

  Segundo a documentación oficial da APAC, Alatec e as súas filiais facturaron 2,03 millóns nas obras de Punta Langosteira. A Autoridade Portuaria recoñece que máis de 672.000 euros foron mediante once contratos por “adxudicación directa”.  Os beneficiarios deses contratos son Alatec Ingenieros Consultores y Arquitectos, unha filial súa (Alaes XXI SL) e varias unións temporais de empresas (Alatec Haskoning; Alatec, Consultrans e Prointec).  

  Alatec Ingenieros Consultores y Arquitectos entrou en situación concursal  en 2014. Tras ser incapaz de resolver as súas débedas foi extinguida o ano pasado. Malia ter sido beneficiada de diñeiro público, deixou sen pagar moitísimos impostos. Na lista de grandes morosos publicada polo Ministerio de Facenda en 2015 figura que Alatec Ingenieros Consultores y Arquitectos debía máis de 1,41 millóns ao tesouro público. 

  Segundo o Registro Mercantil, o seu último máximo dirixente antes do concurso de acredores foi Felix Pedro Canalejo Marcos, quen tamén foi presidente da Fundación Madrid Centro Mundial de Ingenieria, fundación constituída co apoio da Comunidade de Madrid cando estaba baixo o mando de Ignacio González (PP).

  Galicia Confidencial contactou este verán coa APAC para preguntarlle pola identidade da empresa beneficiada polas contratas con irregularidades e darlle a oportunidade de comentar as críticas publicadas polo Tribunal de Cuentas. Voceiros oficiais indicaron que esta Administración, controlada polo Estado pero na que tamén participan a Xunta e municipios da comarca, non tiña nada que dicir ao respecto.

  Con todo, nas alegacións presentadas ante o Tribunal de Cuentas a Autoridade Portuaria fai unha pechada defensa destes contratos e mesmo deita dúbidas sobre as intencións reais do ente fiscalizador do Estado. “Si con esta referencia se quiere plantear alguna duda acerca de la necesidad de tales contratos, de la conveniencia de los mismos para el interés público o incluso, de la pretendida existencia de un trato de favor para un determinado contratista, creemos con todo respeto, que así debería indicarse”, asegura a APAC.

  A Autoridade di que la “la actividad en materia de contratación de la APAC ha sito repetidamente supervisada sin ninguna observación al respecto”, malias as deficiencias descritas polo TdC. Unha delas, por exemplo, é que non se conserva documentación para contrastar que a oferta de Alatec era a máis barata dun concurso. A APAC alega que “se está haciendo referencia a contratos respecto de los que ni siquiera existe el deber de conservar documentación” e que son expedientes de hai 20 anos ou “dos lustros”. 

  O Porto de Coruña indicou nas súas alegacións que “todos los contratos se han celebrado de acuerdo con el procedimiento aplicable a la fecha de celebración” e que “los trabajos se han encomendado en la medida en que han surgido la necesidad” polo que era “difícil” prever que ían ser necesario máis traballos despois.

  Ademais, a Autoridade Portuaria cualifica a Alatec, extinguida por impagos e parte da lista de morosos máis importante do Estado, de empresa punteira e referente no seu sector.

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.