e-distrito


Gonzalo Caballero, elixido secretario xeral do PSdeG co 58% dos votos

Gonzalo Caballero, elixido secretario xeral do PSdeG co 58% dos votos

  Gonzalo Caballero foi elixido este domingo pola militancia novo secretario xeral do PSdeG con 3.723 votos, o 58,3% do total, fronte a Juan Díaz Villoslada, que obtivo 2.663 votos, o 41,7%.

  09 outubro 2.017

  En total, nas primarias socialistas participaron 6.530 votantes, o 63,8% dos 10.235 militantes que tiñan dereito a voto, dos que o 2% votou en branco.

  Caballero (Ponteareas, 1975), doutor en económicas e profesor na universidade de Vigo, sanchista recoñecido, porá fin a un período de 19 meses nos que o PSdeG viña sendo rexido por unha xestora, desde a dimisión en marzo de 2016 do seu anterior secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, tras a súa imputación na operación Pulpo. A súa elección supón a vitoria dun secretario xeral socialista non apoiado polos baróns do partido, dos que renegou en público identificándoos co seu opoñente.

  Caballero mesmo contou coa oposición aberta de quen encabeza en Galicia aos críticos coa dirección estatal do partido, o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) Abel Caballero, tío seu pero co que está enfrontado politicamente hai anos. Caballero senior esforzouse por transmitir en público que el non estaba interesado no que puidese pasar co PSdeG senón que a súa preocupación é o PSOE. A incógnita de a quen apoiaría a agrupación socialista viguesa, a máis numerosa, cuns 800 afiliados, saldouse cun case empate, co 53% dos votos para Villoslada dun total de 529 emitidos. No resto das sete cidades galegas, Caballero impúxose amplamente a Villoslada.

  A campaña para estas primarias iniciouna tamén un terceiro candidato, o portavoz no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, que o pasado luns se integrou no equipo de Caballero. Na recollida previa de avais, Caballero presentara 2.297, por 1.790 de Villoslada e 1.803 de Leiceaga. Os votos agora obtidos por Caballero, polo tanto, non chegan á suma dos seus propios avais e os de Leiceaga, mentres que Villoslada viu incrementados os seus apoios nunha maior proporción.

O resultado destas primarias parécese moito máis ao das que elixiron ao candidato á Xunta hai un ano e medio que ás que amosaron o respaldo dos socialistas galegos a Pedro Sánchez

  Como comparación con anteriores primarias en Galicia, nas do pasado maio para a secretaría xeral do PSOE Pedro Sánchez obtivo 5.442 votos (65,74%), por 2.235 (27%) de Susana Díaz e 601 de Patxi López (7,26%). E nas primarias de un ano antes para elixir o candidato á presidencia da Xunta, proceso no que inicialmente tamén tentara participar Gonzalo Caballero para logo retirarse e ofrecer o seu apoio a Xoaquín Fernández Leiceaga, este obtivera 3.662 votos (55,67%) por 2.916 (44,33%) de José Luis Méndez Romeu. Así as cousas, o resultado destas primarias parécese moito máis ao das que elixiron ao candidato á Xunta hai un ano e medio que ás que amosaron o respaldo dos socialistas galegos a Pedro Sánchez.


  Se Caballero e Villoslada coincidían en defender a necesidade de unir a esquerda en Galicia para loitar contra o PP, o agora secretario xeral amosouse máis explícito sobre a necesidade de achegarse a En Marea, formación cuxa aparición, a partir das mareas municipalistas previas, é en parte responsable da caída electoral que o PSdeG rexistrou nas eleccións locais de 2015 e nas autonómicas de 2016.

  A elección de Caballero, que rexeitou entrar no Parlamento de Galicia, supón unha nova bicefalia no PSdeG, con Leiceaga como portavoz na Cámara

  A elección de Caballero tamén suporá o inicio dunha nova bicefalia no PSdeG, xa que o agora secretario xeral asegurou, ao pactar con Leiceaga, que este seguirá a ser o portavoz parlamentario dos socialistas e que el renuncia a entrar no Parlamento de Galicia e se centrará na recomposición do partido. Para que Caballero entrase na Cámara autonómica, algún dos deputados actuais pola provincia de Pontevedra tería que renunciar ao seu escano, xa que o agora secretario xeral é o seguinte na lista por esa circunscrición.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.