e-distrito


Arde Galicia. Caos, máis de 130 incendios, milleiros de hectáreas queimadas e tres mortos.

Arde Galicia. Caos, máis de 130 incendios, milleiros de hectáreas queimadas e tres mortos.

  Feijóo, que negou que o despedimento de 436 brigadistas teña relación cos incendios, culpa á seca, ao furacán Ophelia, ao descontrol portugués e aos incendiarios. 

  A Xunta non ofrece información da superficie ardida. Non hai datos oficiais dende o domigo á tarde cando en todo o mes as queimas contabilizaban 5.000 hectáreas.

  16 outubro 2.017. 11:00 h -am-

  Caos de incendios. Once anos despois da peor vaga de lume en vinte anos a práctica totalidade do país asistiu dende este domingo con horror a unha nova crise de incendios sen apenas ser quen de saber canto e onde arde e, sobre todo, por que. Tras cinco días de incendios en aumento con especial impacto no interior de Ourense e Lugo, a chegada dos restos do furacán Ophelia incrementaron as temperaturas e a velocidade do vento e tornaron en escenario ideal para a traxedia con ata 132 incendios que tiveron a súa faciana máis dramática na morte de tres persoas, dúas mulleres en Nigrán e un home en Carballeda de Avia. 

  Nun escenario de incógnita prácticamente absoluta a respecto da superficie ardida, da que non existen datos oficiais dende media tarde do domingo -cando a superficie ardida en outubro roldaba as 5.000 hectáreas-, contra as 11 da mañá deste luns a Xunta informaba dun total de 105 incendios, dos cales 67 permanecían sen control. En 17 focos a proximidade do lume a áreas habitadas provocou a activación da situación 2. Segundo a última información dispoñible trátase de Cervantes, Friol, Monforte, Pantón, Parada de Sil, San Cristovo de Cea, Baños de Molgas, Chandrexa de Queixa, Paderne de Allariz, Lobios, Ponteareas, Salvaterra do Miño, Gondomar, As Neves, Baiona, Nigrán e Silleda

  Esa proximidade ás veciñanzas das vilas afectadas semella estar por tras dos tres falecementos xa confirmados. As dúas primeira perderon a vida na contorna de Chandebrito, en Nigrán, ao seren cercadas polas lapas na furgoneta na que viaxaban. Foron achadas polo concelleiro de Vías e Obras da localidade, Rubén Rial, membro do Grupo de Emerxencias do Val Miñor, tal e como confirmou a Praza.gal o alcalde da vila, Juan González. Na mañá deste luns confirmouse a identidade das falecidas, Maximina e Angelina, de 89 e 85 anos. Fontes da investigación apuntan a Praza.gal que no vehículo viaxaba unha terceira persoa de menor idade, a condutora, que foi quen de escapar das lapas.

  O último parte apunta a 17 focos con situación 2 por proximidade a áreas habitadas

  O terceiro falecemento, coñecido de madrugada, tivo como escenario o concello ourensán de Carballeda de Avia, onde as primeiras hipóteses apuntan a que o home falecido, de avanzada idade, tentaba atallar cos seus propios medios o lume que ameazaba a súa casa. "Probablemente", di Medio Rural, tentaba ceibar os seus animais para evitar que morresen abrasados.

  Medio Rural non revela a superficie afectada polos incendios, pero si concreta que o país viviu ata 132 incendios durante o domingo

  A chegada das chuvias contribuíu na zona oeste do país a paliar un chisco unha situación na que o Goberno galego pon o foco na orde pública, a "elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia", e dende o Executivo e o PPdeG insístese en non falar de que o país "arde", senón que é "queimado" por "terroristas". Definicións á parte, o certo e que esta vaga de lume trouxo consigo escenas practicamente inéditas, como o lume a cercar barrios estritamente urbanos na cidade de Vigo, ademais de repetir escenas vividas na gran vaga de 2006, como vías de comunicación cortadas entre escenas de pánico, caso da Autovía das Rías Baixas, a A-52, ademais de multitude de vías convencionais e secundarias.

  Ante esta situación, este domingo o presidente Feijóo realizou unha comparecencia pública. "Estamos nunha situación difícil, estamos preocupados, sabemos apagar lumes pero as condicións adversas deste domingo nunca as vivíramos nunha década. É unha actividade incendiaria homicida", asegurou Feijóo á tarde, tras visitar o Centro de Coordinación de Incendios. O presidente da Xunta, que este luns reúne o Consello de xeito extraordinario, fixo especial fincapé no feito de que Galicia tamén ten que "loitar", ademais de contra incendiarios e as condicións meteorolóxicas, contra os fogos que chegan desde Portugal ao "saltaren o río Miño" por non "seren apagados". Feijóo dixo que Galicia non pode "seguir soportando os fogos que entran desde Portugal".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.