e-distrito


España/ O 27´9 % da poboación, case 13 millóns de persoas, atópanse en risco de pobreza e exclusión.

España/ O 27´9 % da poboación, case 13 millóns de persoas, atópanse en risco de pobreza e exclusión.

  Galicia/ O 25´4% dos galegos, case 700.000, viven en risco de pobreza. EAPN-Galicia conclúe que, se ben hai menos persoas pobres, as que quedan están peor.

  17 outubro 2.017

  Galicia.

  Este martes 17 de outubro é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN Galicia) presentou este luns o informe O estado da pobreza en Galicia, que recolle recolle datos das axencias oficiais de estatística Eurostat, Instituto Nacional de Estatística e Instituto Galego de Estatística, ademais de cifras do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. En 2016 case 700.000 persoas vivían en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, máis da cuarta parte da poboación (25,4%). O dato é lixeiramente mellor que o de 2015 (25,7%) e sitúase algo por debaixo da media española (27,9%). Galicia é a sétima comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación pobre. EAPN-Galicia destaca que "a recuperación económica non está chegando de xeito decidido ás persoas máis vulnerables"

  No 2016, un 19% da poboación galega estaba en situación de pobreza (516.000 persoas), con ingresos mensuais inferiores a 684€/mes. Ademais, os datos indican que se mantén case inalterable a porcentaxe da poboación con Carencia Material Severa, que chega ao 4,1% (4,2% no 2015), o que supón 111.460 persoas en Galicia. EAPN-Galicia conclúe tamén que, se ben hai menos persoas pobres, as que quedan están peor.Esta circunstancia é medida a través do indicador de brecha da pobreza, que amosa a intensidade da pobreza e canto lles falta ás persoas sen recursos para saír da súa situación, é dicir, a diferenza entre a súa renda neta e o limiar da pobreza. Esta brecha é en Galicia do 26,8%, cifra superior en 6,9 puntos porcentuais á que existía no ano 2008 "e que denota o empeoramento das condicións de vida da poboación pobre neste período" , destaca a entidade.

  Chama a atención a consolidación de determinados perfís de pobreza, algúns deles relativamente novos, que incrementaron a súa importancia ao longo da crise. Un deles é o das persoas novas. A taxa máis alta de pobreza en Galicia dáse na mocidade entre 16 e 29 anos, en idade de incorporación ao mercado laboral. Aínda que se produciu unha baixada na cifra de 3,8 puntos porcentuais, segue sendo do 34%. "Este dato indica probablemente que as medidas de inserción laboral dirixidas a este colectivo, como pode ser o Sistema de Garantía Xuvenil, non están a funcionar como deberían", destaca EAPN. De igual xeito, no 2016 en Galicia a taxa diminúe en todos os treitos de idade, agás o de 30 a 44 anos, que pasa do 22,4% no 2015 ao 25,6% no 2016. É o quinto ano consecutivo de ascenso neste franxa de idade, que en 2011 se situaba apenas no 15,7%.

  Aínda que a situación das persoas maiores de 65 anos non foi a que máis empeorou durante a crise, EAPN-Galicia advirte de que o 62,7% das pensións que se distribúen en Galicia, teñen un importe inferior ao limiar da pobreza. Delas, ademais, unhas 123.000, que supoñen o 16,3% do total de pensións teñen un importe por debaixo do limiar de pobreza severa. Nas de viuvedade, percibidas maioritariamente por mulleres, as porcentaxes son do 80,7% e 30,2%.

  Así mesmo, aínda que non se dispón do dato específico en Galicia, no conxunto do Estado é moi relevante o aumento da taxa en risco de pobreza ou exclusión nos chamados fogares monoparentais, que se sitúa no 53,3% no 2016 fronte a un 50,1% no ano anterior. Estes fogares están formados por un adulto (nun 80% dos casos unha muller) e varios fillos. EAPN-Galicia sinala que "o acordo do Parlamento para que a Xunta aprobe un plan específico de medidas para este colectivo é especialmente urxente".

 

  España

  Case 13 millóns de persoas, o 27,9 % da poboación, atopábanse en risco de pobreza ou exclusión social en 2016 (345.000 persoas menos que en 2015), segundo o último informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN). O VII Informe Anual sobre o Risco de Pobreza e Exclusión Social 2017 fai unha radiografía, con datos oficiais de 2016, do impacto da pobreza co indicador Arope (o índice de referencia na UE que se sitúa no 23 %) que ten en conta os ingresos familiares, as carencias materiais e a baixa intensidade do emprego e que se publica con motivo do día mundial da pobreza.

  En España, un total de 12.989.405 persoas están en risco de pobreza, é dicir, cumpren con polo menos un dos tres requisitos: ter ingresos inferiores a 684 euros (unha persoa) e 1.700 (unha familia de 5 membros), sufrir carencia material severa (atraso pago vivenda, non ter vacacións, TV ou teléfono) e baixa intensidade no emprego (un traballo de menos de 2 horas). En total, unha terceira parte (32,6 %) da poboación pobre de 16 anos ou máis está ocupada, é dicir, ten un emprego remunerado, un das novos paradigmas da pobreza nos países desenvolvidos.

  Un millón de persoas atópanse na peor situación económica e social posible, xa que sofren os tres factores (o 2,1 % da poboación). As persoas adultas novas (16-29 anos) teñen a taxa máis alta, cun 37,60 %, (36,4 % en 2015), seguida da infancia, cun 31,7 % (33,4 %); a máis baixa, os maiores de 65 anos, cun 14,4 % (13,7% en 2015).  As persoas que viven en fogares con menores teñen taxas de ata 30 puntos máis elevadas que as daquelas que viven en fogares compostos só por adultos. Máis da metade das familias monoparentais con 1 ou máis nenos ao seu cargo están en risco de pobreza.

  Derivado de Praza / El Diario.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.