e-distrito


Incendios/ Traballadores da CRTVG: “Sentimos vergoña do tratamento informativo e pedimos desculpas”

Incendios/ Traballadores da CRTVG: “Sentimos vergoña do tratamento informativo e pedimos desculpas”

  Raquel Lema, xornalista, traballadora da CRTVG, ex-presidenta do Comité Intercentros, sobre o que acontece nos medios públicos do país. “Algún día haberá repercusións penais por practicar a manipulación informativa”

  Deixa claro que unha cousa é o labor dos traballadores “que se partiron o lombo durante 24 horas para sacar adiante o seu traballo”, e outra os cargos directivos que non estiveron á altura das circunstancias.

  19 outubro 2.017

  O que pasou nos medios públicos galegos o pasado domingo foi un “total descontrol, desorganización, caos, falta de mando e de coordinación” dos poucos equipos que había dispoñibles. “Nós fixemos o noso traballo, horas e horas, sabémolo facer, pero non estivemos dirixidos. Ademais, enviáronse a Santiago moitas imaxes de lumes tomadas en condicións extremas e nunca se chegaron a aproveitar. Iso doe, a quen arrisca mesmo a súa vida por gravalas. Por que non se emitiron?”, queixase Raquel.

  Por iso, asegura que “non é xusto” que paguen os traballadores, aínda que saben que pode pasar. E critica a imaxe que se está dando desta crise porque “a interpretación que se está a radiar é interesada e partidista, favorable ás teses do partido que goberna na Xunta”.

  E para paliar a situación fala da creación dun Consello de Informativos ou o Estatuto Profesional e de "darlle un curso de ética, de deontoloxía, de dereitos constitucionais a todos os parlamentarios". “Se eles non queren, e non toman as decisión oportunas para desgubernamentalizar a CRTVG, nunca será posible”, asegura.

  Son directo xa. Hai manipulación na CRTVG nos últimos días?

Si, claro. Poñamos de exemplo para nos entender o tratamento informativo que se lle deu ás multitudinarias manifestacións que se desenvolveron por todo o país o luns 16 de outubro. Milleiros de persoas secundaron as diversas convocatorias. Quen estivo nalgunhas delas sábeo ben. Na TVG mereceron unhas “colas” duns poucos segundos, nin sequera un video, colas que se elaboraron cun par de planos dalgunhas concentracións. Ante a previsión de asistencia que calquera podía imaxinar, non sería un criterio xornalístico rigoroso poñer un punto de directo nalgunha cidade? Pois non o fixeron. Despois dirá o director xeral no Parlamento que as manifestacións eran ás oito da tarde e as imaxes chegaron ao telexornal das nove con dificultade. Mentirá, porque desde que somos capaces de facer conexión en directo, non hai xa esa escusa,

  Pero isto non é de agora. O da manipulación é una crítica recurrente entre traballadores e sindicatos, tamén durante o bipartito?

  Si, tamén durante o bipartito. Houbo algúns episodios de intervención política ou partidaria que motivaron mesmo a demisión das súas novas responsabilidades de profesionais da TVG que non quixeron formar parte desas prácticas. É un problema estrutural, de ver con naturalidade a intromisión do poder político na conformación da imaxe do país que se contrúe desde os medios de comunicación. É preciso acabar con iso, articular ferramentas que nos axuden a avanzar, como o Consello de Informativos ou o Estatuto Profesional. Algunhas pensamos que mesmo algún día haberá repercusións penais por practicar a manipulación informativa, entendendo o dereito á información desde a súa perspectiva constitucional. Xornalistas e políticos deberan responder penalmente por vulnerar dereitos teóricamente tan protexidos como o da información.

   Cóntame que pasou o domingo?

  Esa pregunta debías facerlla á directora de informativos da CRTVG e, na miña opinión, por debaixo dela, a todas aquelas persoas que ocupan posicións de responsabilidade dentro da empresa. Eu cóntoche o que relatan as profesionais que estaban en quenda ese día, porque a razón profunda, discriminar se primou a manipulación ou a incompetencia, non cha sei. Poñámonos na hipótese de que non se tomou consciencia da gravidade da situación ata que xa era tarde. Antes diso, tal vez se deixou correr o día, a ver se a cousa non ía a máis e tal, minimizar os lumes é habitual. Pero unha vez que se espertou do soño, tal vez cando empezaron a arreciar as críticas nas redes sociais á falta de cobertura informativa dos medios públicos, ou cando outra canle privada estatal empezaba a ocupar o espazo de referencia que debíamos estar a ocupar nós, non se estivo á altura por parte dos que deben coordinar, dirixir e organizar aos equipos, mesmo convocar a máis traballadores como se fixo noutras ocasións. As xefaturas importantes incorporaronse a partir das 8 da tarde e a directora de informativos ás 11 da noite. E moitos trablladores chamaron para ofrecerse a traballar no seu día libre e rexeituse o seu ofrecemento. Os relatos que nos chegan por parte dos compañeiros e compañeiras que se partiron o lombo durante 24 horas por sacar adiante o seu traballo son de descontrol, desorganización, caos, falta de mando e de coordinación dos poucos equipos que había dispoñibles. Coas delegacións territoriais en cadro desde hai anos (pecharon a delegación de Pontevedra que tería sido de grande axuda neste caso), e cunha política de asfixia da contratación (na sede central de san Marcos faltaban ese domingo cinco ou seis redactores que estaban de baixa e non se substituiron) é imposible cubrir un evento informativo desta magnitude como o país merece e como temos a obriga como servizo público. Pero ademáis, as catro mochilas que permiten facer conexións en directo estaban ocupadas en eventos deportivos. Por que non se suspenderon esas previsións e se enviou a eses reporteiros aos lugares dos lumes? Houbo profesionais que avisaron durante o día; algún mesmo conta que pronto se decatou de que ía haber mortos. Nós fixemos o noso traballo, horas e horas, sabémolo facer, pero non estivemos dirixidos. Ademais, enviáronse a Santiago moitas imaxes de lumes tomadas en condicións extremas e nunca se chegaron a aproveitar. Iso doe, a quen arrisca mesmo a súa vida por gravalas. Por que non se emitiron? Estaba Santiago desbordado? Posiblemente, pero doe. Hai moito que corrixir. Debían facer reunión os que mandan para que isto non se volva repetir.

  A min lembrame todo isto ao que pasou co Prestige. Hai semellanzas?

  Pode ser, no fondo non deixan de ser crises mal xestionadas. Pero houbo unha intensa cobertura cando o Prestige, tamén de reacción tardía, certo, pero creo que primou máis daquela a manipulación que a ausencia de información, como puido ser neste caso. Claro que, en puridade, a ausencia de información é unha das formas máis perversas de manipulación informativa. Reaccionado tarde, a CRTVG tivo ao día seguinte, e continúa a ter estes días (terá sempre mentres que os lumes sexan un problema estrutural), a oportunidade de facer información de servizo público, abordando as posibles causas e solución con pluralidade de voces, ideas e experiencias. Non creo que iso se estea a facer. A interpretación que se está a radiar é interesada e partidista, favorable ás teses do partido que goberna na Xunta.

  Entón seguimos tendo uns medios públicos ao servizo dos políticos de turno?

  Si. Temos un director xeral cun mandato prorrogado pola porta de atrás, vía lei de acompañamento da lei de orzamentos. Dito iso, pouco máis que dicir. Había que prohibir as chamadas entre a Xunta e a dirección da CRTVG. Bloquear eses teléfonos. E poñer a tele e a radio públicas nas mans dos profesionais da información, pero non de mercenarios externos que veñen a facer o traballo sucio, de traballadores e traballadoras da casa, xornalistas, produtores, reporteiros gráficos, operadores de video e demais que distinguen a información da propaganda. E a manipulación desaparecía.

  Con todo, hai algo que hai que destacar, que é a profesionalidade de moitos dos traballadores, algúns deles mesmo pasaron situacións de perigo, non?

  Sí. Pódenos a ansia e fáltannos directrices sobre como actuar en casos así. Se traballas 24 horas seguidas nunha situación de estrés deste calibre, no medio dos lumes, no ollo do furacán, poden pasar cousas. Estás canso, queres continuar, arde a túa aldea, a casa dos teus viciños, queres informar coma se foses o único testigo daquilo e podes despistarte fácil. Por sorte non pasou nada, ningún traballador resultou ferido. Pero repito que algún reporteiro gráfico, horas antes das primeiras mortes, compartíu con outros que tiña a sensación de que iso ía pasar. As condicións nas que traballaron os compañeiros e compañeiras que estiveron na primeira liña foron extremas. Co paso das horas confesan ter unha sensación agridoce, orgullosos do traballo que fixeron pero desconsolados co resultado e a repercusión que tivo, cando choveron as críticas, mesmo a do propio comité de empresa. Confesan na intimidade que sinten tristura. Non é para menos.

  Quero destacar, porque o teño falado con máis compañeiros, o caso dalgún deles, e non foron poucos. Poño como exemplo a Alberto Rivero, sen desmerecer a outros, que desde a RG si fixo esa labor pública de informar a xente que andaba perdida pola zona do condado e a autovía que une Vigo con Ourense dando consellos de por onde era mellor saír ou que facer...E a pesar diso hai xente que os acusa a eles de ser os manipuladores. É duro iso non?

  Iso é o peor. Alberto e tantos nomes máis. Ao día seguinte, o luns, comentáronnos algún traballadores que recibiron insultos, do tipo onde estabades onte?. Non é xusto que o paguemos nós, pero sabemos que é así. A sociedade interpreta que os coches rotulados son a TVG ou a RG. Dentro deses coches hai sempre traballadores de a pé sen arte nin parte na toma de decisión que despois os comprometen. Pero xa sabemos que é así. Pasou sempre e seguirá a pasar mentres as cousas non se fagan ben. Poñemos o lombo nós para cobrar polo que outros fixeron.

  Que habería que facer para ter uns medios públicos como é debido e sen que sirvan de pin, pan, pun para o goberno que estea no poder?

  Darlle un curso de ética, de deontoloxía, de dereitos constitucionais a todos os parlamentarios. Se eles non queren, e non toman as decisión oportunas para desgubernamentalizar a CRTVG, nunca será posible. O resto son parches, ferramentas previas para camiñar cara o fin. Saben ben as medidas que teñen que tomar, o caso é querer tomalas.

  Cal é a sensación que tedes dentro despois do que está acontecendo?

  O persoal reaccionou rápido, da man do comité de empresa, que organizou en poucas horas a protesta e a denuncia pública do que pasou dentro. Hai quen pensa que a roupa se lava na casa, pero as que pensamos que os trapos sucios deben airearse, fixémolo. Queremos que se tomen medidas, que se corrixan os protocolos, que dimita quen se sinta responsable ou que sexa cesado. Non queremos traballar así nunca máis. Nese sentido, falar do problema, nomear o problema, entendemos que é o primeiro paso para intentar corrixilo. Alguén debería tomar nota e implementar as medidas correctoras que se determinen necesarias. Niso podemos colaborar. Pero nunca contan con nós. Agora ben, escoitar hannos escoitar sempre.

  E unha mensaxe para a xente que estea lendo agora esta entrevista?

  As traballadoras e traballadores da CRTVG sentimos vergoña do tratamento informativo que se deu desde a CRTVG durante a xornada do domingo. Somos cidadáns ante todo, queimouse tamén o noso país, e temos unha dor dobre. Pedimos desculpas porque non nos deixaron ser o que temos a obriga de ser, a tele e a radio de referencia para os galegos e galegas. Non puidemos prestar o servizo público, a información tan necesaria que se demandaba, e sentímolo máis ca ninguén. Axudádenos a que non volva suceder. Reclamade canda nós a despolitización da CRTVG e a dotación orzamentaria necesaria para que poidamos desenvolver o noso traballo con dignidade. Precisamos a axuda da sociedade galega que cre na necesidade dos medios públicos de comunicación, porque inimigos, nos despachos da Xunta e dos grandes grupos de comunicación que conciben a información coma un negocio, xa temos dabondo. Precisamos uns medios públicos libres, veraces e independentes. Demandémolos.

  Derivado de Galicia Confidencial.
  Foto: Protesta dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa durante a crise dos lumes | Fonte: Comité CRTVG

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.