e-distrito


Deportivo/ Pepe Mel destituído; Tino Fernández ficha ao sexto adestrador nos tres anos e dez meses que leva como presidente.

Deportivo/ Pepe Mel destituído; Tino Fernández ficha ao sexto adestrador nos tres anos e dez meses que leva como presidente.

  O técnico do Fabril, Cristobal Parralo é o elexido. O presidente deportivista evidencia o nerviosismo da súa xestión e se escuda en que os despidos continuos son normais. 

  Cinco despidos dos que tres o foron por motivos deportivos e dous extradeportivos (Vázquez e Sánchez del Amo). 

  24 outubro 2017

  Tino Fernández. Análise dunha época convulsa.

  O Consello de Administración acumula case 50 xogadores contratados e 5 despidos de adestradores. 

  Despois de tres anos e dez meses de responsabilidade no Deportivo, o discurso da directiva tende a basearse na frase recurrente: "o presidente fai o mellor para o Deportivo". A dirección do clube procede de forma continuada a sinalar a outros actores cando se evidencian problemas, de xeito que se sintetizamos o argumentario falaríamos de que no eido económico a culpa era de Lendoiro; no respecto á violencia, a xunta directiva responsabilizaba aos Riazor Blues  (que sufriron o asasinato de un dos seus membros); sobre o entorno, Tino sinalaba a aficionados e chegou a pechar a grada e enfrontarse as peñas e a súa Federación; e sobre os resultados deportivos son os adestradores os que van caendo sen que a maioría poidan completar unha sóa tempada. 

  Tino Fernández manifestou en diversas ocasións que o principal motivo das precariedades do Deportivo parte da situación económica herdada pola xestión de Augusto C Lendoiro. Esta explicación choca directamente con dous feitos evidentes: primeiro, mentres Lendoiro foi presidente do Deportivo sempre contou co apoio do accionariado representado por Tino, e segundo, nas negociacións previas a que obtivera o presidencia foi o propio Tino quen lle ofreceu a Lendoiro a vicepresidencia deportiva do clube se chegaban a un acordo para a candidatura conxunta. Lendoiro rexeitouno. Pódese advertir a faciana de "dous Tinos" opostos: o seguidor de Lendoiro mentres éste foi presidente e o "acusador" da súa xestión nada máis presentar a súa candidatura.

  O papel no asasinato do aficionado coruñés Francisco Javier Romero Taboada tampouco se caracterizou pola defensa dos intereses coruñeses. Tino púxose de contado a disposición do presidente do Atlético de Madrid, roldas de prensa conxuntas incluídas, ata o extremo en que descargou a responsabilidade sobre a peña deportivista Riazor Blues (aínda que os informes policiais coincidían en que sufriran unha emboscada á súa chegada a Madrid). Mentres en Riazor se tomaban medidas contra os aficionados blanquiazuis, Enrique Cerezo non dubidaba en permitir aos membros do Frente Atlético manter a simboloxía fascista no estadio ao tempo que se excusaba en que os feitos se desenvolveran fora do Vicente Calderón para non tomar ningunha medida relevante. 

  Os detractores botan en falta a Lendoiro; os seus defensores sustentan a reducción da débeda como baza. En efecto, a reducción da débeda procede de cobros polo traspaso de Lucas ao Arsenal pero tamén do trato de favor que acadou o Deportivo con aprazamentos de pago a máis de 30 anos e de diversas quitas. Por outra parte, o incremento de cobros pola nova sinatura para ingresos de dereitos televisivos da Liga de Fútbol Profesional chegou nun momento propicio para a entidade herculina. O crédito en condicións increiblemente beneficiosas de Abanca e a axuda do Concello fixeron o resto para que os problemas económicos xa non tiveran un peso preferencial.

  Máis a xustificación da pobre evolución deportiva en base a situacion herdada enfrontábase de novo a un dilema: nos tres anos e dez meses de presidencia -dende xaneiro de 2.014- o Deportivo sempre foi un club top de Primeira División en canto a número de fichaxes. A era de Tino Fernández leva coñecido xa máis do corenta fichaxes nas que en prácticamente ningún caso se ten en conta as recomendacións dos sucesivos adestradores, o cal é entendible cando se vislumbra que o tempo medio que duran non supera os nove meses. A estabilidade buscada na Secretaría Técnica con Richard Barral como máximo responsable dende outubro de 2.015 non mellorou o entorno.

  Tampouco nese eido parece existir un criterio xustificable á hora de preparar as tempadas. Non é doado establecer cales son os puntos de contacto da dirección deportiva (ou as liñas nas que se fixa a política de fichaxes) entre nomes tan diferentes e cunha filosofía tan alonxada como Victor Fernández, Victor Sánchez ou Garitano. 

  Corría xullo de 2.014 cando se producía o despido fulminante de Fernando Vázquez. O de Castrofeito cumplira cos obxectivos ao acadar o ascenso a Primeira División pero non se lle permitiu sequera empezar a nova campaña. Vázquez acudía á entrevista co presidente portando un reproductor no que quedaba claro que as súas declaracións (a motivación da rescisión de contrato) eran literalmente: “a opción un podería ser a bomba, pero xeralmente imos sempre á opción cinco, a opción seis, sete... Nunca conseguimos de verdade o que nos propoñemos. Ese é un pouco o problema. Está claro que este ano temos unha cantidade de diñeiro decente para gastar, non é como o ano pasado, que tiñamos que ir polas portas pedindo".  Pero non serviu de nada. Victor Fernández era a cara seleccionada para o banquiño. Unha aposta controverquida por tratarse duns esquemas moi diferentes á idiosincrasia do Deportivo e dun adestrador cuxa traxectoria dos últimos anos fora en acusado descenso. 

  A primeiros de abril de 2.015 era destituído e substituído por Victor Sánchez del Amo. Paradóxicamente as declaracións de Tino redundaban no feito de que o Deportivo non podía realizar as fichaxes que desexaba, é dicir, mantiña o mesmo discurso polo que despedira a Vázquez. 

  Victor Sánchez acadou a ansiada permanencia, deixou moi boas sensacións e asinou unha primeira volta realmente brillante. O decepcionante chegou despois. Unha segunda volta negra fixo que o deportivismo temese o peor e se vise de novo ás portas do descenso de categoría. O ambiente do vestiario encheuse de problemas e os enfrontamentos persoais entre xogadores e adestrador empeoraron a situación. Pero a salvación chegaba de novo. A dirección do clube decidía agora entre manter a confianza do adestrador ou despedilo pese a que meses atrás asinara a renovación. Esto último foi o que sucedeu. A nefasta segunda volta pesaba demasiado para Tino Fernández como para poñer en mans do técnico madrileño a seguinte campaña.

  E foi entón cando chegaba a enésima decisión controversial. A Victor Sánchez non se lle perdoaba unha segunda volta desastrosa, pero o escollido como novo adestrador, Gaizka Garitano, era precisamente o responsable do descenso deportivo da S D Eibar despois dunha todavía máis funesta segunda volta. Se o Eibar non descendera a Segunda División fora exclusivamente polo descenso administrativo do Elche, o cal permitía que a súa praza a ocupase o equipo vasco. 

  En xuño de 2016 Garitano oficializaba a súa fichaxe polo Deportivo; o 26 de febreiro era despedido.  O día seguinte chegaba Pepe Mel, un adestrador tamén moi diferente ao perfil dos anteriores. Pepe Mel calificábase a sí mesmo como un adestrador de xogadores, un home que primaba menos o eido técnico e máis a psicoloxía. Presentábase como un home que outorgaba confianza aos xogadores. O 24 de outubro de 2.017, oito meses despois, caía.

  Tino Fernández suma e segue. 

  Opinión/ Carlos Rei Ermida.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.