e-distrito


BiciCoruña duplicará o número de estacións de aparcadoiro e incrementará o parque a 500 bicicletas, a metade eléctricas.

BiciCoruña duplicará o número de estacións de aparcadoiro e incrementará o parque a 500 bicicletas, a metade eléctricas.

  Tamén se ampliará o Carril Bici. Daniel Díaz Grandío, concelleiro de Mobilidade, afirma que o plan se activará durante o vindeiro ano, unha vez incorporados a este proxecto os fondos DUSI.

  30 outubro 2017

  A Concellería de Mobilidade Sostible, dirixida por Daniel Díaz Grandío, ten en marcha un ambicioso plan de renovación e ampliación de BiciCoruña que ten como obxectivo que, de cara ao próximo ano, e unha vez incorporados a este proxecto os fondos DUSI conseguidos polo goberno local, a cidade conte con 46 estacións de aparcamento así como un parque de 500 bicicletas, a metade delas eléctricas. A previsión é que, en conxunto, o Concello invista 1,3 millóns de euros. Destes, 264.000 euros xa están consignados nos orzamentos vixentes, mentres que a achega a cargo dos fondos europeos ligados ao Plan de Estratexia Integral de Desenvolvemento Urbano Sostible sobrepasará o millón de euros.

  O concelleiro salientou que esta actuación "forma parte da aposta por un cambio de modelo na mobilidade da nosa cidade, cara a formas de desprazamento alternativas ao uso do vehículo privado, máis sostible e máis amables, o que incide directamente na mellora da nosa vida diaria". "Dentro dese camiño, puxémonos como obxectivo facer unha cidade máis accesible na que a xente teña máis facilidades para optar ao uso da bicicleta, non só como práctica deportiva ou de ocio, senón tamén como forma de desprazamento", indicou. "Por iso, ademais de abordar unha importante ampliación do carril bici, dándolle un sentido metropolitano, decidimos mellorar o noso sistema municipal de préstamo de bicicleta, ampliando a nosa oferta á bicicleta eléctrica", dixo.

  Na actualidade, A Coruña conta con 23 estacións de BiciCoruña repartidas na estación de tren e de autobuses, Obelisco, Porto-Palexco, Torre de Hércules, Aquarium, Praza de Pontevedra, Casa da Auga, Millenium, Mirador dos Castros, Praza de Vigo, Praza das Conchiñas, Centro Deportivo de Matogrande, Praza de Tabacos, Os Rosais, Campo de Marte, rúa Sol, Campo da Leña, Praza de San Rosendo, Paseo das Pontes, Centro Cívico de Monelos, Porta Real e centro deportivo do Castrillón. Ligados ao programa de Orzamentos Participativos, Mobilidade Sostible abordará, de xeito inminente, a colocación de 11 estacións máis na praia de Orza, rúa Pablo Picasso, Mercado de Durmideiras, O Ventorrillo, A Grela, Marineda City, Pocomaco (onde se colocarán dúas), Parque de Eirís, Someso e Campus de Elviña 1.

  Ademais das mesmas, e xa ligadas aos fondos DUSI, o departamento de Mobilidade Sostible ten prevista a colocación de cinco estacións máis, que se integrarán dentro do plan Pedalea coa UDC, e que se situarán na Maestranza, Cidade Escolar, Campus de Elviña 2, Campus da Zapateira e Campus de Oza, ademais doutras sete estacións máis localizadas en Orillamar, Praza e Galicia, Castelo de San Antón, Domus, Ágora, Parque do Agra e Muncyt.

  "Tras estudar as actuacións con respecto ao parque público de bicicletas e á introdución das eléctricas que se está a facer noutras cidades con maior tradición neste ámbito, como é o caso de Barcelona ou Bilbao, decidimos apostar pola colocación de estacións que poidan dar tamén cabida ás bicicletas eléctricas, contando cunha base de carga para as mesmas. O noso plan de mellora pasa por acometer a renovación do sistema actual de estacións que temos vixente, colocar as novas 11 estacións ligadas aos orzamentos participativos e outras 12 máis de forma posterior ao longo do próximo ano", resumiu.

  Carril Bici

  Este proxecto compleméntase coa ampliación da rede do carril bici da cidade da Coruña. En concreto, neste momento, o goberno local ten en fase de licitación e adxudicación as obras para a construción de distintos tramos de carril bici, como é o caso do metropolitano. Cun prazo de execución de seis meses a partir da súa adxudicación e un montante de case 1,5 millóns, as actuacións previstas pasan pola creación dunha rede ciclable que percorra o litoral municipal. En concreto, os tramos de actuación irán da Avenida da Mariña á Delegación do Goberno (tramo de 800 metros de percorrido que pasará por Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da Delegación do Goberno ao Parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerían por Praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do Parque de San Diego); e Parque de San Diego a Ponte da Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e a AC-12 até a Pasaxe).

  Esta mesma semana, a xunta de goberno local deu luz verde ao expediente de contratación do carril bici situado entre A Palloza e Matogrande. Este, cun itinerario de 2,2 quilómetros, transcorrerá desde a Casa do Mar ata Matogrande por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, e estará definido pola segregación dos carrís -separando deste modo as bicicletas do tráfico de vehículo rodando e respectando as beirarrúas para peóns-, a seguridade para as usuarias e usuarios -tanto para ciclistas como para peóns- e a súa execución sobre a calzada. Neste caso, ademais, será de circulación unidireccional e aproveitará os dous sentidos da calzada. O presuposto base de licitación é de 499.644,74 euros.

  As obras para a implantación dun carril bici na avenida de Salgado Torres, no tramo que discorre dende o seu comeza até a nova glorieta, tamén se atopan en fase de licitación cun importe de máis de 220.000 euros. O obxectivo, neste caso, é garantir a conexión por bici con Catro Camiños. As actuacións postas en marcha neste momento complétanse, ademais, coa adxudicación das obras de carril bici na avenida Pablo Picasso. Cun orzamento de licitacion de máis de 200.000 euros buscan dotar desta infraestrutura o tramo entre o comezo da citada avenida e o CEIP Salgado Torres. "Estamos no camiño para cumprir a nosa meta de crear unha rede ciclista que sexa seis veces superior á actual", comentou o concelleiro de Mobilidade.

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.