e-distrito


A Coruña acollerá por primeira vez a Feira Internacional de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable BioCultura

A Coruña acollerá por primeira vez a Feira Internacional de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable BioCultura

  Será o vindeiro marzo. A edil María García destaca “a contrastada traxectoria dun encontro que pon en valor iniciativas empresariais que introducen criterios sociais e ambientais nos seus procesos de produción”.

  10 novembro 2017

  A cidade da Coruña acollerá no mes de marzo de 2018 a celebración de BioCultura, a Feira Internacional de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable. Así o fixo saber onte a concelleira de Medio Ambiente, María García, que participou en Madrid na xornada inaugural da 33ª edición desta cita, da que salientou que "é, sen dúbida, a feira máis importante do sector ambiental e de agricultura ecolóxica no Estado, cunha traxectoria contrastada. No encontro, tal e como indica García, participan numerosas iniciativas empresariais dun ámbito que abrangue propostas que van desde a  bioconstrución até as enerxías renovables, a agricultura ecolóxica ou mesmo a cosmética natural, "parte desa economía alternativa que trata de ser consciente coas persoas e a súa contorna, e que ten presente nos seus procesos de produción valores e criterios tanto sociais como ambientais", explica a edil. "Estamos a falar de empresas cun valor engadido. Ademais da diversidade, creatividade ou innovación que poden achegar á sociedade a través da súa produción, contribúen a mellorar e respectar o medio ambiente", afirma a responsable municipal.  

  A edil avanzou que esta iniciativa, que se celebrará por vez primeira na Coruña do 2 ao 4 de marzo en Expocoruña --e que manterá o evento na súa sede habitual, Madrid--, encaixa tanto na aposta que se fai desde a área de Turismo pola captación de grandes eventos na cidade, como na liña que está a desenvolver a propia concellería de Emprego e Economía Social de fomento e impulso do sector e da economía verde, "e que está a facilitar o coñecemento e visibilizar aquelas propostas empresariais e innovadoras que teñen presentes criterios sociais e ambientais no seu desenvolvemento -explicou García-, como demostra, por exemplo, a posta en marcha do Mercado Ecolóxico e de Proximidade que se celebra no Campo da Leña, a promoción de produtos de proximidade nos mercados municipais, o apoio a iniciativas de emprendemento como o Greenweekend ou a primeira edición da Feira de Economía Social". "O apoio e difusión destas propostas amplía o espectro da liña na que está traballar, este Concello, tamén desde a propia administración, como é a inclusión de de cláusulas sociais e ambientais na contratación pública", aseverou.  

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.