e-distrito


A Coruña nun estudo pioneiro sobre a presenza de contaminantes en adolescentes.

A Coruña nun estudo pioneiro sobre a presenza de contaminantes en adolescentes.

  O Instituto de Salud Carlos III analizará a presenza de substancias como o mercurio ou os retardantes de chama nos mozos da cidade

  13 novembro 2.017

  Por diversos motivos, substancias como os bisfenoles, os retardantes de chama, os ftalatos ou o mercurio son unha preocupacións para os científicos, debido aos seus efectos nocivos para a saúde, polo que o seu uso xa se restrinxiu nalgúns ámbitos. O Instituto de Salud Carlos III de Madrid, a través do Centro Nacional de Sanidad Ambiental (CNSA), acaba de poñer en marcha un estudo pioneiro de biomonitorización humana en adolescentes (BEA), no que participará a cidade da Coruña.

  A cidade herculina será unha das 10 cidades seleccionadas para participar no proxecto, cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama). No caso coruñés, a análise levarase a cabo no IES Salvador de Madariaga. Alí, mozos e mozas de 3º e 4º da ESO serán monitorizados, coa correspondente autorización paterna, para coñecer os seus niveles destas substancias químicas, presentes nalgúns produtos de consumo.

  Participarán alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Salvador de Madariaga

  Na selección destas zonas priorizáronse os lugares nos que haipouca información previa sobre este tipo de exposición. En toda España participarán un total de 500 voluntarios adolescentes de ambos sexos, residentes en 10 cidades.

  O estudo está coordinado pola área de Toxicoloxía Ambiental do CNSA e foi deseñado coa colaboración do Centro Nacional de Epidemioloxía. É un traballo de gran interese comunitario, xa que os estudos referentes a estas substancias na poboación adolescente son escasos. Os promotores da investigación subliñan que os resultados aportarán novos e interesantes datos sobre os efectos da contaminación por estes compostos.

  Subliñan que é “habitual” atopar niveis destas substancias nos individuos analizados, polo que o obxectivo é “vixiar que permanezan dentro de niveis aceptables que non representen risco”. Os datos obtidos servirán para poñer en marcha medidas que contribúan a xestionar este risco de xeito máis eficaz. Agárdase que os resultados finais estarán dispoñibles en 2019.

Que é a biomonitorización?

É a estimación da exposición a substancias químicas presentes no medio ambiente a través de análises de sangue, ouriños ou cabelo. Así é posible coñecer a cantidade de substancias químicas, naturais ou artificiais, ás que diariamente estamos expostos, e que son absorbidas polo organismo.

Así é posible establecer asociacións entre estas doses e os posibles efectos sobre a saúde humana. Amais, a biomonitorización constitúe unha ferramenta moi útil para coñecer a eficacia das políticas medioambientais que se adoptan.

  Derivado de GCiencia.
  Foto: Equipo do Centro Nacional de Sanidad Ambiental encargado do proxecto

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.