e-distrito


A vacaloura, unha icona galega en perigo

A vacaloura, unha icona galega en perigo

  A vacaloura é un dos insectos que máis pegada deixou na cultura popular galega. Pero a actividade forestal e o monocultivo de eucalipto das últimas décadas provocou a redución da súa poboación.

  13 setembro 2016

vacaloura, tamén chamada escornabois (Lucanus cervus) é un dos insectos que máis pegada deixou na cultura popular galega. A particular apariencia dos machos, cunhas mandíbulas moi desenvolvidas, semellantes a cornos, desatou a imaxinación de moitas xeracións de nenos e maiores do país. Autores como Risco, Cabanillas ou Bouza Brey recolleron cántigas e lendas sobre as supostas propiedades sandables deste insecto. Os máis novos tamén lembrarán a canción de Carmiña Vacaloura que o Maestro Reverendo lle adicou no Xabarín Club. Non en tanto, a actividade forestal e humana das últimas décadas afectou ao seu hábitat e provocou a redución da súa poboación. 

  A vacaloura é, xunto ao capricornio (Cerambyx cerdo), o escaravello demaior tamaño de Europa. “Pertence á Familia Lucanidae, que na Península Ibérica consta de 9 especies. En Galicia temos 5, onde esta especie dende logo, é a máis espectacular”, explica Pablo Torrella, conservador do museo da Sociedade Galega de Historia Natural e un dos principais expertos neste insecto. O gran tamaño das mandíbulas dos machos é, segundo Torrella, unha clara mostra da selección naturalque observou Charles Darwin.As vacalouras macho válense das súas mandíbulas paraloitar entre elas na procura das femias. Así, “as diferenzas de tamaño de mandíbula son de vital importancia ecolóxica para os exemplares, xa que os que maior tamaño presentan son os que terán maior posibilidade de saír vencedores desas loitas”, sinala o experto. As femias, pola súa banda, teñen unhas mandíbulas moito máis curtas, polo que é sinxelo diferenciar esta especie en canto ao sexo.

  Nos ecosistemas galegos, a vacaloura xoga un papel moi importante para contribuír ao “enriquecemento do solo dos bosques e á rexeneración e formación do humus, tanto por medio da súa alimentación como grazas aos seus detritos”, segundo destaca Pablo Torrella. O insecto aliméntase de madeira descomposta de grandes árbores caducifolias (sobre todo carballos e castiñeiros) e, ao tempo, serve de alimento a especies como “as aves nocturnas, os petos carpinteiros, ourizos, teixugos ou raposos”. 

  Debido á súa alimentación, a deficiente xestión forestal de Galicia tamén afecta á vacaloura. O retroceso das fragas e os lumes comprometen, segundo Torrella, o futuro deste insecto. “As principais ameazas para a especie son a introdución de especies vexetais foráneas, en especial o monocultivo de eucalipto,e a conseguinte desaparición e fragmentación do seu hábitat por estradas con tráfico rodado; os lumes e a obsesiva recollida de madeira ‘morta’ dos bosques co fin de evitar a propagación dos incendios. A nivel ibérico hai constancia de captura de exemplares para a súa venda”, sinala Pablo Torrella. 

  Así, diferentes organizacións estatais e internacionais sitúan á vacaloura nunha situación comprometida. Segundo explica Torrella, “esta especie está contemplada como de “preocupación menor” no “Atlas y Libro Rojo de los Invertebrados Amenazados de España” publicado pola Dirección General de Medio Natural y Política Forestal do Ministerio de Medio Ambiente”. A Unión Europea recolle á vacaloura no Apéndice III do Convenio de Berna e no Apéndice II (“Especies de Artrópodos de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación”) da Directiva Hábitats.

  Con respecto a Galicia, a SGHN sinala que o insecto está localizado no38,9% das cuadrículas UTM 10×10, segundo o Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae de Galicia”, editado pola entidade en 2013. Pablo Torrella explica que a vacaloura “aínda que non chega a cumprir o rango ou criterio de Vulnerable na Categoría UICN (inventario de carácter mundial sobre o estado de conservación das especies), si podemos sospeitar que é probable que o cumpra nun breve prazo de tempo”.

  Derivación libre de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.