A Torre de Hércules acolle unha nova intervención de arte xenerativa. Trátase da obra "Everything flows, nothing dies", do artista francés Mathieu Le Sourd, MAOTIK, que estará dispoñible ata o 31 de agosto. Esta mostra afonda na relación entre a funcionalidade da luz do faro como guía e a capacidade expresiva na arte contemporánea, e reflexiona sobre a condición cambiante da natureza.
A instalación, comisariada por Hito Cultura & Tecnoloxía, está composta por catro pantallas, situadas nos andares da Torre, nas que se proxectarán paisaxes algorítmicas a partir de datos do movemento do mar e das correntes do aire. O espectáculo visual estará acompañado con audios que evocan o son do océano e crearán deste xeito unha experiencia inmersiva para as persoas que a visiten, e unha invitación á reflexión sobre os ciclos da vida e a relación do ser humano coa natureza. En palabras do artista, "Everything flows, nothing dies" é "un recordatorio de que, se ben as formas e os estados poden cambiar, a esencia permanece".
Tradición e vangarda mestúranse nesta proposta expositiva. O faro romano máis antigo do mundo, vencellado ao uso da luz como guía nunha construción de milleiros de anos, adquire un papel de elemento expresivo dentro das artes dixitais, disciplinas en auxe a nivel global.
MAOTIK é un artista dixital de orixe francesa especializado na creación de espazos inmersivos, instalacións interactivas e performances audiovisuais que transitan entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía.
Máis info: https://www.coruna.gal/