E-distrito

Noticias

Feijóo dá o SI a presidir o PP estatal "porque a Galicia non lle é indiferente España".

Feijóo dá o SI a presidir o PP estatal "porque a Galicia non lle é indiferente España".

  O actual presidente da Xunta conta co apoio maioritario do PP estatal pero enfróntase ao dilema dunha sucesión no PPdG que non tiña definida.

  03 marzo 2022

  Un día despois do décimo terceiro aniversario da súa primeira vitoria electoral de 2009, Feijóo anunciou este mércores a súa marcha presentándoa como unha necesidade para o Estado: “Eu non estou en política para desentenderme, para acomodarme e para buscar o que a min máis poida interesarme”.

  En 2018 Feijóo rexeitou competir pola sucesión dun Mariano Rajoy apartado por unha moción de censura baseada na condena do PP por corrupción no caso Gürtel. Agora foi a acusación da dirección do PP presidido por Pablo Casado de que a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso beneficiou o seu irmán con contratos públicos a que abriu unha nova ventá de oportunidade. E Feijóo agora si quere aproveitala.

  Será no congreso extraordinario que o PP vén de fixar para os próximos 1 e 2 de abril en Sevilla cando presumiblemente asumirá a presidencia do partido. Pero mentres as datas internas do PP comezan a aclararse, a indefinición sobre o futuro do Goberno galego que propiciou Feijóo cos seus movementos das últimas semanas segue no aire. Unha hipoteca sobre a estabilidade da Xunta que se prolongará aínda varias semanas, xa que no PP galego non se contempla que Feijóo deixe a residencia oficial de Monte Pío mentres non teña na man oficialmente o despacho da madrileña rúa Génova.

  Feijóo fixo o anuncio nun discurso no que amosou o seu agradecemento a Galicia -“Galicia transformoume no que hoxe son”- e pediu “desculpas por todo o ocorrido estes días” no PP. O presidente escenificou unha petición de permiso aos seus compañeiros de partido presentes no pavillón deportivo do Sar, en Santiago, para presentar a súa candidatura a presidir o partido. O aplauso xeral dos asistentes en pé interpretouno como un asentimento xeneralizado. "Creo que xa non é preciso votar", concluíu.

  O aínda presidente evita dar pistas sobre os seguintes prazos para a súa marcha a Madrid mentres comeza a cargar contra Pedro Sánchez, a quen di querer "gañar", e contra o seu Goberno "multipartito" de "socialistas, comunistas e nacionalistas"

  Feijóo describiu unha situación política xeral en todo o Estado peor agora que en 2018. “Hoxe sinto que fallarlle ao PP é fallarlle a Galicia e ao resto de España”, argumentou, e foi máis alá de anunciar a súa candidatura a liderar o PP. Tamén evidenciou que nos estatutos desa formación a presidencia do partido a nivel estatal supón de xeito automático a candidatura a presidir o Goberno de España. “Non veño aquí a insultar a Pedro Sánchez, veño a gañar a Pedro Sánchez”, dixo.

  Pero o aínda presidente da Xunta de Galicia empregou boa parte da súa intervención, na que alternou o galego e o castelán, para, con este último idioma e en directo en boa parte das televisións estatais, cargar contra o executivo central, ao que presentou como un "multipartito" de socialistas, comunistas e nacionalistas. Tamén tivo mensaxe Feijóo para a ameaza de perda de votos que supón Vox para o PP e asegurou que el si cre nas autonomías “para fortalecer aquilo que é a nosa nación, España”.

  Feijóo asegurou que el non é “un político de manual, non creo nos laboratorios políticos, non son un político cun par de chíos e un faladoiro ao día”. “Non son un político comentarista senón un político de feitos”, chegou a dicir. Na súa intervención non deu ningunha pista de cales serán os seguintes prazos para a súa marcha cara a Madrid e limitouse a asegurar que o seguinte que faría tras esta intervención pública sería poñerse a preparar o Consello da Xunta deste xoves.

  Contraste coa retirada de 2018

O discurso deste mércores deuno un Feijóo emocionado, pero con menos bágoas que as que tivo nos ollos o 18 de xuño de 2018, cando anunciaba que non competiría pola sucesión de Mariano Rajoy á fronte do PP estatal porque “por riba do currículum dunha persoa concreta está o compromiso cun pobo”. “Sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos, porque sería ademais fallarme a min mesmo”, engadía o presidente da Xunta e do PP galego reforzando o seu argumento de que non podía marchar a Madrid en metade dunha lexislatura galega que non remataría ata mediados de 2020.

  Agora, á actual lexislatura, a do seu cuarto mandato á fronte da Xunta, que de rematar permitiría igualar o tempo que Manuel Fraga foi presidente, quedaríalle aínda máis tempo por diante, ata mediados de 2024. E o igual que hai catro anos o PP galego segue carecendo de sucesor.

  Os baróns do partido presentan a Feijóo como referente moral case unha década despois de que a súa traxectoria ascendente se vise embazada poa revelación da súa amizade de anos con Marcial Dorado

  Feijóo, grazas ás súas maiorías absolutas, formou parte durante anos das cábalas para suceder a Rajoy, e caeu delas tras a súa renuncia de 2018 a competir cos finalmente candidatos Pablo Casado, Soraya Sáenz de Santamaría e Dolores de Cospedal. A elección final de Casado, vinte anos máis novo, parecía afastar definitivamente a oportunidade de Feijóo, pero a incapacidade do primeiro de consolidarse no cargo e a cuarta maioría absoluta do segundo volven propiciar unha nova oportunidade para o dos Peares, que hai agora un ano xa declaraba en público que algunha decisión de Casado "non parece razoable" e que agora é visto polos baróns do partido como suposto referente moral da formación. 

  Esa imaxe de Feijóo viuse embazada en 2013 pola revelación por parte de El País da súa amizade de anos na década dos 90, cando el era número 2 da Consellería de Sanidade, con Marcial Dorado, xa daquela coñecido contrabandista e condenado posteriormente por narcotráfico. Un ano máis tarde tampouco axudou a súa amizade con Pachi Lucas, sinalado como suposto conseguidor de contratos públicos -sospeita similar á que agora se lanzou desde a propia dirección do PP sobre o irmán de Ayuso- na Operación Zeta, cuestión que despois acabou arquivada.

  Superada esa difícil segunda lexislatura, os focos volveron virar cara a Feijóo tras a súa terceira vitoria electoral de 2016 e fixérono novamente nos últimos e axitados días da primavera de 2018, cando tras a condena do PP por corrupción no caso Gürtel unha moción de censura mudou a Rajoy por Pedro Sánchez á fronte do Goberno central. 

  Naquel momento Feijóo limitou a autocrítica sobre a corrupción que propiciara a caída de Rajoy e deixouse querer apurando os tempos antes de anunciar a súa decisión de non presentarse a unha sucesión á que aspiraban máis candidaturas. Agora Feijóo introduciuse inicialmente na crise Casado-Ayuso restando importancia ás sospeitas de corrupciónsobre a segunda, pero en só dúas semanas xa foi moito máis alá. Ayuso, di Feijóo, "é unha persoa honorable que imos defender porque non nos presenta dúbidas a súa honorabildade". Pola contra, o interese do aínda presidente de Xunta é a unidade do seu partido. E agora, a diferenza de hai catro anos, non hai outros nomes de peso sobre a mesa.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados