En 2017, no 35 aniversario dos últimos vertidos nucleares fronte a Galicia, na coñecida como Foxa Atlántica, Praza.gal realizou unha longa investigación con consultas a unha ducia de organismos internacionais e españois nas que non foron quen de responder se alguén vixía con algún tipo de programa estable de supervisión eses bidóns de aceiro e formigón con 140.000 toneladas de residuos radioactivos deitados no océano entre 1949 e 1982. PSOE, PP e BNG fixéronse eco daquela investigación e durante varios anos formularon iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Parlamento Europeo que constataron que nin España nin a UE vixiaban nin pensaban vixiar o estado deses bidóns, algúns con sete décadas baixo o mar.
Tras esas evasivas e negativas, recollidas por medios de toda España, agora será Francia quen realice a primeira misión para vixiar o estado dos residuos da Foxa Atlántica, unha expedición científica que prevé comezar este domingo 15 de xuño e que se desenvolverá en dúas campañas, unha primeira de localización e aproximación que comeza xa e unha seguinte, aínda sen data, de toma de mostras.