E-distrito

Noticias

Nós non queremos ser un país de servizos, queremos xerar coñecemento.

Nós non queremos ser un país de servizos, queremos xerar coñecemento.

  O Muncyt da Coruña acolleu a 9ª edición da reunión de Mozos Investigadores no Estranxeiro. Cren que o problema é meramente político: sábese o que se fai noutros sitios, pero non se aplica.

  02 xaneiro 2019

  Aproveitando as vacacións de Nadal, o Muncyt da Coruña acolleu a novena edición da reunión anual de Mozos Investigadores no Estranxeiro. Referentes na loita contra o cancro como Xosé Bustelo ou Marisol Soengas, outros investigadores de relevancia internacional como Manuel de León, Sonia Villapol ou David Posada acudiron como participantes ao encontro no que participaron máis de 30 investigadores que apenas superan os 30 anos, pero que xa acumulan unha longa experiencia de coñecemento polo mundo. E que, sobre todo, atopan moitos obstáculos para desenvolver a súa carreira na súa terra.

  María Mayán Santos, líder do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, coordinou un ano máis o comité organizador do encontro. En conversa con GCiencia, abordou algunhas das claves que se debatiron durante a reunión.

– Que haxa que facer estas reunións no Nadal é un síntoma?

– Totalmente. Na xornada escoitamos a xente boísima que está fóra, pero chegaron para comer o turrón e xa están marchando de volta polo mundo adiante. E é unha pena,porque a súa formación foi un investimento que fixemos todos; e agora, xusto na etapa máis produtiva, o posdoutoramento e o momento no que aparece a posibilidade de ser xefe ou xefa de grupo, todo este talento marcha.

  Sementamos, pero non recollemos os froitos, e perdemos a opción de que esta xente poida atraer investimentos a Galicia, xerar postos de traballo e atraer con fondos públicos e privados. Son outros países os que se aproveitan.

– Adoita dicirse que está ben saír, pero por que é tan difícil volver?

– Marchar fóra é recomendable, porque tes a opción de aprender en centros punteiros, estableces contactos, etc. Pero o problema é que moita xente, se quere, non pode volver a Galicia, porque non hai plans de captación de talento. A única opción realista agora é optar a unha Ramón y Cajal ou unha Miguel Servet, pero son convocatorias con pouquísimas prazas.

  “Non hai un plan autonómico de captación de talento científico”

  E aquí non hai un plan autonómico, que poida traer cinco ou dez científicos cada ano. Iso xa sería un avance, e non suporía un custo moi grande. Aquí estiveron as bolsas Parga Pondal, que cando empezaban a funcionar, cortáronse. E desde entón, apenas nada.

  Temos máis problemas. Por exemplo, a idade media dun xefe de grupo en Galicia é de 53 anos. E non pode ser, porque nos países competitivos é moito máis baixa, de entre 35 e 40 anos. Cando se xubile toda esta xente, imos precisar unha entrada masiva de profesores e investigadores nos centros, e iso vai fomentar a endogamia e a mala contratación, por culpa das urxencias. Iso é o que non queremos; nós queremos xente válida, competente, que atraia investimentos e talento. Se non o facemos así, as universidades decaerán.

– Non se poden tomar decisións para solucionalo?

– É unha cuestión meramente política. Sábese o que están facendo outros organismos, como o ICREA (Cataluña) ou o Ikerbasque (País Vasco), pero non se aplica. E as razóns ás veces non se sosteñen. Dise que, por exemplo, os salarios do ICREA son moi altos, pero non son máis ca os dun catedrático de universidade. E con todo, eles ficharon a 260 investigadores e conseguiron triplicar coa captación de investimentos os cartos que gastaron en fichar a estes científicos.

  Non se pode pensar a dous, tres ou cinco anos vista. Pero vese que se pensamos coma eles, a case 20 anos, os resultados aparecen. Xeraron 1.800 postos de traballos altamente cualificados e captaron 690 millóns de euros, decenas de spin-offs, patentes, etc.

  “É unha cuestión meramente política; sábese o que se fai noutros sitios, pero non se aplica”

  Invertir en ciencia e talento é rendible, pero é unha cuestión de interese, e aquí non o hai. Fálase moito de innovación, pero antes hai que ter centros de investigación punteiros cos que sentar as bases nas que os talentos teñan boas condicións para desenvolver estas novas ideas. No ICREA, por exemplo, non se lle esixe e presiona aos científicos coa innovación. Se tes talento, con apoio, non precisas presionar para xerar innovación, xa xorde por si mesma.

  Temos que cambiar o modelo de país. Non podemos seguir sendo un país de terceira división, volcado nos servizos e en gastar moito en infraestruturas, porque disto xa temos. E non podemos ser un país de servizos, queremos xerar coñecemento. Temos o entorno axeitado para facelo, pero hai que impulsalo.

– Que pasa para que non medre o investimento en I+D?

– Estamos a unha distancia enorme, pero non é só porque estas comunidades sexan máis ricas. Hai outras que tamén invisten unha porcentaxe maior ca nós. En Galicia non se valora a importancia da ciencia para a mellora da calidade de vida dos cidadáns. Parece que en algúns aspectos se comeza a reaccionar, pero segue habendo reparos. É unha cuestión, como xa dixemos, política.

– Cales foron as reflexións principais  do encontro?

– O principal é que precisamos un plan de captación de talento en Galicia. E quedou tamén moi claro que temos que aumentar o investimento en I+D. Non podemos estar cun 0,94% do PIB, moi por debaixo da media europea.

  A ciencia é global; nos competimos con investigadores doutras partes de España e de Europa, pero non temos os mesmos recursos ca eles. Entón a nosa produtividade e competitividade é moito menor.

  E outra idea que saíu é a de que nos sentimos comprometidos con Galicia, e queremos investigar aquí, aínda que ás veces sexa un freo a algunhas carreiras. Se houbera máis interese e seriedade por parte de quen xestiona, sería posible non ter este freo, e non ter que poñer na balanza o compromiso con Galicia ou a posibilidade dunha boa carreira.

  Tamén se tocou o asunto do mecenado. Noutros países, unha parte importante da investigación biomédica está financiada por empresas privadas ou persoas a título individual. Pero aquí aínda non se valora e se aborda esta posibilidade. Por exemplo, hai estudos que indican que nos Estados Unidos as élites financieiras senten que financiando investigación biomédica poderían transformar favorablemente a vida dos seus fillos. En Galicia e en España os políticos todavía non teñen ese sentir. O apoio da empresa é vital para facelos cambiar de opinión, para que vexan que a sociedade demanda máis ciencia.

  En España hai varias fundacións que están a facer unha importe labor pola promoción da ciencia, como e o caso da Fundación Científica da AECC, que recadou uns 20 millons de euros para contratos e proxectos de investigación, e vén así a cubrir, en parte, as eivas do financiamento público. Na xornada contamos coa participación da Directora Xeral da Fundación Científica da AECC, Isabel Orbe, que amosou unha gran preocupación pola falta de captación de talento a nivel nacional.

  Premios

  O encontro de Mozos Investigadores no Estranxeiro dedicou parte da súa programación ás ponencias dalgúns dos participantes na xornada. Ao final dos actos, entregáronse varios premios. Hijos de Rivera outorgou o galardón á mellor traxectoria profesional a Roberto J. Brea, doutor en Química pola USC e actualmente investigador pola universidade de San Diego.

  A entidade AMIT-Gal entregou o premio á mellor traxectoria profesional na categoría de investigadora xoven a Paula Carpintero, doutora en Bioloxía pola Universidade da Coruña e científica no Queen Mary University London.

  E o recoñecemento ao mellor traballo exposto na xornada foi para Andrés Rodríguez Seijo,doutor en Bioloxía pola UVigo e investigador na Universidade do Porto, grazas á súa ponencia “Por que nos olvidamos dos solos cando falamos dos microplásticos?”.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados