E-distrito

Noticias

Máis colapsos nas Urxencias do Clínico de Santiago: pacientes ateigando corredores á espera de recibir atención.

Máis colapsos nas Urxencias do Clínico de Santiago: pacientes ateigando corredores á espera de recibir atención.

  Sindicatos e asociación de usuarios denuncian que a xerencia negouse a habilitar espazos malia as peticións dos profesionais.

  04 xaneiro 2019

  Mentres as protestas pola deterioración da sanidade en Galicia se acumulan, a situación das Urxencias no Clínico de Santiago segue a ser crítica. Profesionais e médicos van pola oitava semana de folga e preparan unha manifestación para a vindeira semana reivindicando máis medios, espazo e persoal. 

  As imaxes do enorme colapso rexistrado este 2 de xaneiro viralizáronse axiña. Sindicatos ou a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS difundiron vídeos e fotografías dunhas Urxencias con pacientes ateigando corredores de acceso e zonas limítrofes en espera de recibir atención. Tal e como advirten fontes do persoal, a situación no día 3 non mudou moito., con até 18 pacientes agardando nos corredores con doenzas graves. 

  Segundo a asociación de pacientes e usuarios, pouco antes das 15 horas do pasado mércores chegou a haber xa 13 pacientes clasificados como graves que non puideron ser atendidos e agardaban en cadeiras de rodas e padiolas no corredor, mentres dez doentes ocupaban espazos de atención agardando o ingreso en planta. Pouco máis tarde, os pacientes graves nos corredores eran xa 29 con tempos de espera de tres horas ata a primeira consulta médica e de máis de unha hora na zona de triaxe.

  A situación non mudou en todo o día, segundo o colectivo, que contabilizou 55 pacientes que entraron nunha soa hora. “Malia esta situación, a xefatura do servizo e a xerencia negáronse a abrir os 15 postos e atención na antiga sala de reanimación dotándoos de persoal necesario para atender”, denuncia.

  O sindicato OMega denunciou tamén que, malia os múltiples avisos, a xerencia "non abriu espazos para atener os pacientes". Ademais, advirten de que a situación "non é algo puntual, como din no Sergas". 

  O Sergas, pola contra, asegura que a asistencia sanitaria é "de calidade e axeitada diariamente" e asegura que o pasado mércores produciuse "unha circunstancia totalmente inusual, xa que nun período de 2 horas, entre as 15 e as 17 horas, coincidindo ademais co cambio de quenda dos profesionais, entraron máis de 80 doentes novos en Urxencias". 

  Houbo, segundo a área sanitaria de Santiago, "un enlentecemento puntual na atención aos doentes que tiñan que ser atendidos na zona de boxes". "En ningún caso houbo doentes graves esperando inadecuadamente a ser atendidos, xa que son triados ao chegar, polo que se establece a súa prioridade de atención", din. 

  “É un intolerable maltrato asistencial o que sufrimos os pacientes sistematicamente”, di a asociación, que advirte do atentado contra o dereito á integridade física e psíquica dos pacientes e contra a súa intimidade, ademais de vulnerarse o dereito de atención urxente que recolle a Lei de Saúde de Galicia. 

  Para a asociación de usuarios e pacientes, a “sistemática negación desta realidade por parte da xerencia e a súa negativa a responder favorablemente as nosas denuncias e ás reclamacións dos profesionais sanitarios non deixan mais alternativa que a presión social”. Así, fan un chamamento para participar na manifestación do vindeiro 9 de xaneiro “por unhas Urxencias dignas, contra o maltrato asistencial e pola defensa do noso dereito a unha atención sanitaria pública, e de calidade”. 

  SOS Sanidade Pública manifestou tamén o seu apoio á mobilización da vindeira semana, mentres que En Marea denuncitou tamén "o colapso" e a negativa da dirección a "abrir salas para atender a pacientes".

  Derivado de Praza.
  Foto: APUChus

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados