E-distrito

Noticias

Crise demográfica en Galicia/ Só 35 concellos gañaron poboación dende as municipais de 2015

Crise demográfica en Galicia/ Só 35 concellos gañaron poboación dende as municipais de 2015

  Os concellos que máis poboación gañaron neste mandato que está a piques de rematar foron Ames, A Coruña, Arteixo, Oleiros, O Porriño, Santiago de Compostela, Culleredo e Cambre.

  07 xaneiro 2019

  Galicia perde poboación e está a piques de caer por debaixo dos 2,7 millóns de habitantes. Porén, este despoboamento non é uniforme e está a afectar de maneira máis acusada aos concellos máis rurais, mentres que as zonas urbanas seguen a medrar, aínda que sexa de maneira paseniña. As cifras oficiais de poboación do Padrón Municipal correspondentes a 2018, publicadas esta semana polo INE, confirman a tendencia, revelando que dende o ano 2015 tan só 35 concellos incrementaron o seu número de habitantes, mentres que os 278 restantes viron reducido o seu número de cidadáns empadronados.

  O descenso dende as últimas eleccións municipais afecta mesmo a varias cidades, como Vigo (-456), Ourense (-726), Lugo (-109) e, sobre todo, Ferrol (-2650). Tamén rexistraron reducións moi importantes, superiores aos 300 habitantes, A Estrada, Fene, Coristanco, Vimianzo, Vilalba, Narón, Monforte de Lemos, Redondela ou Marín.

  Os concellos que máis poboación gañaron neste mandato municipal que está a piques de rematar foron Ames, A Coruña, Arteixo, Oleiros, O Porriño, Santiago de Compostela, Culleredo e Cambre, todos con incrementos por riba dos 500 habitantes en tres anos. En termos relativos á súa poboación as localidades que máis creceron foron Barbadás, O Porriño, San Cibrao das Viñas, Coirós, Miño e Ames.  

  Mentres, os concellos que máis sufriron o despoboamento dende o ano 2015 foron Rairiz de Veiga, Beade, A Bola, Verea, Montederramo, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Vilardevós, A Teixeira, Oímbra, Lobios, Vilariño de Conso, Larouco e Calvos de Randín, todos eles con caídas superiores ao 10% e todos eles situados, ademais, na provincia de Ourense.

  No mapa, obsérvanse tres grandes áreas nas que a poboación continúa a medrar: a área metropolitana da Coruña (A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Carral), a comarca de Santiago(Compostela, Ames, Teo, Brión, Oroso) e boa parte dos concellos ao sur de Vigo (Nigrán, Baiona, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño). Despois, crecen tamén Pontevedra e Poio, Vilagarcía e Caldas e varios concellos nos arredores de Ourense (Barbadás, San Cibrao e Allariz). 

  No resto do país, agás excepcións illadas (Foz, Outeiro de Rei, Cabanas, Lalín...) a poboación cae en distintos graos. Na maior parte das zonas costeiras o descenso é pequeno, agás a Costa da Morte e o Ortegal. E a caída é moito máis acusada nas comarcas interiores, dende as zonas orientais de Pontevedra á Terra Chá, e chegando a extremos moi preocupantes na montaña lucense e, sobre todo, na maior parte da provincia de Ourense, onde se localizan os concellos que máis poboación perden.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados