E-distrito

Noticias

Feijóo defende as políticas contra a violencia machista fronte á dirección do PP e o seu achegamento a Vox.

Feijóo defende as políticas contra a violencia machista fronte á dirección do PP e o seu achegamento a Vox.

  Os populares galegos saen a distanciarse en público das posturas que relativizan o problema da violencia de xénero.

  O nerviosismo do PPdG e a posible repercusión negativa do discurso de Pablo Casado en Andalucía plásmase tamén na proposta de Beatriz Mato de crear na Coruña un "Museo da Muller".

  “Soamente deixarán de aplicarse medidas contra a violencia machista cando non exista a violencia machista” afirmou Feijóo.

  09 xaneiro 2019

  “As políticas contra a violencia machista témolas que mellorar, non derrogar”. Así se pronunciou este martes o presidente Feijóo na súa primeira comparecencia en público tras a polémica deriva dos últimos días de diversos membros da dirección estatal do PP que relativizaron a importancia da violencia machista presentándoa como violencia doméstica. Unhas verbas directas as de Feijóo, como as doutros destacados membros do PP galego que están a saír a pronunciarse sobre a cuestión, que contrasta co dobre discurso empregado polo presidente estatal do partido, Pablo Casado, que ao tempo que presenta a súa formación como a que máis fixo para loitar contra a violencia dos homes contra as mulleres, acepta o marco do debate xerado por Vox na negociación para formar goberno en Andalucía no que a formación de extrema dereita reclama rebaixar a protección das mulleres fronte a outras situacións de violencia. 

  Este martes Feijóo, preguntado por xornalistas pola negación do termo “violencia machista”, evidenciou que esta “existe” e hai que loitar contra ela con “políticas que poden ser mellores”, pero que non deben debilitarse. “Soamente deixarán de aplicarse medidas contra a violencia machista cando non exista a violencia machista”, engadiu. O presidente, ante a reclamación de Vox ao PP de reducir as partidas contra a violencia machista, mesmo salientou que os recursos económicos que destina o seu Goberno a ese problema son os maiores da historia.

  Nas súas declaracións, que se produciron nunha visita a unha escola infantil que foi convocada de urxencia este mesmo martes despois de varios días sen ningún acto da Xunta ao que acudise o presidente, Feijóo evidenciou que o PP galego quere distanciarse nesa cuestión do PP estatal non só nas declaracións públicas, e citou o pacto contra a violencia machista acadado por todos os grupos do Parlamento de Galicia, cuxo cumprimento garantiu. Unhas verbas que chegan un día despois de que a viceportavoz parlamentaria do PP, Paula Prado, centrase nesa cuestión a tradicional comparecencia dos luns ante a prensa no Parlamento de Galicia, retomada tras os festivos do Nadal nos que se produciu a polémica sobre a relativización da violencia machista. Nesa primeira comparecencia en público, o principal anuncio de Prado foi que o grupo popular reactivaría de xeito inmediato as conversas co resto de grupos para avanzar no deseño de novas medidas consensuadas contra a violencia machista, contactos que se concretarían poucas horas despois. Ata a actual reactivación do debate público sobre a cuestión, a comisión parlamentaria na que se analizan esas políticas estaba case inactiva desde o pasado verán malia reiteradas peticións da oposición de que se cumpra de xeito íntegro a lei galega contra a violencia de xénero.

  Igualmente, nesa liña de evidenciar que o PP galego non secunda a ambigüidade da dirección do PP estatal, tamén este martes se pronunciou sobre a cuestión o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidente da formación na provincia de Pontevedra, quen insistiu en que en ningún caso aceptará “calquera conduta encamiñada a diminuír ou baixar” a protección contra a violencia machista.

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados