A Fiscalía abriu dilixencias informativas penais despois de que profesionais médicos denunciasen este venres o pasamento de dúas persoas nas Urxencias do Hospital Clínico de Compostela logo de tempo agardando nos corredores sen ser atendidos. Os dous pacientes faleceron o pasado 2 de xaneiro, xornada na que persoal sanitario e usuarios denunciaron o colapso e masificación no servizo, que suma a súa novena semana de folga, precisamente, denunciando esta situación e reclamando melloras.
A doutora Fátima Nercellas revelou na comisión organizada pola oposición sobre os recortes sanitarios a denuncia ante a Fiscalía, que xa pescuda sobre os falecementos, acontecidos durante o colapso do 2 de xaneiro
Foi a médica Fátima Nercellas, delegada de persoal das Urxencias, quen anunciou a denuncia presentada ante a Fiscalía na comisión sobre a situación da sanidade organizada polos grupos da oposición no Parlamento de Galicia. Segundo explica, e tal e como advertira xa naquela xornada, foi ela mesma e outros profesionais quen avisaron á xerencia do hospital e ao propio conselleiro de Sanidade dos riscos do colapso que se estaba a dar nas Urxencias, con ata 29 doentes graves agardando nos corredores e con pacientes sen a atención axeitada. Enviáronse, dixo, "tres alertas" que non foron atendidas.
Advertiron, mediante varias comunicacións, da "situación desesperada" e reclamaron a "apertura da sala de reanimación antiga". Os avisos foron realizados, aproximadamente, ás dúas da tarde, ás catro e ás sete. Non houbo resposta. Ademais, desde o día 3 a xerencia foi advertida da posibilidade de que as mortes foran denunciadas ante a Fiscalía, pero "nin tan sequera chamaron", explica Nercellas a Praza.gal.
Finalmente, os doutores atenderon catro paradas cardíacas aquel día, dúas delas solucionadas pero non as outras, que derivaron na morte de dous pacientes que os profesionais atribúen á "deterioración da asistencia" e á imposibilidade de atender co tempo e medios axeitados polo colapso das Urxencias.
Precisamente, a esixencia de máis medios nas Urxencias do Clínico encheu as rúas do centro de Santiago nunha masiva manifestación o pasado mércores.
Os dous falecidos eran anciáns. Un deles un home de máis de 80 anos que sufriu un infarto e que pasou sobre dúas horas e media no corredor tras aludir a un malestar xeral. A outra vítima, unha muller de idade parecida cunha isquemia intestinal e que botou máis de media hora agardando fóra dos boxes ata que tivo que ser atendida de urxencia e cando nada se podía facer xa pola súa vida. A falta de precisión na explicación dos síntomas, habitual en persoas de avanzada idade, e a imposibilidade de atención máis detallada pola masificación de doentes e a falta de medios provocaron este fatal desenlace, segundo denuncian fontes do persoal.
O Sergas nega que se producisen mortes no corredor
No entanto, a xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega "rotundamente" a morte dos dous pacientes nos corredores e mesmo di que a dirección do centro "non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados". Ademais, expresa a súa "preocupación" pola difusión destas informacións "sen unha fonda investigación previa" e fai "unha chamada á responsabilidade para non causar unha alarma innecesaria na poboación".
Así, e malia negar que ocorresen as dúas mortes, o Sergas asegura que "xa se abriu unha investigación interna para poder esclarecer os feitos".
Fátima Nercellas respondeu axiña á Xunta asegurando que os falecidos "non deron o seu último latido no corredor, pero ese tempo nese corredor puido ser a diferenza entre a vida e a morte". A delegada de persoal insiste en que "a súa morte comezou nos corredores", aínda que a súa vida rematase "nun caso na UCI e noutro en observación".
"En ningún caso houbo doentes triados como urxencia vital esperando inadecuadamente a ser atendidos", asegurou tamén a xerencia, que aclara que "os doentes con urxencia vital non esperan e son atendidos na zona de críticos e de monitores, espazos que contaron con camas libres a disposición para ser ocupadas toda a tarde". Ademais, di que "en todo momento houbo ocos libres" nas Urxencias e cmas dispoñibles en hospitalización e que ese día "reforzouse a atención con máis persoal"
"As dúas vítimas non morreron no corredor, pero a súa morte empezou alí; ese tempo nese corredor puido ser a diferenza entre a vida e a morte"
Alén disto, a xerencia destaca que nestas vacacións de Nadal "mesmo houbo unha afluencia de doentes inferior á habitual nestas datas, agás en días como ese 2 de xaneiro onde se deu ademais "unha circunstancia totalmente inusual xa que nun período de 2 horas, entre as 15 e as 17 horas, coincidindo ademais co cambio de quenda dos profesionais, entraron máis de 80 doentes novos no servizo de Urxencias".
"Urxencias está a ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade e axeitada aos doentes que acoden a diario", engade o Sergas ante as críticas.