E-distrito

Noticias

Unha marcha clama contra o peche de Alcoa e pide ao Estado "valentía" e "un paso á fronte"

Unha marcha clama contra o peche de Alcoa e pide ao Estado "valentía" e "un paso á fronte"

  A marcha clama por unha intervención como solución e pide que a ministra Maroto dimita se non se acada.

  14 xaneiro 2019

  Milleiros de persoas, unhas 3.500 segundo o Concello, marcharon este domingo polas rúas da Coruña contra o peche e o "desmantelamento" das plantas que Alcoa ten na cidade e na localidade asturiana de Avilés. Varios pequenos encabezaban cunha pancarta que advertía de que a empresa deixábaos "sen futuro" unha manifestación con moitas familias, onde a cidadanía e o persoal reclamou "valentía" ao Goberno central para que actúe, xa sexa a través da intervención, dun acordo coa compañía para a cesión das fábricas ou na busca dun investidor que se faga cargo delas. 

  A mobilización realízase a só dous días de que o vindeiro martes 15 remate o período de negociación do ERE e o prazo dado por Alcoa para que o persoal das plantas acepte a última das súas ofertas: a de prescindir do 70% dos traballadores e dar seis meses para buscar unha solución antes do peche definitivo. 

  Na marcha foron constantes as alucións ao Goberno central a través de proclamas que pedían "a intervención" como "solución" ou a "dimisión" da ministra de Industria, Reyes Maroto, no caso de que non se acade. "Fóra ianquis, pandilla de mangantes", berraban tamén os asistentes en cánticos, moitas veces, iniciados polos máis pequenos, entre a cor laranxa provocado polos botes de fume, o ruído dos petardos e a néboa das bengalas. 

  O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e representantes de En Marea, BNG, PSdeG e PP acudiron a unha marcha que pediu tamén "solución" á inestabilidade enerxética que sofre a industria e que aludiu á "loita" necesaria e, tamén, mediante pequenos carteis, directamente a Alcoa: "Dades despidos por subvencións". Ademais, persoal da planta asturiana e doutras empresas ameazadas por un ERE, como Ferroatlántica, acompañaron os traballadores e familiares da Coruña. 

  O presidente do comité de empresa da planta da Agrela, Juan Carlos López Corbacho, destacou o "enfado" do persoal ao detectar "moito apoio político e boas palabras" que "non se definen nunha aposta do Goberno". Así, reclamou ao presidente español, Pedro Sánchez, que "deixe de ser tan contemplativo", "cambie de actitude" e dea "un paso á fronte" e interveña nun sector "estratéxico". Así, instou o Executivo central a que "se poña as pilas" e alcance un acordo con Alcoa, xa que está disposta a cederlle as plantas, busque un investidor que se faga cargo delas ou directamente as interveña. 

  "Non sabemos a que espera o Goberno para tomar unha decisión valente. Somos o metal do futuro; temos a industria, o coñecemento, as instalacións. Témolo todo, non hai explicación", engadiu Corbacho. "O Goberno ten que intervir, deixarse xa de postureo no escenario que se abre esta semana", dixo Víctor Ledo, secretario xeral de Industria de CCOO. "Vai haber un responsable; toda a culpa vai recaer na Xunta e no Executivo central se isto non se soluciona", insistiron. 

  Pola súa banda, Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, insistiu na unidade de acción e asegurou que "non sería bo, ata que se atope unha solución definitiva, un novo investidor e unha continuidade a longo prazo da planta, comezar con despidos ou despedazando a planta ou parando a actividade”. “É importante garantir que a planta continúe mantendo plena actividade. O Goberno de España ten que seguir intentando buscar solicións, forzando a Alcoa e utilizando todos os medios que ten á súa disposición para que Alcoa non se desentenda desta planta cun peche gradual que probablemente nos abocaría a un peche definitivo dentro dun tempo”, destacou. 

  Ademais, tanto desde En Marea como o BNG insistiron en pedir a intervención da planta ou a busca dun investidor e reclamaron tamén "compromiso" ao Goberno central e á Xunta para evitar o peche. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados