Ademais, a normativa aclara que o lugar de muxidura e de transformación indicaranse mediante referencia a unha das zonas xeográficas seguintes: "Estado(s) membro(s) ou terceiro(s) país(es)"; ou "UE" ou "fóra da UE" ou "UE e fóra da UE"; ou "España", neste último caso, sempre que o Estado de muxidura e de tranformación "sexa exclusivamente España, non puidendo substituírse pola expresión "UE".
Daquela, se o produto foi obtido e elaborado fóra da Unión Europea levará a etiqueta "Fóra da UE" e só se a muxidura e elaboración teñen lugar en España, levará a nomenclatura "España". No caso de que o proceso sexa mixto, as opcións inclúen non especificar país obrigatoriamente.
"Etiquetar con claridade a orixe dos alimentos é un mínimo básico dos dereitos dos consumidores, pero é insuficiente tal e como o deseñan; iso de "UE" e "fóra da UE" non semella dabondo e non cremos que valla para moito", explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), que cre que hai demasiado boato para unha medida que non considera demasiado efectiva.
"No caso galego, que poña que a orixe é España non vai achegar nada porque, no caso do leite líquido e ao sermos un país deficitario, é evidente que a inmensa maioría do produto ten a súa orixe no Estado. Deberíase pormenorizar máis", engade.
O Real Decreto permite, se así o desexan as empresas, "completar as indicacións obrigatorias establecidas" con "información adicional máis precisa do lugar de procedencia rexional ou territorial do leite". Pero nin é esixido nin muda moito o panorama en Galicia, onde a marca da Xunta Galega 100% xa se inclúe de xeito voluntario no leite producido no país. "E nin tan sequera funciona", critica Vilalba, que cre que se "debería ir máis aló" cunha etiquetaxe "máis completa" e "sen ambigüidades como as que se permiten agora".
"Agora poderase ter acceso con garantía de orixe certificada a elaborados, segundo un estándar que é referente na UE. Mercando leite con certificación de orixe estarás contribuíndo a que os gandeiros poidan percibir unha renda digna pola súa produción", explica Unións Agrarias (UUAA).
"Loitamos moito desde a nosa organización para conseguir o etiquetado en orixe", asegura o secretario de gandeiría da UPA e dirixente de Unións Agrarias (UUAA), Román Santalla. No entanto, aclara que a organización está "contenta" pero "a medias" porque "seguen a pechar explotacións lácteas por falta de prezos xustos".