E-distrito

Noticias

O leite indica por fin a orixe no envase mentres o prezo en Galicia segue entre os máis baixos da UE

O leite indica por fin a orixe no envase mentres o prezo en Galicia segue entre os máis baixos da UE

  O novo etiquetado dos produtos lácteos obriga a mostrar a procedencia do leite, aínda que non aclare sempre o Estado produtor nin esixa determinar se é galego. 

  24 xaneiro 2019

    Desde este pasado martes, todos os produtos lácteos que se produzan e comercialicen en España deben amosar de xeito claro e visible a orixe do leite co que foron elaborados. A aplicación do Real Decreto 1181/2018 sobre a etiquetaxe supón cumprir cunha das históricas demandas dos produtores. É unha medida importante que, no entanto, non supón un impacto decisivo no caso galego, ao non implicar unha maior especificación que a procedencia estatal nun mercado, o español, deficitario. E todo mentres en Galicia os gandeiros seguen a cobrar os prezos máis baixos do Estado: case céntimo e medio por litro menos que a media estatal e catro por baixo da media da Unión Europea. 

  O novo etiquetado debe indicar a orixe do leite utilizado en todos os produtos nos que este supoña unha porcentaxe superior ao 50% respecto do total dos ingredientes. Afecta tamén, xa que logo, a nata, iogures, manteiga, queixos ou requeixo. En todos estes casos, as etiquetas deberán incluír claramente tanto o "país de muxidura", onde o leite foi muxido, como o "país de transformación". No caso de coincidir ambos lugares, as mencións anteriores poderanse substituír pola seguinte: "Orixe do leite (lugar onde foi muxido e transformado)".

  Ademais, a normativa aclara que o lugar de muxidura e de transformación indicaranse mediante referencia a unha das zonas xeográficas seguintes: "Estado(s) membro(s) ou terceiro(s) país(es)"; ou "UE" ou "fóra da UE" ou "UE e fóra da UE"; ou "España", neste último caso, sempre que o Estado de muxidura e de tranformación "sexa exclusivamente España, non puidendo substituírse pola expresión "UE". 

  Daquela, se o produto foi obtido e elaborado fóra da Unión Europea levará a etiqueta "Fóra da UE" e só se a muxidura e elaboración teñen lugar en España, levará a nomenclatura "España". No caso de que o proceso sexa mixto, as opcións inclúen non especificar país obrigatoriamente. 

  "Etiquetar con claridade a orixe dos alimentos é un mínimo básico dos dereitos dos consumidores, pero é insuficiente tal e como o deseñan; iso de "UE" e "fóra da UE" non semella dabondo e non cremos que valla para moito", explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), que cre que hai demasiado boato para unha medida que non considera demasiado efectiva. 

  "No caso galego, que poña que a orixe é España non vai achegar nada porque, no caso do leite líquido e ao sermos un país deficitario, é evidente que a inmensa maioría do produto ten a súa orixe no Estado. Deberíase pormenorizar máis", engade. 

  O Real Decreto permite, se así o desexan as empresas, "completar as indicacións obrigatorias establecidas" con "información adicional máis precisa do lugar de procedencia rexional ou territorial do leite". Pero nin é esixido nin muda moito o panorama en Galicia, onde a marca da Xunta Galega 100% xa se inclúe de xeito voluntario no leite producido no país. "E nin tan sequera funciona", critica Vilalba, que cre que se "debería ir máis aló" cunha etiquetaxe "máis completa" e "sen ambigüidades como as que se permiten agora". 

  "Agora poderase ter acceso con garantía de orixe certificada a elaborados, segundo un estándar que é referente na UE. Mercando leite con certificación de orixe estarás contribuíndo a que os gandeiros poidan percibir unha renda digna pola súa produción", explica Unións Agrarias (UUAA). 

  "Loitamos moito desde a nosa organización para conseguir o etiquetado en orixe", asegura o secretario de gandeiría da UPA e dirixente de Unións Agrarias (UUAA), Román Santalla. No entanto, aclara que a organización está "contenta" pero "a medias" porque "seguen a pechar explotacións lácteas por falta de prezos xustos". 

  No caso de Galicia, a situación non cambiou moito nos últimos anos malia medidas que Isabel Vilalba considera de "maquillaxe" e que "nunca van ao fondo da cuestión". Así, cita os acordos de sustentabilidade, o plan de defensa do sector lácteo --"do que nada se sabe", di-- ou a etiquetaxe en orixe "chega de ambigüidades" como exemplo de medidas pouco ou nada efectivas. 

  Os prezos pagados polo leite aos produtores galegos sitúanse a niveis de hai sete anos. Segundo os últimos datos facilitados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), de novembro de 2018, o importe medio é de 31,9 céntimos, un dos máis baixos da UE e o máis baixo de España, a case catro céntimos da media comunitaria (35,87), a case 1,5 da media estatal (33,3) ou tres por baixo de, por exemplo, Asturias. 

  Os prezos actuais apenas permiten atravesar por pouco o limiar dos 31 céntimos, no que se sitúa a fronteira mínima a partir da cal é posible producir sen perder cartos. 

  Segundo denuncia o SLG, o diferencial que existe entre o prezo medio do leite na UE e en Galicia supúxolles ás granxas galegas unhas perdas de 66 millóns de euros en 2018, unha media de 5,5 millóns ao mes. O sindicato advirte dun panorama "desolador" de compararmos o importe co doutros países e rexións produtoras. 

  Así, só hai sete Estados da UE onde o prezo medio baixe dos 32 céntimos onde se sitúa Galicia: Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Letonia, Eslovaquia e Portugal. No outro extremo, algúns dos principais produtores de leite da UE, con prezo medios en novembro de 2018 como os de Irlanda (39,04 céntimos), Holanda (37,25), Italia (37,08), Alemaña (37,16), Austria (38,68), Bélxica (35,69), Dinamarca (37,93) ou Francia (36,73).

  Malia que as previsións son que estes prezos elevados se manteñan ou suban en Europa polo incremento do valor da manteiga, en Galicia non se albisca mellora. Segundo denuncia o SLG, "as industrias non teñen pensado repercutir a revalorización do leite nas granxas, polo menos non segundo o incremento de beneficios que elas están a recadar". Segundo di, varias empresas están a acelerar a sinatura de contratos coas explotacións antes de que expiren os vixentes e deu que os prezos suban máis a nivel internacional. E fano con incrementos "moi pobres", de entre 1 e 1,5 céntimos. "Se temos en conta a suba nos custos de produción e o aumento do valor do leite nos mercados internacionais, ese cativo aumento pódese considerar como unha revisión dos contratos á baixa", explica a organización. 

  "Sentímonos desamparados e a expensas dun lobby de industrias que queren que Galicia siga a ser fornecedora de leite barato"

  "Cando caen prezos a nivel internacional, dinnos que hai que adaptarse ao mercado, e cando soben no mercado internacional, en Francia, Alemaña ou Irlanda soben os prezos pero en Galicia mantéñense á baixa", reflexiona Isabel Vilalba, que di que os gandeiros séntense "desamparados e a expensas dun lobby de industrias que queren que Galicia siga a ser fornecedora de leite barato". 

  Así, o SLG acusas a Consellaría de Medio Rural de "seguir totalmente despistada sen facer absolutamente nada diante desta situación" e pide que convoque os axentes do sector nunha nova Mesa do Leite para que as industrias "repercutan no prezo do leite das granxas galegas as subas que se están a experimentar dende hai meses en toda a UE".

  Galicia perde 40 explotacións gandeiras cada mes

  Ao tempo, seguen a desaparecer granxas en Galicia. En novembro do pasado ano, segundo os datos do FEGA, había 465 menos que un ano antes, pasándose das 8.057 de finais de 2017 ás 7.592 da actualidade. Supón un descenso de case o 6% e o peche medio de 40 explotacións gandeiras cada mes. 

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados