A última vez que o Goberno de España asinou un Real Decreto para transferir novas competencias a Galicia o presidente da Xunta era Emilio Pérez Touriño e o departamento galego encargado das relacións coa Administración Xeral do Estado encabezábao Anxo Quintana. Era xullo de 2008, cando o Executivo que dirixía José Luis Rodríguez Zapatero fixo efectivos os acordos para transferir o Parque das Illas Atlánticas, o antigo Hospital Básico da Defensa de Ferrol e competencias en materia de asociacionismo e convalidacións de títulos non universitarios. En total, sete transferencias que situaban en 12 as logradas durante a lexislatura que comezara en 2005. Dende aquela o Goberno galego non logrou ningunha outra pero, unha década despois, o PP galego di agora querer novas competencias.
En 2009 o PP desdeñou o Goberno galego de PSdeG e BNG por lograr "só" unha ducia de "traspasiños" e prometeu impulsar un amplo paquete de transferencias, pero ata agora non logrou ningunha
Poucos meses despois daqueles últimos traspasos Galicia encamiñouse cara a unha dura campaña electoral na que o PPdeG, que aspiraba a regresar ao poder, desdeñou as novas competencias logradas. O daquela secretario xeral e xefe de campaña dos populares, Alfonso Rueda, mofouse abertamente dos "14 traspasiños de asuntos menores" -eran 12- que chegaran co Goberno de coalición, ao que cualificaba de "antídoto do autogoberno" galego e acusaba de practicar o "sometemento a Madrid en materia de autogoberno" durante toda aquela lexislatura.
Tras aquelas eleccións de 2009 o PP chegou á Xunta e asegurou, como indicaba no seu programa electoral, que daría un novo impulso ao autogoberno baseándose no paquete de ata 70 competencias que todas as forzas parlamentarias acordaran como prioritarias. Ían comezar, anunciaran, polas que o Goberno de PSdeG e BNG xa comezara a negociar -museos , bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e inspección de traballo-. E a seguir por outras máis ambiciosas, caso da competencia sobre o Tráfico, que implicaría o despregamento da Policía galega na liña do previsto na lei de 2007, a Autoestrada AP-9 ou a ordenación do litoral, entre outras.
O contador do autogoberno permaneceu conxelado ata bater todos os récords da historia da autonomía mentres o PP reproducía, case literalmente, as mesmas promesas de traspasos en tres programas electorais