E-distrito

Noticias

O plan da Xunta para frear as incursións urbanas de xabaríns en Lugo inclúe arqueiros para abatelos

O plan da Xunta para frear as incursións urbanas de xabaríns en Lugo inclúe arqueiros para abatelos

  A Xunta matiza que os disparos de arqueiros son medidas complementarias á colocación de gaiolas en lugar en lugares escollidos coa máxima discreción.

  14 febreiro 2019

  Durante o pasado 2018 nas estradas do termo municipal de Lugo rexistráronse 187 accidentes "causados por especies de fauna cinexética, na súa maioría xabaríns", un 30% máis que no ano previo. Son datos dun estudo elaborado polo Concello lucense que recolle unha das consecuencias máis palpables dun fenómeno que dende hai tempo unha constante nas conversas da veciñanza: a presenza de xabaríns polas rúas de Lugo, en ocasións moi céntricas, aumentou moi notablemente e o consistorio pide a axuda da Xunta. O Goberno galego asegura manexar xa un plan que inclúe catro arqueiros para abater os porcos bravos.

  A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, presentaba o pasado luns este estudo en vésperas de sentar á mesma mesa que a Xunta para procurar solucións. "Fixémolo por responsabilidade" e "grazas a este informe a Xunta pode determinar onde están os xabaríns, os sitios de pasada e onde dormen", polo que "xa non ten escusa para o seu deixamento de funcións e non concretar as medidas a adoptar ante un problema que agora afecta á zona urbana de Lugo" pero que, advirte, "durante anos vén afectando á zona rural" do concello "sen que o Goberno galego actuase".

  Esa xuntanza entre a Xunta e o Concello, con representantes da Garda Civil, sindicatos agrarios e membros de tecores de caza celebruse o pasado martes. Co pano de fondo da tensión política que marca as relacións co goberno local do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a Xunta non aforrou críticas á xestión do Concello -ao que acusa de non rozar leiras, por exemplo-, pero tamén anunciouvarias accións para "as próximas semanas". Entre elas, os arqueiros.

  Trátase, segundo a Xunta, dunha "medida complementaria" dentro do plan e consiste en que catro "arqueiros profesionais" se encarguen "de realizar gardas nocturnas". Ao localizaren os xabaríns, segundo o Goberno galego, os arqueiros acordoarán a zona co apoio das forzas de seguridade e tentarán abatelos. "Este método de caza, moito máis seguro e rápido, evita o emprego de armas de fogo durante a noite e que os propios xabaríns se dispersen cos disparos", di a Xunta. 

  Diante do balbordo xerado pola medida a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, matizaba este mércores a preguntas da prensa que os arqueiros non actuarán no centro da cidade e que as batidas se realizarán "con toda a seguridade" porque os arqueiros son "profesionais". Estas reflexións xa suscitaron reaccións como a do colectivo animalista Libera!, que considera a caza de xabaríns con arco como "unha ocorrencia de bar". "Non é a primeira vez, xa o fixeron en Fene en 2014 e e en Cambre en 2016" e acabou en "ridículo", aseguran.

  Medio Ambiente resalta, así e todo, que os arqueiros "complementan" a colocación de gaiolas "en lugares de paso" dos xabarín "escollidos coa máxima discreción". "De coñecerse as localizacións -razoa o delegado territorial- a presenza de curiosos pode escorrentar" os animais. 

  Alén de reclamar medidas urxentes, o Concello de Lugo reitera a necesidade de que a Xunta se comprometa coa "correcta xestión do territorio e da fauna cinexética, que son as súas competencias exclusivas", lembra a rexedora. Agora, ademais, conta co estudo sobre as zonas de concentración de accidentes, que sinala áreas con especial incidencia como a N-640 á altura de Teixeiro -estrada de Meira-, a estrada cara á Fonsagrada, os primeiros treitos da A-54 cara a Santiago ou a contorna da N-VI á altura do Pazo dos Deportes.

  Derivado de praza.gal/

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados