E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Chuac bate outra marca e supera o seu maior número de transplantes nun ano.

A Coruña/ O Chuac bate outra marca e supera o seu maior número de transplantes nun ano.

  Volve situarse entre os hospitais do Estado con maior actividade transplantadora ao rexistrar 261 transplantes nun ano.

  22 febreiro 2019

  En 1981, no principal hospital da Coruña realizouse o primeiro transplante de ril. Desde aquela, o agora Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) levou a cabo máis de 6.000 transplantes de órganos do total dos case 8.000 realizados en Galicia. 

  O centro coruñés leva desde aquel ano superando marcas e situándose entre os hospitais con maior actividade transplantadora do Estado. Suma, en total, 807 transplantes de corazón, 643 de pulmón, 1.190 de fígado, 3.256 de ril e 104 de páncreas desde principios dos 80.

  De feito, o pasado 2018 supuxo tamén un aumento nesta actividade, situándose a cifra total de transplantes na máis alto de toda a serie histórica cun total de 261, cinco máis que en 2017 e 26 máis que en 2016. Os números volven colocar o CHUAC entre os centros con máis cirurxías deste tipo no Estado malia competir con áreas sanitarias moito máis grandes en poboación. 

  “Reflicte a grande implicación que presentan os distintos servizos médicos e cirúrxicos do hospital, participando activamente no proceso asistencial dos pacientes transplantados”, destaca a Consellería de Sanidade, cuxo titular, Jesús Vázquez Almuíña, que participou este mércores no acto conmemorativo do transplante 6.000 no CHUAC. 

  As cifras bateron marcas en diferentes especialidades. Por exemplo, os programas de transplante renal e hepático levaron a cabo en 2018 a maior actividade da historia do hospital, con 131 e 70 actuacións respectivamente. Ademais, no que ten que ver co transplante de ril de doante vivo, as porcentaxes mantéñense no dobre que a media estatal. 

  Mellores son aínda os números nos transplantes cardíacos, con 25 inxertos, polo que o CHUAC sitúase no terceiro número en canto a esta actividade transplantadora. No que ten que ver co transplante pulmonar, 2018 chegou a 33 inxertos, máximo histórico nesta especialidade en todo o Estado. 

  O CHUAC foi en 2018 o terceiro centro do Estado con máis transplantes cardíacos e o primeiro en pulmonar

  Se importantes son os tranplantes, nada sería posible sen os doantes. Así, a taxa de doazón segue a incrementarse no CHUAC e en 2018 bateuse de novo o récord cun total de 68 doantes de órganos. O éxito neste aspecto, segundo destaca o Sergas, débese a varios factores, un deles, e básico, o importante descenso das negativas familiares. 

  Na actualidade, tan só o 6,67% das familias se negan á doazón, unha porcentaxe case dez puntos inferior á media estatal, que se sitúa no 14,8%, e tamén á que se dá no conxunto de Galicia. “Conséguese polas campañas de divulgación e información que se veñen realizando desde hai anos por parte da oficina de coordinación e pola Organización Nacional de Transplantes”, destaca Sanidade. 

  Un segundo factor débese, segundo explica o CHUAC, ao aumento do número de doazóns en asistolia controlada, que representan o 25% das totais; e o terceiro ao aumento da detección de doantes fóra das unidades de críticos, principalmente en Urxencias e Neuroloxía. 

  No acto celebrado este mércores, Almuíña agradeceu aos doadores e ás súas familias, así como a todos os profesionais sanitarios do Sergas “que gozan da máis elevada cualificación e experiencia no eido da doazón e os transplantes de órganos”. “Poucas actuacións dentro do campo sanitario requiren un compromiso tan concreto da sociedade, dos profesionais e, por suposto, dos gobernos e das administracións sanitarias”, rematou quen cre que “hai que conseguir que o xesto de doar teña un maior recoñecemento social”. “Hai que apoiar e reforzar o compromiso de cohesión social que significa a doazón”, insistiu. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados