E-distrito

Noticias

A folga das ambulancias desde dentro: Así é o día a día

A folga das ambulancias desde dentro: Así é o día a día

  "Non é a primeira vez que vai só o condutor para recoller alguén e pedirlle a un veciño ou unha veciña que lle bote unha man, dicíndocho desde a empresa, que busques alguén que che axude"

  12 marzo 2019

  Hoxe 12 de marzo comezará outra rolda de negociacións entre traballadores de patronal. O pasado 7 de marzo romperonse as negociacións noutro intento de achegar posturas. E mentres, sucéndes os incidentes nos parques de ambulancias. 

  Son as nove da mañá. Estamos na entrada de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS. Aquí levan desde as sete e media os primeiros condutores de ambulancias que xunto cos demais que quedan por vir, iniciarán unha concentración na EOXI do CHUS para esixir as melloras que piden tanto no convenio como nas diferentes áreas que afectan ao seu traballo diario.

  Consideran que esta medida de concentración diante das Estruturas de Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) forzará á xestión dos diferentes centros e en concreto á do CHUS, atendelos para negociar unha serie de puntos previamente a sentaren coa patronal. En tal caso, ata este momento nunca se mobilizaran ata o punto de presentárense diante das oficinas da xerencia hospitalaria. “A nós pouco máis que nos tiñan como chóferes, había un sentimento de vernos como condutores, chóferes, persoal que estaría case ao servizo de..., entendes? Como se fósemos unha empresa de mensaxería” sinala un dos concentrados.

  Esa actitude de condescendencia cara os técnicos e técnicas tanto das ambulancias que están dentro do 061 como das empresas que están fóra, denúnciana todos e todas, pero é a primeira vez que polo menos se escoita para reflectila nunha reportaxe. Un exemplo que denuncian é que “se vés cunha persoa na ambulancia, tela que baixar ti, levala ao lugar indicado dentro das instalacións do hospital sen que moitas veces che boten unha man”.

  Un conductor para atender toda a ambulancia

  Chegan algunhas ambulancias. Veñen pintadas con grafitis “en folga”, “folga” ou “convenio xusto”. De feito, no terceiro día de folga houbo 148 vehículos con rodas picadas ou pintada. Preguntamos sobre isto. A resposta é que non saben quen pode ser. Descoñecen cal sería a motivación para picalas, pero que “tivo que pasar iso para que as empresas cambiasen as rodas lambidas dalgunhas ambulancias”. Días antes, puideramos comprobar como o desgaste nas rodas dalgúns vehículos era evidente.

  Ás once da mañá están a maioría dos condutores. Explican uns puntos que moita xente non sabe. “As ambulancias de programado son as que están para dar servizo de recollida para persoas que veñen a rehabilidación e cousas así, logo están as de urxencias para atender inmediatamente por exemplo accidentes”.

  Ademais disto, vaise caendo na conta de que existe unha distribución nas contratacións das empresas de ambulancias e mesmo diferenzas entre unhas e outras. “Nalgunhas empresas non sabes cando che tocan as vacacións ou se as tes, a metade terías que estar dispoñible”. Os horarios son en ocasións draconianos. “Hai pouco comezaron a poñelos no taboleiro de anuncios, cunha semana de antelación antes de que comece o mes, cando che deberían ter dado un horario completo para todo o ano”. Algúns condutores falan de teren traballado 11 horas e logo estar de garda, ter que saír e volver coller o vehículo para unha emerxencia.

  Noutras ocasións, os condutores van sós aos lugares onde acontece unha emerxencia ou deben recoller alguén. “Non é a primeira vez que vai só o condutor para recoller alguén e pedirlle a un veciño ou unha veciña que lle bote unha man, dicíndocho desde a empresa, que busques alguén que che axude”. Nese caso, a responsabilidade dunha mala práctica, dunha caída ou lesión sería do condutor ou condutora. “Pero ademais, moitas veces tes que ir cunha persoa que leva unha vía intravenosa, e cando solicitas axuda dun profesional para atender a esa persoa, pídenche os teus datos”. Quen pide os datos e para que? “Pídeos a xerencia para pasarllos á empresa e ese ou esa condutora sería vista como “conflictiva”” din desde fontes sindicais. “Un condutor non está preparado para atender unha persoa cunha vía, ou cunha enfermidade que precisa dun coidado especial”.

  Ademais disto, tamén denuncian que “houbo momentos en que só quedou unha ambulancia pola noite para toda a área de Santiago” e tamén que “ambulancias do SERGAS teñen feito traballos para a sanidade privada, chámante da central e dinche que vaias a tal ou cal clínica para levarlles un paciente”. 

  Dentro do hospital

  A maioría de traballadores de ambulancias suben cara a entrada do CHUS. Tanto a xerencia como as empresas teñen prohibido que non leven os uniformes completos. “Só é un intento de non visibilizar o conflicto”. Non obstante, levan parte do uniforme, polo menos as chaquetas no caso do 061 e algúns levan o uniforme completo no caso de empresas externas.

  Primeiro para diante da entrada principal. Extenden unha pancarta e proclaman a necesidade de melloras, chaman a atención sobre a súa situación profesional e reparten follas voandeiras entre as persoas que están nese momento no lugar. Logo suben ata o andar onde están os servizos administrativos e de xerencia do hospital. Colócanse todos na parte que dá ás escaleiras por onde subiron e colocan a pancarta na baranda do balcón que hai sobre a entrada principal.

  Un dos enlaces sindicais entra nunha oficina. Hai tres vixilantes de seguridade diante. Non se nota tensión, mesmo non hai ruído, só as conversas entre os traballadores e algún membro da EOXI e algún vixilante co que falan con confianza.

  Pasan só uns minutos e chega un grupo de policías nacionais. Suben ata o andar onde están os condutores. Falan cos vixilantes de seguridade. “É normal, chamáronos os vixilantes, fano sempre que hai cousas coma esta” di un dos concentrados. Tamén hai policías na entrada do hospital. “Agora xa virán dicirnos que temos que marchar” e nun minuto dous policías piden á xente concentrada que abandone o lugar. Din que os representantes sindicais xa están falando coa xerencia.

  Sen incidentes, sen malas maneiras e con orde e silencio, os traballadores das ambulancias baixan de novo á entrada do hospital para repartir follas voandeiras e explicarlle á xente por que están en folga. Unha folga que ten uns servizos mínimos marcados do cento por cento. Iso garante que a atención está asegurada. Ese mesmo día sete de marzo, as negociacións entre patronal e traballadores volven romperse.

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados