E-distrito

Noticias

A viraxe do Estado sobre ENCE desmonta a prórroga de Rajoy e abre a porta a que marche da ría

A viraxe do Estado sobre ENCE desmonta a prórroga de Rajoy e abre a porta a que marche da ría

  A Avogacía do Estado desmonta a argumentación do Goberno do PP e aclara que a prórroga é excesiva e "non conforme a dereito" e que non se xustificou que ENCE non poida mudarse a outro lugar

  15 marzo 2019

  Naquel final de xaneiro de hai máis de dous anos, o Goberno de Rajoy atopábase en funcións. Por sorpresa, e sen urxencia ningunha de prazos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorgáballe a ENCE unha prórroga de 60 anos na concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán, na ría de Pontevedra, de onde loitan por sacala hai tempo a veciñanza organizada, o Concello e outras administracións. Pode así a empresa, e segundo pretendeu o Executivo do PP, ficar na súa actual localización ata 2073, contando desde a presentación da solicitude. 54 anos máis desde hoxe.

  A viraxe do Goberno central, con Pedro Sánchez na Moncloa, fíxose efectiva este xoves, ao coñecerse que renuncia a defender esa prórroga, desmárcase da decisión de Rajoy e desbota opoñerse, como estaba facendo, aos procedementos xudiciais abertos polo Concello, Greenpeace a a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) na Audiencia Nacional e que pretenden a nulidade da medida. Abre así a porta á marcha de Lourizán de ENCE, que cría ter asegurada unha prórroga impulsada ao abeiro doutra decisión do Executivo do PP. 

  Foi posible grazas á reforma da Lei de Costas impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy no verán de 2012 malia o rexeitamento dos colectivos contrarios á ENCE ou do Concello e da Deputación de Pontevedra. Nunca da Xunta, que se moveu sempre ao rego que marcaba o PP en Madrid. Mesmo para cambiar a opinión manifestada polo partido en Galicia nos seus programas. 

  Con aquela mudanza, as concesións para a ocupación do dominio público marítimo terrestre existentes e outorgadas antes da entrada en vigor da nova norma podían ser prorrogadas “a instancias do seu titular”. ENCE solicitouno en 2013. Malia que a concesión non remataba até 2018 e a pesar de que o Executivo estaba en funcións --polo que debía limitar a súa xestión ao “despacho ordinario dos asuntos públicos” agás “casos de urxencia”--, deulle para adiante á prórroga de 60 anos, poucos meses antes da celebración dunhas novas eleccións xerais. Aquela medida provocou mesmo que Rajoy, veciño tanto tempo da cidade, fose declarado “non grato” en Pontevedra polo pleno municipal. 

  Agora o Estado, a través da súa Avogacía, acaba de desmontar a xustificación do Goberno do PP para a prórroga e de botar abaixo a súa argumentación, advertindo que aquela concesión non foi “conforme a dereito”. Baséase fundamentalmente en dous aspectos: en que non se pode estender a súa localización tanto tempo e en que non ninguén pode dicir que non poida mudarse a outro lugar. 

  Déixao claro a Avogacía do Estado no escrito remitida á Audiencia Nacional, e ao que tivo acceso Praza.gal, para desistir na defensa da medida. Alude a un ditame do Consello de Estado que fixou o “prazo máximo” dunha concesión en 75 anos, pero desde que se estableceu nun inicio. Xa que logo, e dado que a ENCE foille dada en 1958, esta caduca en 2033. De aí que a prórroga non sexa “conforme a dereito”. 

  Ademais, o escrito lembra tamén que a normativa de Costas advirte de que “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre” naquelas instalacións que “pola súa natureza non poidan ter outra localización”. Así, lembra que “non queda xustificado” por parte do Goberno central que a situación da pasteira sobre este dominio público marítimo-terrestre “non poida ter outro emprazamento”.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados