O padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou de novo en 2018 até alcanzar as 519.646 persoas. Son, xa que logo, case 520.000 os cidadáns residentes fóra do Estado español, con nacionalidade española e empadroadas a efectos electorais nalgunha provincia galega.
Así define este colectivo o Instituto Nacional de Estatística (INE), que vén de facer público os últimos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2019 do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). Son, xa que logo, o número global de galegos – administrativamente falando – que viven fóra de España, incluíndose aí tanto aqueles nacidos en Galicia, como os seus descendentes con pasaporte español ou novos emigrantes que marcharon nestes últimos anos. Do total de cidadáns incluídos neste padrón, o 70,8% non naceu en Galicia. Tan só o 29,2% é orixinario do país.
O padrón de galegos residentes no estranxeiro aumentou un 0,6% en total en 2018, até alcanzar as case 520.000 persoas, malia descender o número de persoas nadas en Galicia que vive fóra de España
Segundo os datos do INE, o padrón dos galegos no estranxeiro aumentou nun total de 3.127 persoas nun ano, até alcanzar esas 519.646 fronte ás 516.489 rexistradas na mesma data de doce meses antes, o que supón un lixeiro aumento do 0,6%.
Non quere dicir isto, no entanto, que a emigración galega aumentase no último ano, polo menos cara a fóra do Estado. De feito, de termos en conta, dentro do devandito padrón, os galegos nados en Galicia e residentes no estranxeiro na actualidade, a cifra descendeu con respecto a comezos de 2018.
Así, mentres hai máis dun ano eran 154.312 o número de persoas nacidas en Galicia que vivían nalgún país fóra de España, a principios deste 2019 a cifra baixou ás 151.763, 2.549 menos, o que supón un descenso do 1,7%.