E-distrito

Noticias

Eliminan 205.000 eucaliptos e acacias na deseucaliptización simultánea

Eliminan 205.000 eucaliptos e acacias na deseucaliptización simultánea

  Máis de 360 persoas reunidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal percorreron 145.000 metros cadrados en diversos puntos do país

  29 marzo 2019

  Durante a pasada semana, os días 21 e 23 de marzo, coincidindo co Día Mundial dos Bosques, a rede Cousa de Raíces, que promove a defensa e conservación do bosque galego, lanzou a primeira deseucaliptización simultánea celebrada en Galicia, con máis dunha decena de actividades en diferentes puntos do país que contaron coa colaboración de propietarios e comunidades de montes destas zonas. Foron en total máis de 360 persoas voluntarias as que participaron na iniciativa, que se saldou, segundo os organizadores, “con impresionantes resultados na eliminación de especies exóticas invasoras dos montes galegos”. Foron, segundo os datos que achega a plataforma, “máis de 205.000 exemplares de, sobre todo, eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte”, ademais doutras especies como a herba da pampa (Cortaderia selloana) ou algúns pes de Pinus radiata.

  A especie máis eliminada foi o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra (Acacia melanoxylon), da mimosa (Acacia dealbata) e da herba da pampa (Cortaderia selloana). Tamén se eliminaron algúns pés de piñeiro da especie Pinus radiata nos montes de Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade.

  Á falta de confirmar algúns datos ofrecidos polas entidades promotoras das eliminacións, o número de pés vexetais eliminados en total foi de 206.892 pés de eucaliptos, acacias e en menor medida piñeiros. Máis da metade, segundo os datos que achegou Cousa de Raíces, retiráronse no monte Cruceiro das Torres, en Gradín (Ponte Caldelas), onde 115 voluntarios eliminaron 136.800 exemplares de eucalipto (120.000 plántulas+ 16.800 rebrotes de cepa) o sábado 23 de marzo en 22.000 metros cadrados de superficie.

  O obxectivo da deseucaliptización simultánea era o de favorecer a retirada, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias e proliferando descontroladamente”, segundo denuncia Cousa de Raíces. Con esta acción quíxose “poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario e que non debemos chamarlle bosque ao que non o é, como é o caso das formacións de especies forestais exóticas e invasoras”.

  A deseucaliptización simultánea contou co apoio de 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común. Percorréronse 145.000 metros cadrados (14,5 hectáreas) de superficie en montes das localidades de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, A Coruña, Mondariz, Ponteareas, Agolada, Caldas de Reis, Melón, Ponte Caldelas, Teis e Lousame.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados